E-distrito

Noticias

Europeas 9X/ O PP acada unha victoria insuficiente, o PSOE resiste, e o BNG consigue escano propio.

Europeas 9X/ O PP acada unha victoria insuficiente, o PSOE resiste, e o BNG consigue escano propio.

  A victoria popular non cumple as expectitivas para provocar un cambio de goberno e o PSOE, a dous escanos, asina un segundo posto que lle dará estabilidade á lexislatura.

  10 xuño 2024

  A dirección estatal do PP, que continúa sendo a antiga dirección do PP en Galicia con engádegas, comezou formulando as eleccións europeas do 9 de xuño como un plebiscito. Os de Alberto Núñez Feijóo pediron unha vitoria contundente, isto é, unha primeira posición cunha marxe tan ampla que o PSOE de Pedro Sánchez ficase sen argumentos e sen folgos para seguir adiante co Goberno de España construído sobre os equilibrios emanados das eleccións xerais do pasado ano.

  Os populares, efectivamente, gañaron. Pero non esmagaron. Sen contexto, os seus 14,05 de crecemento a respecto de 2019 poden xerar unha miraxe de triunfo moito maior. Pero o certo é que, alén de lle facer a parcelaria a Ciudadanos (que con 11,49 puntos menos que en 2019 non chegou este 9X ao 1%), o crecemento da extrema dereita (Vox gaña 3,41 puntos e 2 escanos, ata os 6, e o axitador ultra Alvise Pérez estréase cun 4,59% dos votos e tres asentos) non permite ao ex-presidente galego reproducir en España, nin de lonxe, a hexemonía que tivo en Galicia.

  Fronte a Feijóo, o PSOE que na recta final da campaña comezou a saborear o empate técnico cos populares non ficou moi lonxe del. Entre os múltiplos relatos de desgaste e fin de ciclo, o partido que encabeza Pedro Sánchez retrocedeu 2,68 puntos e perdeu un escano -cómpre ter en conta que España elixe agora 61 e durante a lexislatura que remata chegou a ter 57, tras o Brexit-. Para os socialistas é unha derrota xestionable, un segundo posto non especialmente agre que lles permite presentárense como cabeza resistente da alternativa ás dereitas en ascenso.

  Galicia, como adoito, é outra historia. O PP, aquí si, venceu con amplitude. Con menos marxe que nas galegas de febreiro e aínda con menos contundencia que nalgunhas eleccións europeas pasadas, pero si recuperándose dos paus que levaran tanto en 2014 como en 2019. O 43,62% de votos logrados por Alfonso Rueda supoñen un crecemento de 13,83 puntos, inferior á media estatal, pero dabondo para celebrar sen reservas, sobre todo por lograren maior porcentaxe que a suma de PSdeG e BNG.

  O PSdeG, precisamente, rematou a noite do 9X cun aquel de alivio. Perdeu a inusual primeira posición obtida hai cinco anos e retrocedeu oito puntos, pero tamén logrou o segundo posto que segue sen dar recuperado nas eleccións galegas. Nas súas primeiras eleccións tras o retorno á secretaría xeral, José Ramón Gómez Besteiro ve o seu partido na "senda da reactivación" malia ao contexto "extraordinariamente adverso" e reafírmase na súa aspiración de seren "referencia da esquerda".

  A terceira posición en votos en Galicia foi para un BNG cuxa coalición con EH Bildu e ERC, Agora Repúblicas, conseguiu unha significativa cuarta posición no cómputo total do Estado. Para o Bloque a do 9X foi unha noite de sorrisos, a comezar por Ana Pontón e Ana Miranda. Non só por conseguiren os seus mellores resultados nunhas eleccións europeas dende 1999, as que supuxeran todo un fito para a formación por dar situado a Camilo Nogueira na Eurocámara, senón porque dan por "cumprido" o obxectivo do "escano galego".

  Miranda, número tres da coalición, principiará a lexislatura con escano de seu en Bruxelas e Estrasburgo, onde tras as os períodos rotatorios das dúas lexislaturas anteriores gañará un evidente peso político. Máis aínda por ser a forza da coalición Agora Repúblicas que máis medra. Non en van, o Bloque avanza 4,33 puntos en Galicia; EH-Bildu gaña 4,23 en Euskadi -onde é primeira forza- e 2,77 en Navarra mentres ERC perde 6,40 puntos en Catalunya.

  A satisfacción do BNG, pero tamén de EH Bildu en Euskadi e Navarra, prodúcese polos seus propios resultados pero tamén en contraste coas formacións de ámbito estatal que veñen aspirando a pescar no espectro ideolóxico comunmente coñecido como a esquerda do PSOE. O resultado agregado de Sumar e Podemos non chega ao 8% dos sufraxios a nivel estatal, isto é, menos do 10,07% obtido por Unidas Podemos en 2019, coalición que acabara tendo un escano máis que os cinco (3+2) que teñen agora por separado.

  En Galicia, ambos partidos aspiraran a pescar parte do voto obtido noutrora polas mareas e as coalicións que as impulsaron, pero remataron o 9X con porcentaxes absolutamente discretas. Sumar apenas subiu do 2% dos votos e Podemos, cun 1,96%, ficou por tras do partido de Alvise Pérez.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados