E-distrito

Noticias

A pobreza infantil en Galicia: por debaixo da media estatal pero lonxe dos obxectivos da Axenda 2030.

A pobreza infantil en Galicia: por debaixo da media estatal pero lonxe dos obxectivos da Axenda 2030.

  Para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, Galicia tería que chegar a 2030 cun 14,4% de risco de pobreza infantil

  03 xuño 2024

  Nos últimos días a Plataforma de Infancia debullou os datos máis recentes da enquisa de condicións de vida do INE para poñer o foco na poboación infantil e, concretamente, no seu risco de pobreza ou exclusión social. O resultado é un informe que, en xeral, alerta dun incremento destes indicadores nos datos medios do Estado, pero con notables diferenzas territoriais.

  Galicia, como adoito, figura neste indicador con mellores datos que a media. Isto non quere dicir, non obstante, que o risco de pobreza ou exclusión social en nenas e nenos non se incrementase no noso país. De feito, fíxoo, afastando un pouco máis a consecución da meta fixada nos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030: chegar ao inicio da década vindeira coa metade de pobreza infantil que en 2015. 

  No pasado 2023 a coñecida como taxa AROPE (taxa de risco de pobreza ou exclusión) na infancia galega situouse nun 25,8% en Galicia e nun 33,9% na media do Estado. O informe salienta que o empeoramento foi a tónica dominante, se ben Galicia está no grupo de autonomías que "experimentaron crecementos menos intensos e inferiores á media" xunto a Catalunya e Navarra: o retroceso galego foi de 0,9 puntos e os catalánas e navarors, dun punto e medi.

  Para cumprir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, Galicia tería que chegar a 2030 cun 14,4% de risco de pobreza infantil

  A evolución foi mellor noutras autonomías que si conseguiron "reducións significativas" do risco de pobreza infantil. Foi o caso de Canarias, Castilla-La Mancha, Asturias e Murcia. Todo isto sucede nun contexto no que, en calquera caso, segue reproducíndose o esquema no que a pobreza infantil é máis acusada nos territorios da metade sur da Península.

  E, cal é o desempeño galego en relación cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible? Para logralos, habería que chegar a 2030 cun 14,4% de taxa de risco de pobreza ou exclusión na infancia e na adolescencia. E para chegar a ese limiar, a progresión destes últimos anos implicaría que en 2023 habería que situarse xa nun 21,1%, isto é, 4,7 puntos menos do indicador real do ano pasado.

  Así e todo, a fenda galega entre o obxectivo teórico e a situación real é tamén menor que noutras autonomías. Concretamente, é a quinta menor fenda do Estado e notablemente máis favorable que o dato para España, de -8,7 puntos. O peor desempeño neste sentido é o de Navarra e Balears, que remataron 2023 máis de quince puntos por baixo do obxectivo teórico para avanzar cara ao cumprimento da Axenda 2030 en redución da pobreza infantil. O obxectivo final para Galicia está, en calquera caso, aínda lonxe. Concretamente, aínda quedan por reducir 11,4 puntos.

  Máis esforzo público para menos pobreza infantil

  Con todos estes datos sobre a mesa, a Plataforma de Infancia reflexiona tamén sobre os deberes que os Gobernos deben abordar para reducir as taxas de pobreza infantil. Fano dende a advertencia de que "proporcionar unha contorna segura e estable aos nenos e nenas" xera "un efecto positivo que se estende ao longo da súa vida, mellorando as súas oportunidades futuras e contribuíndo ao progreso da sociedade en xeral".

Neste sentido, indican, acadar os ODS é "crucial" e neste sentido resulta "unha ferramenta realmente efectiva" as as axudas públicas "cara a fogares con nenas, nenos e adolescentes máis vulnerables". Non obstante, advirten, "estas políticas deben ser parte integral dunha estratexia máis ampla" que "rompa o ciclo da pobreza interxeracional".

  Os datos "revelan unha clara correlaciónentre o esforzo económico público en prestacións familiares" e "taxas máis baixas de pobreza infantil"

  Así, resaltan, os datos máis recentes para o conxunto da Unión Europea "revelan unha clara correlación entre o esforzo económico público en prestacións familiares e a diminución" da taxa de risco de pobreza ou exclusión. "Aqueles países que asignan maiores recursos a políticas familiares adoitan rexistrar taxas máis baixas de pobreza infantil" e viceversa, resumen. 

  No caso español, analizan que axudas existentes como o Ingreso Mínimo Vital non son dabondo. "Semella que a asistencia social vencellada a ingresos baixos resulta inadecuada tanto no seu nivel de apoio como no seu alcance", explican. "Para paliar as situacións de risco de pobreza e exclusión na infancia requírese unha ampliación significativa das políticas para abranguer máis familias en situación de risco de pobreza monetaria, xunto cun aumento substancial no grao da axuda fornecida", conclúen.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados