E-distrito

Noticias

De onde vén a enerxía que consumimos? Galicia, condenada á importación á espera de máis renovables

De onde vén a enerxía que consumimos? Galicia, condenada á importación á espera de máis renovables

  Galicia é na actualidade un territorio extremadamente dependente do exterior (e das fontes fósiles e contaminantes) no que atinxe ao consumo enerxético

  15 abril 2024

  Galicia é na actualidade un territorio extremadamente dependente do exterior (e das fontes fósiles e contaminantes) no que atinxe ao consumo enerxético, ao igual que a maior parte de Europa. E, segundo os datos do ano 2022 do Balance Enerxético de Galicia, publicados recentemente polo INEGA, esta dependencia mantense case inalterable nos últimos anos. De feito, dependemos durante máis de nove meses ao ano de enerxía fósil importada. Existe unha concepción errónea, aínda que moi estendida, sobre a autosuficiencia enerxética no noso país, unha idea na que se mesturan os conceptos de electricidade (Galicia si produce máis electricidade da que consome) e enerxía.

  A electricidade é só unha pequena parte (o 23%) da enerxía que consumimos e necesitamos. A enerxía abrangue outras fontes, empregadas por exemplo para a calefacción e, sobre todo, para o funcionamento dos transportes, que a día de hoxe se seguen movendo con motores de combustión alimentados por derivados do petróleo. O conxunto da economía estase a electrificar e tamén o transporte, co obxectivo de deixar de usar os contaminantes produtos petrolíferos. E na medida en que esta tendencia se vaia consolidando nos vindeiros anos, necesitaremos moita máis electricidade. 

  A electricidade é só unha pequena parte (o 23%) da enerxía que consumimos 

  As principais fontes renovables empregadas actualmente (en Galicia, nomeadamente o vento e a auga, e tamén o sol) si son autóctonas. O desenvolvemento do sector eólico e da xeración de enerxía solar permitirá avanzar cara a unha independencia enerxética que, de momento, semella moi lonxe. A realidade é que a maior parte da enerxía de consumimos procede de lugares moi afastados: México, Estados Unidos, Rusia, Libia..., a través do petróleo e do gas que importamos deles.

  Comecemos polo principio. De onde procede a enerxía que consumimos en Galicia ou que pasa polo noso país? O saldo da enerxía bruta en 2022 foi de 11.411 ktep (kilotoneladas equivalentes de petróleo). Desa cantidade o 79% procedeu do exterior, nomeadamente das importacións de petróleo e tamén de gas natural. O 21% tivo a súa orixe en fontes autóctonas, especialmente na xeración eléctrica renovable (sobre todo a eólica) e tamén na biomasa-

  Galicia converteuse nos últimos anos nun importante exportador de enerxía, principalmente de produtos petrolíferos (68%) e moito menos de electricidade (20%), biocarburantes (6%) e gas natural (5%)

  A suma desas fontes deixou 9.920 ktep para o seu uso (hai unha parte importante que se perde no transporte). Desa enerxía total, o 52% corresponde ao petróleo e tan só o 22% a electricidade. 

  Finalmente, cómpre destacar que só unha parte desa cifra total se consome en Galicia (5.390 ktep, algo máis da metade), pois o noso país converteuse nos últimos anos nun importante exportador de enerxía, principalmente de produtos petrolíferos (68%) e moito menos de electricidade (20%), biocarburantes (6%) e gas natural (5%). Por suposto, tanto o petróleo coma o gas non son de orixe galega, pero si son descargados ou tratados nas refinarías ou regasificadoras existentes en Galicia.

  Da enerxía consumida realmente en Galicia (5.390 ktep), o 40% corresponde a combustible para transporte e o 23% a electricidade.

  En Galicia a dependencia enerxética era do 66% no ano 2022, é dicir, que o país ten que importar dous terzos da enerxía que consome

  A dependencia enerxética pode definirse como a cantidade de enerxía primaria que un país necesita importar para poder abastecerse, xa sexa en forma de calor, electricidade ou para o transporte. En Galicia a dependencia enerxética era do 66% no ano 2022, é dicir, que o país ten que importar dous terzos da enerxía que consome. Trátase dunha cifra moi elevada que, ademais, descende moi lentamente.

  É certo que entre 2016 e 2018 se superaba o 70%, pero despois de caer no 2020 da pandemia ata o 57,8% (pola diminución do uso do transporte), en 2022 a porcentaxe elevouse tres puntos dende o 63% que se rexistrara en 2021. O obxectivo do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030 é que non supere o 61% no ano 2030. 

  O 65,4% da electricidade de Galicia produciuse en 2022 con fontes renovables, o peor dato dende 2018 e dez puntos por debaixo do máximo acadado en 2020

  No gráfico tamén se pode consultar a evolución doutros indicadores, como o da procedencia da enerxía primaria consumida en Galicia, maioritariamente foránea (79%) e, de novo, cunha evolución moi lenta. A enerxía primaria con orixe galega vén movéndose nos últimos anos ao redor do 20%, con leves descensos coma no 2017 por mor das condicións meteorolóxicas que reduciron a achega das renovables (especialmente a seca que reduciu a da enerxía hidráulica) e o ascenso motivado pola redución do uso do transporte durante a pandemia e os elevados valores acadados polas renovables (vento e auga) en 2020.

  A diferenza entre este valor do 79% de enerxía procedente de fóra e o 66% da dependencia enerxética explícase porque unha parte desas materias primas enerxéticas se exportan posteriormente, transformado. Por exemplo, importa gas natural licuado para enviar, unha vez gasificado, a outros países. No ano 2022 Galicia transformou o 6% de toda a enerxía primaria do Estado español-

  A medida que a economía galega -especialmente o transporte- avance na súa electrificación, as fontes renovables (vento e sol, nomeadamente) deberán substituír a actual achega de petróleo e gas

  Esas mesmas distorsións obsérvanse na evolución da proporción de enerxía procedente de fontes renovables, que en 2022 se situou no 21,9% en Galicia, pouco máis dun quinto do total. A cifra acadou un máximo durante a pandemia (27,8% en 2020), para de novo descender en 2021 e 2022.

  Finalmente, inclúese a estrutura de xeración eléctrica, con valores moito máis elevados para as fontes renovables, encabezadas pola xeración eólica, pero con datos moi mellorables no ano 2022. O 65,4% da electricidade de Galicia produciuse nese exercicio con fontes renovables, o peor dato dende 2018 e dez puntos por debaixo do máximo acadado en 2020. Nos últimos anos, en paralelo á práctica desaparición da electricidade xerada con carbón (apenas o 4% en 2022) disparouse a produción eléctrica froito da queima doutro material fósil e non renovable: o gas natural, que en 2022 chegou a representar o 26% da produción total.

  "Non temos ningún excedente de enerxía renovable. Pola contra, a forte dependencia de enerxía fósil importada é aínda unha característica destacada da economía galega", destacaba recentemente Greenpeace nun informe

  Unha mostra do escaso peso que aínda teñen as enerxías renovables no conxunto de enerxía consumida pola economía galega é a relación de fontes e o seu valor. Así, malia o crecemento da xeración eólica nos últimos anos, esta só achega 859 ktep, un valor lixeiramente superior ao da biomasa. Ambas as dúas fontes fican moi lonxe do petróleo (6569 ktep en 2022) e mesmo do gas natural (2084 ktep), ambas as dúas en proceso de desaparición. A enerxía solar achegou unicamente 24 ktep en 2022. 

  A medida que a economía galega -especialmente o transporte- avance na súa electrificación, as fontes renovables (vento e sol, nomeadamente) deberán substituír a actual achega de petróleo e gas. Un importante incremento da enerxía renovable xerada en Galicia (a través de grandes instalacións e do autoconsumo) deberá acompañarse, ademais, dun notable descenso do consumo, a través dun uso máis eficiente da enerxía, un obxectivo no que Galicia avanza de maneira moi lenta.

  A cota de renovables no consumo enerxético galego, algo máis do corenta por cento, duplica a media europea e española. Porén, Galicia está aínda moi lonxe do obxectivo da descarbonización da economía

  "Autosuficiencia eléctrica non equivale a autosuficiencia enerxética", como lembraba nesta entrevista Xosé Veiras, responsable do Observatorio Galego de Acción Climática, unha reflexión na que afondaba tamén Greenpeace nun infome publicado conxuntamente co OGACLI hai uns meses: "non temos ningún excedente de enerxía renovable. Pola contra, a forte dependencia de enerxía fósil importada é aínda unha característica destacada da economía galega".

  O informe explicaba que "cando se fala das exportacións galegas de enerxía habitualmente se pon o foco só na electricidade, e máis concretamente na de orixe renovable, coa pretensión de "demostrar" que Galicia non precisa de máis parques eólicos ou outras instalacións renovables, o que é rigorosamente falso"

  As renovables achegan só preto do 7% da enerxía empregada no transporte

  A cota de renovables no consumo enerxético galego, algo máis do corenta por cento, duplica a media europea e española, cumpre o obxectivo provisional para 2030 acordado para o conxunto da UE (42,5%) e achégase ao proposto para España no borrador do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima (PNIEC) 2021-2030, un 48%. Porén, Galicia está aínda moi lonxe do obxectivo da descarbonización total da economía. As  renovables achegan só preto do 7% da enerxía empregada no transporte

  No período 2018-22, segundo o Ministerio de Industria, México (27%), Libia (20%) e os EUA (19%) lideraron as importacións de petróleo e derivados, por diante de Rusia, Alxeria e Iraq

  Daquela, de onde procede a enerxía que consumimos? Tendo en conta que o 40% da enerxía que se consome en Galicia corresponde a combustibles para transporte, temos que ollar para os países dende os que se importa a maior cantidade de petróleo cru e de derivados petrolíferos. No período 2018-22, segundo o Ministerio de Industria, México (27%), Libia (20%) e os EUA (19%) lideraron as importacións de petróleo e derivados, por diante de Rusia, Alxeria e Iraq.

  No que atinxe ao gas natural, e analizando os datos dos países de orixe dos metaneiros que descargaron na planta de Reganosa, en Mugardos, Rusia é o principal produtor do gas importado por Galicia, por diante dos Estados Unidos e Nixeria.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados