E-distrito

Noticias

A USC rompe relacións coas universidades ou empresas israelís que non acepten un estado palestino

A USC rompe relacións coas universidades ou empresas israelís que non acepten un estado palestino

  Insta a Israel a deter o xenocidio contra a poboación e comprométese a intensificar a colaboración con universidades palestinas.

  23 maio 2024

  O equipo de goberno da Universidade de Santiago de Compostela (USC) emitiu este mércores un manifesto no que anuncia a súa intención de revisar e romper relacións con universidades, empresas ou calquera institución israelí que non asuma o "dereito á autodeterminación" de Palestina e a súa constitución como estado independente. O anuncio chega na mesma xornada en que o Goberno de España anunciou a súa intención de recoñecer oficialmente o Estado de Palestina o próximo martes e logo de que hai máis dunha semana estudantes da USC iniciasen un peche indefinido en apoio da causa palestina.

  O documento insta a Israel "a deter o xenocidio practicado contra o pobo palestino e declarar un alto o fogo inmediato e permanente, permitindo a entrada de axuda humanitaria". E á comunidade internacional a "rematar coa súa inacción e recoñecer o estado de Palestina" e o seu "dereito á autodeterminación".

  Pola súa banda, a USC comprométese a "non asinar novos convenios de colaboración, nin a manter ningún tipo de relación científica ou académica con universidades e institucións israelís, proxectos internacionais, grupos de investigación, investigadores e docentes que non asuman explicitamente os compromisos que figuran nesta declaración". Tamén revisará e suspenderá "calquera relación económica con institucións e empresas israelís que non asuman de xeito explícito os compromisos desta declaración".

A USC tamén denuncia "a destrución das universidades e institucións educativas palestinas na franxa de Gaza e os ataques de calquera tipo contra as comunidades universitarias" e comprométese a "intensificar" o seu "apoio e colaboración" coas universidades palestinas.

  A universidade remata amosando o seu apoio a "toda manifestación de solidariedade co pobo palestino" e comprométese a "manter aberto o diálogo con todas as expresións de auto organización da comunidade universitaria". O propio equipo de goberno sinala que fai esta declaración "logo dunha xuntanza mantida este mércores coa organización estudantil Erguer" e "reafirmando o posicionamento previo acordado en claustro universitario" o pasado decembro.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados