E-distrito

Noticias

Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de obesidade

Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de obesidade

  Un estudo da USC asocia os altos índices de avellentamento cun maior exceso de peso na poboación galega

  11 marzo 2024

   Un estudo da Universidade de Santiago (USC) constata que Galicia é a quinta comunidade autónoma con maior prevalencia de obesidade. A investigación, centrada no período 1987 e 2020, calculou que a porcentaxe de homes obesos aumentou dun 5,4% a un 17%; mentres que a de mulleres pasou dun 6,8% a un 16,2%. “Galicia ten un índice de avellentamento moi alto, o que podería estar detrás destas altas taxas de obesidade”, explica Julia Rey, coautora do estudo e investigadora na área de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC. Malia as cifras, o estudo conclúe que Galicia tende á estabilización, dado que nos últimos anos non se produciu un “aumento tan marcado” no número de persoas con obesidade.

   O estudo, publicado na Revista Española de Cardiología, analizou as prevalencias de obesidade de toda España. O maior aumento observouse nos grupos de idade máis novos, tanto en homes como en mulleres. Na última década detectouse unha estabilización nas prevalencias, que aparece antes nas mulleres. Desde 2003, o predominio de obesidade é similar en ambos os sexos, tal e como amosa o estudo. En 2020, a prevalencia de obesidade estimouse no 16% e demostrouse que esta prevalencia aumenta coa idade. Así, en 2020, o 4% das persoas de 15 a 24 anos eran obesos fronte ao 21% dos de 65 anos e máis.

 Diferenzas entre comunidades

   Existen diferenzas nas prevalencias de obesidade entre as comunidades autónomas, sendo as do noroeste e as do sur as que presentan as prevalencias de obesidade máis elevadas. Así en 2020, Andalucía, Rexión de Murcia, Canarias, Castela e León, Galicia e Principado de Asturias foron as comunidades con maiores prevalencias de obesidade; fronte á Comunidade de Madrid, Comunidade Foral de Navarra ou País Vasco, que son as que presentaron unha menor prevalencia. Diferenciando por xénero, en 2020, Andalucía e Principado de Asturias foron os territorios con maior prevalencia de obesidade en homes, e Andalucía e Rexión de Murcia, en mulleres.

  “Aínda que a prevalencia de obesidade se estabilizou en España, isto non é homoxéneo en todas as súas comunidades autónomas”, sinalan dende o equipo responsable da investigación. Na Comunidade Valenciana detéctase un aumento continuo das prevalencias en homes. Nas mulleres, a prevalencia mostra un aumento continuo en Andalucía, Principado de Asturias, Cataluña e A Rioxa; unha tendencia crecente e posteriormente decrecente en Valenciana e Estremadura e unha estabilización no resto de Autonomías.

  “A obesidade constitúe un importante problema con repercusións para a saúde cardiovascular e cun impacto negativo noutras enfermidades crónicas”, sinalan. Á luz das conclusións do estudo, constátase a necesidade de “continuar desenvolvendo intervencións preventivas orientadas a reducir o exceso de peso dende idades temperás”, tendo en conta o xénero e as particularidades de cada comunidade autónoma.


Referencia: Prevalencia de la obesidad en España y en sus comunidades autónomas, 1987-2020 (Publicado en Revista Española de Cardiología)

   Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados