E-distrito

Noticias

O castelán xa é o idioma predominante en Galicia

O castelán xa é o idioma predominante en Galicia

  A poboación que declara falar acotío "sempre" en castelán achégase ao 30% e a que o fai en galego cae por baixo do 24%, segundo os datos que vén de actualizar o IGE

  Na infancia a capacidade de falar en galego cae por baixo do 70% e a posibilidade de escribilo apenas supera o 61%

  14 outubro 2024

  As tendencias apuntábano e os datos oficiais máis recentes acredítano. O galego xa non é a lingua predominante en Galicia, cando menos non en canto ao seu uso cotián. O Instituto Galego de Estatística actualizou este 11 de outubro de 2024 o módulo de coñecemento e uso do galego da súa enquisa estrutural a fogares e as grandes cifras do estudo non traen consigo boas novas en canto ao emprego habitual da lingua propia de Galicia.

  Mentres que hai cinco anos este mesmo inquérito reflectía que o galego resistía como lingua maioritaria da poboación, desta volta as liñas crúzanse. A poboación que declara falar habitualmente "en castelán sempre" elévase ata o 29,2%, cinco puntos máis. Mentres, a que indica que "sempre" fala en galego cae por baixo do 24%, un 23,99% que, segundo a serie estatística consolidada polo IGE, supón unha caída superior aos 6 puntos.

  Dado que, como en anteriores inquéritos, a poboación que explica que fala "máis castelán ca galego" é máis que a que o fai á inversa (23,74% fronte a 21,52%), a suma de quen fala sempre ou máis en castelán xa supera a metade da poboación e chega ao 52,94%, unha proporción que hai cinco anos estaba un chisco por riba do 47% e que hai dúas décadas, cando principia a serie histórica dos datos, non chegaba ao 40%.

  Pola contra, as persoas que falan sempre en galego ou máis en galego que en castelán xa son minoría, un 45,51%, o que supón un retroceso superior a seis puntos a respecto dos datos de 2018. No inicio da serie, no ano 2003, o galego era a claramente a lingua predominante toda vez que o 61,2% da poboación declaraba falar só en galego ou máis en galego.

  Diferenzas por idades

  Como adoito, unha das grandes variables no uso cotián do galego e do castelán está ligada coa idade. A suma de quen fala "sempre" en galego e "máis galego ca castelán" diminúe con claridade en todas as franxas tras as lixeira recuperación nalgunhas delas na anterior edición da enquisa. Pero faino de maneira máis acusada entre as xeracións máis mozas. Así, na infancia de 5 a 14 anos apenas un 16% fala sempre ou máis en galego, un descenso próximo aos 10 puntos.

  Unha diminución semellante prodúcese entre a mocidade de 15 a 29 anos, con só un 28% resultante da suma de quen fala só ou maioritariamente en galego na súa vida diaria. En dous grupos de idade, o de 50 a 64 anos e o de maiores de 65, o galego segue a ser o idioma predominante, pero tamén nestes casos diminúe o seu uso habitual, segundo os datos do IGE.

  Ao descendermos ao detalle das cifras desagregadas por idades é posible observar como o uso do castelán "sempre" medra con especial forza entre a poboación menor de 29 anos. E na infancia, de 5 a 14, esta opción xa é a claramente maioritaria ao ascender por riba do 53%. Tamén supera o 40% entre mozas e mozos de 15 a 29 anos.

  Mentres, o emprego do galego "sempre" é a opción máis ampla, mais non maioritaria, entre persoas de 65 ou máis anos, aínda que cun 40,34% que implica un retroceso superior aos 8 puntos en cinco ano e de máis de vinte e cinco puntos a respecto do ano 2003. A opción "máis galego ca castelán" aínda medra na poboación de máis idade, pero diminúe en todas as demais.

  Amplo coñecemento, pero á baixa

  Esta preocupante radiografía en canto ao uso do galego rexístrase nun contexto no que, segundo os datos do IGE, o coñecemento do idioma é moi amplo na sociedade, aínda que tamén vai en retroceso. As persoas que din entender "moito" ou "bastante" a lingua galega seguen superando o 90%, pero caen dous puntos en cinco anos e quedan no 93,4%.

  Máis acusado é o descenso da proporción de poboación que declara saber falar galego "moito" ou "bastante". Cun retroceso superior aos catro puntos, fica no 83,4%. No que atinxe á poboación con capacidade de escribir galego, a liña ascendente de todas as anteriores edicións da enquisa inverte a súa tendencia e pasa dun 62,14% hai cinco anos a algo menos dun 61%.

  Como no referido ao uso, tamén no coñecemento a idade é unha variable clave. Así, no total da poboación quen entende "moito" ou "bastante" o galego é máis do 90% e así sucede tamén en todas as franxas de idade agás nunha, a da infancia de 5 a 14 anos. No seu caso queda no 86%. [Un terzo dos menores de 15 anos non sabe falar galego e só un 16% emprega a lingua acotío].

  Os valores son aínda máis cativos no referido á fala. A capacidade de falar en galego cae por baixo do 70% entre as nenas e nenos e a posibilidade de escribilo apenas supera o 61%. Estes valores roldan o 80% entre a adolescencia. Mentres, case o 90% da poboación maior de 65 anos di saber falar en galego, pero nese sector o coñecemento para escribilo cae por baixo do terzo do total.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados