E-distrito

Noticias

A Xunta impulsa o novo proxecto da mina de Touro "con melloras" tres anos despois de frear o orixinal polo seu impacto

A Xunta impulsa o novo proxecto da mina de Touro "con melloras" tres anos despois de frear o orixinal polo seu impacto

  Con éste son xa oito os proxectos declarados como estratéxicos para acelerar a súa tramitación:

   Un centro de produción de hidróxeno de Reganosa e EDP nas Pontes, unha fábrica de rodas de Sentury Tire nesa mesma localidade, na que tamén se quere instalar unha planta de reciclaxe de fibras de Ence, así como unha planta de metanol en Mugardos, a fábrica de Altri en Palas de Rei, unha planta de hidróxeno de Naturgy, Repsol e Reganosa en Cerceda e unha factoría de peixe de Stolt Sea Farm en Rianxo.

  25 xuño 2024

  O Consello da Xunta decidiu na súa reunión deste luns declarar proxecto industrial estratéxico a reactivación da explotación de cobre na mina dese material que hai entre os concellos de Touro e O Pino por parte de Cobre San Rafael. Faino tres anos despois de tombar polo seu impacto ambiental o proxecto anterior que presentaran os mesmos promotores. Agora o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, asegura que o novo proxecto "aposta por un modelo industrial sostible e eficiente".

  Na mina de Touro extraeuse cobre ata 1986 e desde aquela o espazo vén sendo empregado por Explotaciones Gallegas para a obtención de áridos sen que se acadase neste tempo unha restauración e xestión adecuadas, como veñen poñendo de manifesto sucesivos episodios de contaminación das augas circundantes, que acaban no río Ulla e na ría de Arousa.

  En 2018 Atalaya Mining impulsou un proxecto, denominado Cobre San Rafael, para retomar a extracción de cobre que concitou tanto unha forte oposición ecoloxista e veciñal como apoios de parte da poboación que defendeu a necesidade de novos postos de traballo. A comezos de 2020 a Xunta emitía unha declaración de impacto ambiental negativa daquel proxecto e un ano máis tarde confirmábao. Porén, nin a empresa nin os defensores do proxecto abandonaron o seu obxectivo.

  O presidente da Xunta di que o proxecto investirá "case 200 millóns de euros" que permitirán crear "394 postos de traballo"

  Coa decisión deste luns de declarar o novo proxecto como "estratéxico" a Xunta axilizará a súa tramitación reducindo á metade os prazos. Segundo Rueda o novo proxecto suporá un investimento de "case 200 millóns de euros" que permitirán crear "394 postos de traballo" e que incluirá "tamén a restauración ambiental das zonas degradadas pola antiga actividade mineira".

  O presidente da Xunta asegura que o proxecto que agora impulsa a Xunta, e que abarcará unha superficie de 812 hectáreas, "aposta por un modelo industrial sostible e eficiente" e incluirá unha planta fotovoltaica para o seu abastecemento eléctrico e unha planta de tratamento de xurro que poderá ser empregada polas explotacións gandeiras da contorna. O proxecto tamén inclúe "a reforestación de espazos con especies autóctonas".

  Coa declaración deste proxecto como "estratéxico", xa son oito os así declarados pola Xunta para acelerar a súa tramitación, xunto cun centro de produción de hidróxeno de Reganosa e EDP nas Pontes, unha fábrica de rodas de Sentury Tire nesa mesma localidade, na que tamén se quere instalar unha planta de reciclaxe de fibras de Ence, así como unha planta de metanol en Mugardos, a fábrica de Altri en Palas de Rei, unha planta de hidróxeno de Naturgy, Repsol e Reganosa en Cerceda e unha factoría de peixe de Stolt Sea Farm en Rianxo.

  Derivado de Praza

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados