E-distrito

Noticias

Afecta o cambio climático á saúde? 25.000 mortes prematuras anuais en España pola mala calidade do aire

Afecta o cambio climático á saúde? 25.000 mortes prematuras anuais en España pola mala calidade do aire

   Son datos da Axencia Europea do Medio Ambiente que nos traslada a catedrática de Toxicoloxía e profesora da USC María Julia Melgar Riol.

  Tamén apunta a que "en 2023 houbo máis de 8 millóns de mortes prematuras por exposición a contaminantes atmosféricos".

  02 xullo 2024

  Pode o cambio climático afectar á nosa saúde? A resposta é si. E como? Pois de moitas maneiras: dende enfermidades respiratorias ata chegada de novas especies invasoras transmisoras de patóxenos pasando por estrés térmico ou afectación á saúde mental. Para coñecer polo miúdo cada unha delas contactamos coa profesora da Universidade de Santiago de Compostela (USC) María Julia Melgar Riol, catedrática de Toxicoloxía que nos expón toda unha serie de datos que evidencian que as mortes asociadas ao cambio climático son cada vez máis numerosas, coincidindo coa aceleración do mesmo.

   "O cambio climático, a través da contaminación, está a afectar aos nosos ecosistemas, tanto ao planeta, a súa parte inmaterial, como a todos os seus habitantes, animais e vexetación, dende o seu plano material", explica Melgar Riol, que afirma que "a polución e a contaminación están afectando aos tres ámbitos da Terra: aire, auga e solo". Para a profesora, o gran problema é que, a pesares de que sempre houbo cambio climático debido á contaminación natural, como a causada polas erupcións dos volcáns, as areas do deserto, os lumes... O gran problema foi que "a partir de mediados do século XIX, cando comeza a etapa industrial, esta contaminación deixase notar máis, sendo a base do que hoxe coñecemos como cambio climático". E aínda que o cambio climático afecta a moitos aspectos, un deles, fundamental, é a saúde.

   Pero para saber como afecta á saúde, Melgar Riol incide na necesidade de saber que é a saúde: "Véxoo un concepto tan amplo que é moi difícil abarcalo todo". Segundo a definición dada pola Organización Mundial da Saúde (OMS), en 1948, a saúde é o estado de completo benestar físico, mental e social, non soamente a ausencia de enfermidades. Deste xeito, que inclúe? Porque, tal e como explica a profesora, "benestar tamén é ter unha casa acomodada ou poder desfrutar dunhas vacacións, é un termo tan amplo que realmente cando nos plantexamos a influencia da calidade ambiental no cambio climático e na saúde ao final buscamos só os efectos negativos que afecten á nosa saúde en termos de patoloxía, aínda que eu creo que tamén se debe ter en conta todo o que afecta á vivenda, aos bens das persoas e dárlle unha visión moito máis ampla".

   De feito, a raíz da axenda 2030 ditada pola Organización de Nacións Unidas (ONU) derívanse toda unha serie de obxectivos sobre o desenvolvemento sostible, un deles que reforza precisamente esa idea de dereito á saúde, apoiada nun trípode: lograr que para o ano 2030 haxa unha cobertura sanitaria universal; reducir nun terzo a mortandade prematura por enfermidades non transmisibles; e reducir substancialmente de cara a 2030 o número de mortes e enfermidades causadas por produtos químicos perigosos que atinxen á contaminación do aire, da auga e do solo. E é que, como apunta a profesora da USC, "na atmósfera hai suspendidas substancias sólidas, partículas en suspensión, que son as que máis están a afectar á saúde das persoas, e que son emitidas, fundamentalmente, pola combustión de materiais fósiles, como o petróleo ou o carbón".

   Ademais, tamén se debe ter en conta que non a saúde de todas as persoas é igual de fráxil ou de resistente, nin se ve afectada polos mesmos problemas, xa que, "depende, fundamentalmente, de factores xenéticos, que nos farán máis propensos a padecer unhas enfermidades ou outras ou a que nos afecten máis uns factores externos ou outros, entre eles os mediambientais". Sexa como fose, é innegable dicir, chegados a este punto, que "a contaminación do aire" con estas substancias sólidas está a causar altas mortandades. Segundo os datos aos que apunta Melgar Riol, "en 2023 cifráronse en máis de 8 millóns as mortes prematuras pola exposición a contaminantes atmosféricos", o cal "é moito", evidencia. 

   "DENDE 2015 ESTASE LOITANDO PARA QUE A TEMPERATURA MEDIA GLOBAL NON SOBREPASE OS 1,5 GRAOS, E NO 2023 XA NOS QUEDAMOS AO REDOR DOS 1,45"

   A isto súmase a afectación que sobre a saúde ten a suba das temperaturas como consecuencia do cambio climático. Como apunta a profesora da USC, "estase loitando dende a Conferencia de París do ano 2015 porque esa temperatura media global non sobrepase os 1,5 graos, tomando como referencia a temperatura da etapa preindustrial, mediados do século XIX", pero "temos información de que xa en xaneiro do pasado ano 2023 se chegou a superar esa cifra, chegando aos 1,56 graos". Agora ben, "foi de xeito puntual", pero fixándonos no conxunta anual, xa non andamos moi lonxe deses 1,5 graos: "no 2023 estivemos ao redor dos 1,45 graos".

   Que significa isto? "Que dende que hai rexistros de temperaturas globais medias, dende o ano 1958, o de 2023 foi o ano coa temperatura máis elevada nese global", conclúe Melgar Riol, que afirma que antes desa data "o período máis cálido fóra o verán do ano 2003". Naquel verán sufocante "o número de mortes sobrepasou a media dos últimos cinco anos para o conxunto de España, chegando aos 6.500 falecementos a consecuencia desa onda de calor estival". No conxunto de Europa, a cifra elevouse ás 70.000 mortes, tamén por enriba da media que viña sendo habitual nos cinco anos precedentes. "Son cifras verdadeiramente alarmantes", advirte a profesora, que asegura, sen lugar a dúbidas, que "esta elevación da temperatura vén ligada á emisión dunha serie de gases".

   "O EFECTO INVERNADOIRO FAI QUE A RADICACIÓN SOLAR QUE CHEGA Á TERRA QUEDE ATRAPADA E A TEMPERATURA AUMENTE MÁIS DO PRECISO PARA A VIDA"

   Dende o punto de vista científico, fálase dos gases de efecto invernadoiro. Melgar Riol explica que "hai uns gases de efecto invernadoiro que son naturais: o CO2 (dióxido de carbono), o monóxido de carbono e o metano; eses no seu ser natural están por enriba da superficie do planeta, na primeira capa da atmósfera, e actúan como un filtro que é preciso para que a radiación solar que chega ata a Terra sexa rebotada". Pero "parte desa radiación solar, debido a esa capa de gases naturais, tamén queda retida, o que facilita a vida na superficie do planeta, pois en caso contrario teríamos demasiado frío, pois falamos de que elévase a temperatura grazas a esa radiación da orde de 30 graos". Así, unha parte da radiación queda atrapada e outra devólvese cara o exterior, cara o espazo.

   Que sucedeu dende a etapa preindustrial cara esta parte? Como apunta a profesora da USC, que "eses gases foron aumentando na súa concentración, así como outros novos gases (óxidos de nitróxeno, óxidos de xofre, ozono...), o cal fixo que esa capa filtrante aumentase desmesuradamente". Que acontece en consecuencia? "Que a radiación solar chega á Terra igual, porque é inimutable, pero que o que se devolve ao espazo xa é moi pouco, quedando atrapados a maioría deses gases que aumentaron de xeito considerable, o que provoca a elevación da temperatura terrestre máis do ordinario, máis do que é preciso para a vida", indica, asegurando que, "afortunadamente, polo de agora a vida na Terra segue a ser viable, pero cada vez a media da temperatura increméntase máis do que se precisa".

   "CAMBIOS CLIMÁTICOS HOUBO SEMPRE, PERO ESTES GASES ESTÁN ACELERANDO A VELOCIDADE COA QUE SE PRODUCEN, XERANDO DESEQUILIBRIOS"

   Por outra banda, Melgar Riol tamén convida a reflexionar sobre que "cambio climático houbo sempre, a Terra pasou por etapas de glaciacións e de quencemento", pero "o que acontece neste intre é que a ese cambio climático natural estanse engadindo estes gases de efecto invernadoiro, o que está acelerando a velocidade coa que se producen os cambios climáticos, observándose nunha mesma xeración, non en séculos ou milenios". Isto desencadea "desequilibrios" dos que xa estamos sendo testemuños, con cambios bruscos e inexplicables no tempo: tivemos un mes de xaneiro con días de moito calor e, de súpeto, a finais da primavera e no mes de marzo chegaron días de moito frío. Polo que o cambio climático tamén se evidencia "nesa montaña rusa de alteracións", algo que "obviamente tamén incide na saúde das persoas de xeito desproporcionado, como xa estamos vendo".

   A profesora expón algunhas cifras correspondentes ao ano 2023: segundo a Axencia Europea do Medio Ambiente cada ano falecen prematuramente 25.000 persoas en España por enfermidades agravadas pola mala calidade do aire, 238.000 a nivel Europea, causadas por partículas finas en suspensión que se xeran pola combustión de materias fósiles, especialmente en zonas urbanas; e un estudo publicado no British Medical Jounal apunta a que cada ano se producen uns 8,3 millóns de mortes prematuras a escala mundial a causa dos contaminantes atmosféricos, sobre todo ás partículas finas e ao ozono. Entón, outro tipo de impactos do cambio climático sobre a saúde son as enfermidades respiratorias como tal, as que todos coñecemos, causa dos contaminantes.

   "ESTÁ COMPROBADO QUE O POLE PODE PEGARSE ÁS PARTÍCULAS FINAS EN SUSPENSIÓN E POTENCIAR A AFECTACIÓN AO SISTEMA RESPIRATORIO"

   A isto hai que sumar aspectos relacionados coa seguridade alimentaria e a zoonose (enfermidades transmisibles de animais ao home), así como a calidade da auga e as enfermidades transmitidas por vectores (mosquitos, moscas, garrapatas...). En consideración de Melgar Riol, a afectación máis importante do cambio climático sobre a saúde por ser a que máis mortes está causando son "as enfermidades que afectan ao sistema cardiorespiratorio". "A calor, o estrés térmico, xa vai producir que ante temperaturas moi altas as persoas con enfermidades crónicas ou as máis maiores se atopen peor, puidendo causarlles non só morbilidade, senón mortalidade; pero a iso súmase que os problemas respiratorios se vén agravados por algo que cada ano padecemos antes: a polinización, que antes só afectaba nos meses de maio e xuño e agora comeza xa en febreiro, cun período de floración das plantas que se vai ampliando cada ano". Por se fose pouco por si só, "ese pole pode pegarse, está comprobado, ás partículas en suspensión, potenciándoo".

   "VECTORES TRANSMISORES DE ENFERMIDADES QUE REQUIRÍAN TEMPERATURAS MÁIS ALTAS, AO IR AUMENTANDO, ATOPAN TAMÉN AQUÍ UN HÁBITAT FAVORABLE"

   E dende o punto de vista da chegada de novos vectores transmisores de enfermidades, o cambio climático está provocando a chegada a lugares impropios delas de especies perigosas para a vida humana. Melgar Riol explica que "enfermidades que son endémicas de países tropicais como África, como é o caso da malaria ou o paludismo, mediadas por mosquitos e moscas que requirían de temperaturas adecuadas, máis altas que as propias do noso clima, ao ir aumentando a temperatura na nosa terra atopan tamén aquí un hábitat favorable no que instalarse". Así as cousas, "é máis doado que este tipo de febres, o dengue ou a leismaniose, se propaguen en Galicia agora". De feito, pon o exemplo de casos de leismaniose detectados en animais en Lugo, onde o mosquito flebotomus, o vector transmisor, aumentou moito a súa presenza, polo que poderían chegar a pasar a enfermidade ao home por zoonose; o mesmo que a gripe aviar, unha gran preocupación na Mariña lucense onde aves que contraen esa gripe xa lla están a transmitir ao gando vacún, puidendo chegar tamén ao home.

   "OS AUMENTO NO NÚMERO DE SUICIDIOS NON SE PODE ACHACAR A UNHA ÚNICA CAUSA, AÍNDA QUE SEN DÚBIDA O CAMBIO CLIMÁTICO PODE INFLUÍR"

   Finalmente, aínda que ás veces non se lle dá toda a importancia que ten, o cambio climático tamén afecta sobre a saúde mental das persoas. Fai uns días saltaba a alerta de que mesmo está facendo que os casos de suicidio aumenten, pero para a profesora da USC, "non se pode achacar ese aumento a unha única causa, aínda que sen dúbida poida influír". Como tamén inflúe "o sometemento propio da era dixital na que nos atopamos, que está a avocar tamén a moitos suicidios, porque o uso das pantallas tamén afecta á nosa saúde mental". De igual xeito, "sen dúbida o cambio climático tamén inflúe sobre esta problemática, pero non de forma absoluta, senón que hai todo un conxunto de factores de risco". Aquí tamén pon o acento nesa influencia que poden ter os factores xenéticos, pois cada persoa é un mundo. En conclusión, para Melgar Riol "hai que admitir unha realidade: que o cambio climático está aquí e que o estamos sufrindo, pero que tamén temos medios e estamos poñendo recursos para corrixilo, polo que o primeiro que hai que facer é concienciar socialmente".

   "POR CADA GRAO QUE SE SUPERA O UMBRAL DE TEMPERATURA MÁXIMA DE ALERTA, O RISCO DE MORTANDADE CRECE AO REDOR DUN 10 %"

   Xa de cara ao verán, chama a non esquecer os umbrais de temperatura máxima de alerta fixados polo Ministerio de Sanidade en cada provincia. Na Coruña o umbral máximo está nos 27 graos, sendo esta a marca na que xa comezaría o risco para as enfermidades cardiovasculares, respiratorias, para mulleres xestantes ou maiores. En Ourense ese umbral está en 37,4 graos, dez máis que na Coruña. En Pontevedra está en 28,9; e, en Lugo, en 32,3. A que se deben estas diferenzas? A profesa da USC apunta a "influencia da humidade, pois a humidades excesiva coincide con poboacións costeiras, e fainos menos resistentes e máis vulnerables á calor, mentres que nas zonas de interior resisten máis, porque teñen un mecanismo de defensa que é a transpiración, pois ao suar facilítase que a pel se refresque e se reduza o estrés térmico". Sexa como fose, "por cada grao de temperatura que se supera ese umbral marcado en cada provincia o risco de mortandade crece ao redor dun 10 %".

   En conclusión, unha vez que nos concienciamos sobre o que acontece, por responsabilidade, é preciso pór medidas para reducir a pegada de carbono (os gases de efecto invernadoiro) e poder mitigar os efectos negativos: dende o ámbito institucional, tanto a nivel mundial como de países, promovendo leis protectoras e orientando a educación medioambiental; dende o ámbito empresarial mellorando a tecnoloxía dos procesos; e dende o ámbito persoal, corrixindo hábitos consumistas, o que supón reducir, reciclar e reutilizar residuos á hora de renovar vestiario, perseguir a última tecnoloxía, utilizar os medios de transporte... esixíndonos moderación no día a día.

   Derivado de Galicia Confidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados