E-distrito

Noticias

Un debate enlamado que remata sen gañadores e con moitas dúbidas

Un debate enlamado que remata sen gañadores e con moitas dúbidas

O forte enfrontamento entre Pontón e Rueda deixou aos dous dirixentes tocados. Besteiro tentou aproveitar a súa faciana máis institucional.

  06 febreiro 2024

   Un dos programas máis agresivos dos últimos anos. Así foi o debate electoral da CRTVG que xuntou aos principais candidatos do PPdeG, BNG, PSdeG, Sumar e Podemos nun debate enlamado no que non houbo gañadores, en todo caso, perdedores. E é que a que se presumía que ía ser a gran cita electoral desta campaña rematou nunha batalla de reproches, case insultos, e deixando aos dos principantes contendentes, o presidentente galego e a líder da oposición, cunha mala imaxe política.

   O debate da TVG comezou tranquilo, ben para todos, cada quen na súa función. Rueda, Pontón e Besteiro en plan institucional, Marta Lois, de Sumar,  tentando facerse un oco nun futuro goberno tripartito e Isabel Faraldo, de Podemos, dando caña desde o primeiro momento. De feito, os argumentos utilizados pola líder de Podemos semellaban, e moito, aos que utilizaban os líderes do BNG hai anos cando era a forza máis débil do Parlamento galego.

   O debate arrincou coa intervención do titular do Goberno galego e candidato á reelección, Alfonso Rueda, quen aproveitou as súas primeiras palabras para confrontar "un goberno que funciona" co dun "multipartito" con partidos que compiten entre eles. "Haberá moitas cifras que non son verdades, por tanto, quero empezar dando unhas cifras reais", manifestou para asegurar que "Galicia funciona" e "avanzou moito nestes últimos anos". "A economía galega foi a segunda que máis creceu", afirmou.

   DATOS E "CARETAS"

   Pero a candidata do BNG xa utilizou xa a primeira quenda para pooñer en dúbida eses datos e falou dunha Galicia que "perde poboación e emprego". Así, centrou a súa intervención no bloque económico rebatendo os datos da "Galicia que vai ben", segundo Rueda. "Mentres dicía que ben vai Galicia, pensaba en todas as persoas que nos poden estar a ver hoxe desde a emigración..., que ven como sobe a hipoteca...", dixo.

   Tamén o cabeza de lista do PSdeG nas eleccións autonómicas, José Ramón Gómez Besteiro, iniciou a súa intervención coa idea de "quitarlle a careta" ao candidato popular, sobre a súa xestión, facendo uso da ironía por ser tempo de Entroido. Así, citou que "nos últimos 15 anos" hai "menos galegos", xa que se "perderon 100.000 habitantes" e a débeda pública multiplicouse por 2,5. "Menos xente, menos emprego e máis débeda", sintetizou Besteiro, quen dixo que "só hai dúas opcións: resignarse a que continúe ou reaccionar e prosperar que é o que propomos: máis dereitos e máis ambición de país".

   E, mentres os tres principais dirixentes políticos de Galicia, falaban de cifras a candidata de Sumar á Presidencia da Xunta, Marta Lois, aproveitou a súa primeira intervención  para subliñar que "sete de cada dez galegos queren cambio" segundo sinalan "todas as enquisas" e garantir o respaldo da súa forza política a "un goberno a tres". Pero antes, as primeiras palabras  foron para expresar a solidariedade de Sumar coas denuncias de traballadores da CRTVG contra a "manipulación política" e para comprometer "un ente público independente".

   Unha denuncia que tamén fixo súa a candidata de Sumar, Isabel Faraldo, quen tamén aproveitou para denunciar os "51.000 empregos destruídos nos últimos anos, tanto na industria, como no mar, como na agricultura por unha política de amiguismos, enchufismos e política clientelar". "Vímolo na crise dos pélets", dixo para asegurar que "días antes da crise" o Centro Tecnolóxico do Mar recibiu "1,3 millóns" para estudar o impacto dos microplásticos no mar. Ademais, sostivo que a directora dese centro é a "tía" do presidente da Xunta.

   E COMEZOU A LAMA

   E logo dun primeiro bloque onde se falou de Fiscalidade, política enerxética, desemprego e emigración, xestión da AP-9,ou de Alcoa con críticas de Podemos a PPdeG e PSdeG por igual, pasouse a un segundo bloque no que a confrontación elevou o seu ton. Así, se neste primeiro bloque, Rueda e Pontón asumiron boa parte do protagonismo e aguantaron ben o debate, no segundo, no que se falou sobre modelo lingüístico, provocou un primeiro choque entre ambos os dous que os deixou xa tocados o resto do debate.

   Foi no terceiro bloque, sobre modelo de goberno, cando estalou a guerra. Pontón lembrou a famosa foto de Rueda cos líderes de Galicia Bilingüe cando o PP estaba na oposición e o presidente sacoulle á líder do BNG o apartado do seu programa electoral onde se defende un modelo de inmersión lingüística en galego. Foi un tirapuxa tan forte entre ambos os dous que nin tan sequera os conductores do debate puideron endereitar o programa que, a partir de entón, entrou nunha dinámica de acusacións subidas de ton, especialmente, entre os dous dirixentes que tamén se botaron en cara os pactos do PP coa ultradereita ou os do BNG cos independentistas cataláns e vascos. 

   O RESTO TENTANDO FUXIR DAS LEAS

   E, entre medias, o resto de candidatos buscaba o seu espazo. Besteiro tentaba manter un ton institucional destacando os logros acadados para Galicia pola súa presenza en Madrid. "É vostede Besteiro o conseguidor", chanceou Rueda, mentres que o líder socialista evitaba entrar nun cara a cara con el. Marta Lois tamén fuxía das leas entre o presidente e Pontón e insistía nas súas intervencións que á xente "non lle gusta o barullo", mentres que Isabel Faraldo, na liña de Podemos, criticaba o clientelismo do PP, as grandes fortunas e as portas xiratorias. 

   Finalmente, tras dúas horas e media e numerosas interrupcións, remataba un dos debates máis enlamados dos últimos anos. Un debate no que pesaron, e moito, o número de candidatos e tamén o seu anquilosado formato que rematou por non ser respectado polos propios participantes. Os presentadores pouco fixeron ou pouco puideron facer para tentar reconducir un programa que rematou nun pim, pam, pum no que non houbo un gañador claro e no que, en todo caso, saíron perdendo Rueda e Pontón.

   Derivado de GConfidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados