E-distrito

Noticias

"A postura americana é aterradora, a europea incoherente. Ensinarase Gaza como o momento clave do declive moral de Occidente"

"A postura americana é aterradora, a europea incoherente. Ensinarase Gaza como o momento clave do declive moral de Occidente"

  Entrevista co profesor Bichara Khader, especialista en relacións euro-árabes.

  08 outubro 2024

  Hai pouco máis de tres meses o profesor Bichara Khader estivo en Compostela invitado polo Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI), en colaboración coa Fundación Araguaney e a Universidade de Santiago, para presentar o seu último ensaio, Palestina: A traxedia permanente (1948-2024), publicado en galego polo Igadi. Nese momento, amosábase falto de esperanza sobre o futuro inmediato do seu país e do conxunto de Oriente Medio: "con este Israel non vexo unha luz no horizonte".

  Volvemos falar con el, nun momento no que non só continúa a agresión israelí a Gaza e Cisxordania, senón que ademais as tropas de Tel-Aviv invadiron o territorio do Líbano, nunha escalada do conflito que ameaza con provocar consecuencias aínda peores para a rexión. Bichara Khader (Zababdeh, Palestina, 1944), profesor emérito da Universidade Católica de Lovaina, é especialista nas relacións euro-árabes. Preguntámoslle pola situación creada nos últimos días polos ataques ao Líbano, a resposta iraniana e a actitude mantida por Estados Unidos e Europa.

  Irán respondeu á invasión do Líbano por parte de Tel-Aviv co lanzamento de mísiles. Cal cres que vai ser a resposta de Israel nos vindeiros días?

  A escalada actual no conflito é a proba de que a cuestión palestina é o epicentro da conflitividade no Medio Oriente. Como escribín nun pequeno libro publicado en galego polo IGADI titulado Palestina a traxedia permanente, Palestina é "a nai de case todos os conflitos interestatais e intraestatais na rexión de Medio Oriente, e un factor decisivo na inestabilidade da rexión". O seu efecto domino sentiuse ao longo das últimas décadas. A tensión entre Hezbolá e Israel é a proba deste efecto e a escalada bélica entre Israel e Irán é outra proba. Hai que lembrar que Israel derrubou o consulado iraniano en Damasco matando varios responsables iranianos, asasinou en Irán o dirixente palestino Ismail Haniye, humillando os iranianos. E, ademais, asasinou o máximo dirixente de Hezbolá no Libano e varios dirixentes da organización. 

  Esta seria macabre desatou unha onda de represalias. Irán non podía quedar cos brazos cruzados e lanzou os seus mísiles sobre Israel sen moitos danos. E Israel prepara, din os medios de comunicación, a súa resposta co beneplácito, e quizais o apopo ou participación directa dos Estados Unidos. É o soño de Netanyahu: acabar con todos os actores rexionais (Estados e organizacións) que rexeitan a política israelí nos territorios ocupados, denuncian o xenocidio de Gaza e manifestan a súa solidariedade co pobo palestino. O posible ataque de Israel pode ser devastador.  

  Israel é quen de rematar militar e socialmente con Hezbolá? É algo que estea nos seus plans? Pensa nunha ocupación permanente do Líbano ou de parte do seu territorio?

  Israel practica a doutrina Dahiya: devastar todo en modo desproporcionado para acabar con toda resistencia. Despois de eliminar os dirixentes de Hezbolá, enviou as súas tropas ao Líbano, forzando a evacuación das vilas, devastando infraestruturas, aterrorizando os habitantes e matando miles de civís. Está repetindo no Líbano a carnizaría de Gaza e aterrorizando os habitantes. Poderá debilitar a Hezbolá pero dificilmente pode derrotalo.

  Hai algo máis que Israel poida facer nesta sucesión de agresións que modifique a actual respuesta internacional, sobre todo a dos seus aliados (EEUU e satélites)? Hai algunha liña vermella que non pode cruzar?

  Dende hai un ano, Israel está reducindo Gaza a cascallos, matando 42.000 persoas e ferindo case 100.000 con bombas americanas. Gaza foi o sinal dun colapso moral non soamente de Israel, senón tamén dos seus aliados americanos e europeos. Nin a alarma mundial, nin os chamamentos a un cesamento do fogo parecen parar o xenocidio. Netanyahu sabe que pode contar co apoio dos Estados Unidos. 

  Influirán as eleccións estadounidenses no apoio de Washington a Netanyahu?

  Netanyahu sabe perfectamente que durante unha campaña electoral ningún dirixente americano se permite o luxo de distanciarse de Israel, criticar as súas políticas e pór en dúbida a súa estratexia. Houbo unha certa tensión nas relacións co presidente Biden. A escalada bélica con Irán ten como obxectivo de suturar a fenda cos Estados Unidos que declararon a súa solidariedade con Israel e a súa disposición a protexelo. 

  Antes dos atentados de Hamas, Israel conseguira avances na "normalización" das súas relacións con Emiratos Árabes Unidos e Bahrain e con outros países musulmáns como Marrocos, achegándose tamén a Arabia Saudí. As invasións de Gaza e agora do Líbano supoñen un freo nese proceso e afastaron outros aliados habituais de Israel. Cres que a Tel-Aviv lle compensa esta carreira cara adiante?

  O ataque de Hamas do 7 de outubro non ocorreu no baleiro, como lembrou o secretario xeral das Nacións Unidas. O contexto histórico non se pode descartar: unha ocupación duradeira e tiránica, negociacións erradas, anexión desenfreada, criminalización da resistencia non violenta, complicidade americana, compracencia europea, e normalización duns estados árabes co ocupante israelí. 

  Eu penso que o ataque de Hamas tiña moitas motivacións: o asedio de Gaza, cinco ofensivas militares israelís dende 2008 e un sentimento de abandono por parte da comunidade internacional e árabe. Frear a normalización entre Israel e Arabia Saudita foi outro motivo. Conseguiuno, pero facendo pagar un prezo exorbitante aos habitantes de Gaza.

  Netanyahu está actuando pensando na súa propia supervivencia política, na procura de apoios internos á súa figura? Nestes momentos pódese esperar da propia sociedade israelí que deteña esta tolemia?

  Os medios de comunicación están obsesionados pola figura de Netanyahu. Claro que lle importa a súa supervivencia política. É evidente que prolongar o conflito e sobre todo estendelo á rexión serve ao seu interese persoal. Pero o problema non é Netanhyu, senón a política israelí dende 1967: unha política cuxo obxectivo é perpetuar a ocupación, multiplicar os asentamentos, invisibilizar a cuestión palestina e rexeitar o dereito dos palestinos á autodeterminación. 

  Todos os gobernos israelís desde 1967, con poucos matices, conduciron esta política. Co goberno actual israelí non hai ambigüidade posible: nin Proceso de paz, nin Estado Palestino, nin igualdade. En resumo, un apartheid declarado e asumido.  

  O sucedido nos últimos meses fortaleceu tamén a Hamas?

  Quizais Hamas preséntase agora como a "verdadeira resistencia", fortalecéndose na sociedade palestina, pero isto é mais debido á inepcia da Autoridade Palestina e a decepción dos palestinos coa súa actuación. 

  Como valoras a resposta das sociedades occidentais ante o xenocidio que está practicando Israel? Hai un rexeitamento crecente, pero é abondo esta indignación? As mortes de miles de persoas importan o suficiente no día a día dos europeos?

  Gaza define Occidente. A postura americana é aterradora. Europa brilla pola súa ineficacia, incoherencia e división. Gaza polarizou partidos políticos; comunidades e sociedades. Gaza revelou a dobre vara de medir de Occidente e destruíu a orde internacional baseado sobre regras. Ensinarase o caso de Gaza e, en xeral, de Palestina, como o momento clave do declive moral de Occidente. Josep Borrell foi a voz da verdade na Comisión Europea pero non foi apoiado polo presidente alemán da Comisión. Uns países, como España, Irlanda e Noruega fixeron gala de coraxe e sabedoría. Pero Francia non foi audaz, mentres que Alemaña fixo de Israel unha "razón de estado" cun apoio incondicional. 

  Ao tempo, as sociedades civís occidentais foron máis contundentes no seu rexeitamento da política israelí en Gaza e en Palestina. As universidades mobilizáronse a pesar de moitas presións sobre todo nos Estados Unidos. Moitos xudeus participaron nas manifestacións por un cesamento do fogo en Gaza e en apoio aos dereitos palestinos. A fenda entre os políticos e as sociedades civís occidentais é reveladora da derrota moral de moitos estados occidentais.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados