E-distrito

Noticias

Ana Miranda e outros eurodeputados viaxan á fronteira de Gaza para reclamar a fin da invasión israelí

Ana Miranda e outros eurodeputados viaxan á fronteira de Gaza para reclamar a fin da invasión israelí

  A delegación do Parlamento europeo viaxou este sábado ata o paso de Rafah nunha visita que busca denunciar unha masacre que suma case 30 mil palestinos mortos

  25 febreiro 2024

   Unha delegación de deputadas e deputados do Parlamento europeo viaxou este sábado ata o paso de Rafah, na fronteira entre Exipto e Gaza, nunha visita que busca denunciar a invasión israelí que xa provocou a morte de case 30 mil palestinos e reclamar un alto ao fogo inmediato. En Rafah, ademais, lugar de paso da axuda humanitaria para a poboación gazatí, o grupo de europarlamentarios quere facer fincapé no "bloqueo" que Israel está a exercer sobre esta axuda, imprescindible para a supervivencia de centos de miles de persoas, no que xa é unha das maiores crises humanitarias das últimas décadas.

    Na delegación viaxou Ana Miranda, eurodeputada do BNG, que xa en varias ocasións se desprazou a Palestina e que, de feito, hai un ano foi expulsada por Israel malia viaxar en misión oficial aos territorios ocupados, unha acción que foi criticada polo Goberno español e polo propio Parlamento europeo. A eurodeputada galega xa participara no 2015 na Flotilla humanitaria rumbo a Gaza, que foi detectada por Israel.

   A delegación, que chegou ao Cairo, desprazouse en autobús ata a zona fronteiriza de Rafah e do aeroporto de Al Arish, un espazo militarizado polo que entran os convois humanitarios obstaculizados por Israel

   A delegación, que chegou ao Cairo, desprazouse en autobús ata a zona fronteiriza de Rafah e do aeroporto de Al Arish, un espazo militarizado polo que entran os convois humanitarios obstaculizados por Israel. O número de camións que entran, ao redor de 15 ao día, está moi por debaixo de 500 necesarios, con moitas dificultades para levar diferentes subministros á poboación de Gaza, como alimentos ou medicamentos, o mesmo que auga potable ou combustible.

   En Rafah, Miranda manterá encontros o sábado e o domingo con representantes da UNRWA e diferentes organizacións de asistencia humanitaria así como co Centro Palestino de Dereitos Humanos. Finalmente, a delegación reunirase co Director do Departamento de Relacións con Palestina, dependente do Ministerio de Exteriores de Exipto, así como coa Delegación da Unión Europea en Exipto.

  “É inmoral que Israel bloquee durante días o paso dos camións de axuda humanitaria e que morran bebés por falta de leite”, denuncia Miranda, que engadiu que “a comunidade internacional, esas 21 axencias e eses 40 países doantes, ten que esixir que entre esa axuda tan vital para moitas persoas en Gaza. Nós así o faremos no debate que terá lugar este martes no Parlamento Europeo”.

   Ana Miranda denuncia a catástrofe humanitaria que sofre Gaxa e alerta sobre os intentos de Israel de desmantelar a Axencia de Nacións Unidas para os Refuxiados de Palestina en Oriente Próximo (UNRWA) mediante acusacións sen probas. “A humanidade asiste impasible e coa complicidade de Occidente a un desastre humanitario en Gaza”, critica Miranda, que considerou "inadmisible" que Estados Unidos vete por terceira vez unha resolución da ONU para un alto ao fogo inmediato.

   Desde o paso fronteirizo de Rafah Ana Miranda subliñou que é "fundamental que aumente a presión internacional sobre Israel para acadar o alto ao fogo inmediato e a fin do xenocidio e a crise humanitaria que o Pobo palestino está vivindo en Gaza".

   O Bloque reclama "medidas contundentes contra Israel" despois de que a invasión provocara xa a morte de 30.000 persoas en Gaza

   Este mesmo mércores o BNG presentou unha pregunta dirixida ao Alto representante da Unión Europea para Asuntos Exteriores, Josep Borrell, sobre as accións que levou a cabo para garantir o acceso de eurodeputados a Palestina e o respecto pola inmunidade diplomática dos membros do Parlamento Europeo. 

   A eurodeputada do BNG advirte do xenocidio que está a provocar Israel en Gaza, con “máis de 30.000 persoas asasinadas, máis de 70.000 feridas, máis de 360.000 vivendas destruídas ou danadas, ademais de infraestruturas civís destruídas como hospitais e universidades, e aproximadamente 2 millóns de persoas desprazadas pola forza". O Bloque reclama "medidas contundentes contra Israel" e está a presentar diferentes denuncias e iniciativas, nas que se enmarca tamén esta visita á zona fronteiriza de Gaza. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados