E-distrito

Noticias

O gran cambio de Feijóo: de solicitar o recoñecemento do estado palestino a acusar a Sánchez de "empoderar aos terroristas" por facelo.

O gran cambio de Feijóo: de solicitar o recoñecemento do estado palestino a acusar a Sánchez de "empoderar aos terroristas" por facelo.

A postura de todo o PP mudou co paso dos anos. En 1999 Aznar apoiaba a creación dun estado palestino, ao igual que Rajoy en 2014.

  29 maio 2024

  O pasado día 9 de maio fixéronse dez anos do día en que o Estado de Israel sinalou o Parlamento de Galicia como "inimigo". Fíxoo como resposta a unha declaración institucional do lexislativo galego en solidariedade co pobo palestino. Para saír adiante, este tipo de declaracións requiren de unanimidade nunha Cámara que, como agora, contaba con maioría absoluta dun PP de Galicia na altura encabezado por quen tamén era presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

  O acontecido daquela ecoa na actualidade. Feijóo agora é o líder estatal do seu partido e el mesmo, xunto con antigos dirixentes do PPdeG, como Miguel Tellado, cuestionan o recoñecemento do Estado de Palestina por parte do Goberno de España mentres contemporizan coas teses do Goberno israelí de Benjamin Netanyahu sobre as intencións do Executivo de Pedro Sánchez. Ata o punto de que, nas súas críticas e descualificacións ás autoridades españolas, o ministro de Exteriores hebreo, Israel Katz, busca abertamente a complicidade do ex-presidente galego a través de mencións nas redes sociais.

Carta remitida en maio de 2014 polo embaixador de Israel sinalando o Parlamento de Galicia como "inimigo".
.

  O ton de Katz, considerado do sector duro do equipo de Netanyahu, vai na liña do empregado polas autoridades israelís hai unha década contra o Parlamento galego. A través do seu daquela embaixador en España, Alon Bar, consideraran que reclamar "o recoñecemento do dereito ao retorno das persoas e comunidades ás terras e casas das que foron expulsadas" en Palestina suporía "a desaparición do Estado de Israel". "Con esta esixencia o Parlamento de Galicia únese aos peores e máis extremistas inimigos de Israel", acusara.

  A Cámara galega aprobou máis resolucións de apoio a Palestina en anos sucesivos, nos que tamén homenaxeou as vítimas do Holocausto

  Diante desta reacción israelí, Feijóo minimizara as críticas. Dende o atril da Presidencia da Xunta atribuíra a declaración de inimizade a unha "mala interpretación", toda vez que o expresado polo Parlamento estaba "dentro das resolucións da ONU" a respecto do conflito entre Israel e Palestina.

  O certo é que as lembranzas ao inicio do exilio do pobo palestino por mor da fundación do Estado de Israel e a prol do seu recoñecemento como Estado continuaron aprobándose en anos sucesivos no Parlamento de Galicia a través de declaracións institucionais. Así sucedeu tamén, por exemplo, no ano 2021, cando Feijóo aínda era presidente. Do mesmo xeito, a Cámara galega lembra e homenaxea as vítimas do Holocausto mediante declaracións institucionais e outros recoñecementos.

  Catro anos despois daquela declaración de Galicia como inimiga, en 2018, Feijóo viaxou a Israel como presidente. A viaxe oficial do popular fora obxecto de críticas dende a oposición, daquela conformada por En Marea, PSdeG e BNG, ao considerar que o titular da Xunta avalaba coa súa visita as accións de Israel contra Palestina.

  O ministro de Exteriores israelí inclúe mencións a Feijóo nas mensaxes nas que acusa a a Pedro Sánchez de "premiar a Hamás" e promover un "Estado terrorista" e ameaza con "facer dano en resposta"

  Esas críticas foran respondidas con displicencia polo daquela vicepresidente, Alfonso Rueda: "A algúns o que lles conviña era viaxar un pouco máis para darse conta de que é necesario saír ao exterior para promocionar Galicia", resolvera o actual presidente, que salientara que o contido da viaxe de Feijóo era fundamentalmente económico. Efectivamente, a viaxe incluíra actos nesa clave, pero o popular tamén se reunira co presidente do Parlamento israelí e visitara o Museo do Holocausto, entre outros encontros.

  O ton empregado por Rueda en 2018 aproxímase máis ao da actual dirección estatal do PP para cargar contra Sánchez polo recoñecemento de Palestina como Estado. Mentres, o ministro de Netanyahu sobe o ton das súas acusacións en mensaxes que culmina con mencións ao perfil oficial de Feijóo na rede X -o antigo Twitter- tras asegurar, por exemplo, que Pedro Sánchez e Yolanda Díaz pretenden "premiar a Hamás" ou impulsar o establecemento dun "Estado terrorista palestino", ou ameazar con "facerlles dano en resposta".

   Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados