A primeira representación enmárcase no século XIII aínda que puideron existir outras previas, mais non se ten constancia
01 febreiro 2024
Os combatentes da Idade Media tiñan unha urxente necesidade nas guerras: atopar a maneira de diferenciarse do seu adversario no campo de batalla. Aquí se sitúa unha das orixes do sistema heráldico, que se remonta ao século XII, cando os guerreiros necesitaron unha identificación nestas loitas. Xurdiu así esta emblemática, con cores e símbolos, para distinguir o inimigo ao non ser facilmente identificable por mor do casco nasal. Na sociedade medieval os emblemas heráldicos remataron por estenderse traspasando o ámbito bélico e formando parte de obxectos da vida cotiá, como os almanaques ou os atuendos, arraigándose a nivel territorial e gañando en significados. No caso do Reino Galicia as primeiras representacións da heráldica galega enmárcanse no século XIII, aínda que puideron existir outras previamente, mais non se atoparon. Estas manifestacións primarias “cóntannos que Galicia era un territorio recoñecido por toda Europa e pola maior parte de culturas. Era lóxico que tivese unha representación simbólica da súa terra”, explica Héitor Picallo, autor do libro O escudo do Reino da Galiza (2021).
A primeira representación do brasón galego que se coñece aparece no rolo de armas inglés Segar’s Roll (hoxe consérvanse varias copias facsimilares), data en 1282 e del bebe o miniaturista que ilustra o Sherborne Missal, libro eclesiástico no que se representa de novo o escudo de Galicia e que estaría datado no período comprendido entre 1399 e 1407. No Sergar’s Roll recóllense máis de 200 escudos heráldicos no que aparecen os reis, príncipes e nobres máis destacados, e, entre eles, o Rey de Galicia (Le roy de Galicie) xunto co Rey de Espaygne, Rey de Escoce, Rey de Aragonne… Con todo, non é o orixinal, xa que este se perdeu; e existen máis copias, mais son da Idade Moderna, non medievais. Na representación heráldica de diversos reinos da Península Ibérica correspondélle a Galicia “en campo de azur, tres cálices de ouro ben ordenados”. Segundo apunta Picallo na súa obra, “curiosa resulta a existencia de tres cálices, feito que algúns autores cren que ten que ver cunha adaptación a todo o campo do escudo (brasóns medievais triangulares de tipo anglo-francés)”.
Pero, por que o cáliz? Algúns expertos como o historiador Eduardo Pardo de Guevara, autor de O escudo de Galicia. Orixe, significacións e evolución (2007), sinalan que pode deberse a unha “armaría parlante”, ao darse unha “ecuación fonética” entre “Galice” e “Calice” na lingua anglonormanda. “Pero, como é natural, o primeiro que elixiu a figura do cáliz como armas de Galice —posiblemente o propio autor do Segar’s Roll— non pretendeu crear unhas armas para que fosen usadas realmente, nin sequera puido imaxinar que isto terminaría ocorrendo así. En realidade, a súa intención non puido ser outra que a simple atribución dunhas armas a un reino afastado ou máis exactamente ao titular deste, polo necesario soporte persoal, a fin de enriquecer ou completar a súa compilación, que iso e non outra cousa eran os chamados armoriais ou rolls of arms”, apunta Pardo de Guevara na súa obra.
O "Sherborne Missal"
Entre 1399 e 1407 créase o Misal de Sherborne, un misal manuscrito no que se representan numerosas estampas —pesa 20 quilos— con múltiples elementos decorativos iluminados: aves, seres mitolóxicos como dragóns, anxos, monxes, cabaleiros e membros da nobreza. Foi realizado durante o goberno do abade Robert Brunyng e as estampas foron creadas polo artista dominico John Siferwas. Segundo apunta Picallo, tamén se coñece co nome de Alnwich Missal e o décimo segundo titular foi vendido a The British Library. Neste volume recóllense 86 brasóns representados coas súas identificacións en latín: abadías, membros da realeza como Henrique IV e condados e reinos europeos como o Reino de Galicia. Son 694 follas as que constitúen este libro, que conta cun índice no que se recollen os escudos de armas que se reproducen no volume, como o Príncipe de Gales ou o Rei de Xerusalén.
Entre as páxinas 103 e 119 localízanse os do reino da Península Ibérica, que por aquel entón eran Navarra, Galicia, Portugal e Aragón. Héitor Picallo sinala que son os mesmos documentados 125 anos antes no Segar’s Roll, que é a fonte da que beberon “sen dúbida” os miniaturistas do libro eclesiástico. Por aquel entón gobernaba os reinos Henrique III de Trastámara. “Dese tempo, que teñamos constancia, non existe no noso país ningunha referencia heráldica vinculada á Galicia, polo que isto vén a darlle maior importancia ao Misal de Sherborne”. Cal é a heráldica do Reino de Galicia que aparece neste manuscrito? Pois, de maneira “austera” e de forma gótica, “en cuxo campo de azur hai tres cálices de ouro ben ordenados”. No lateral esquerdo lese con claridade e en latín a vinculación do emblema co rei de Galicia, Rex Galacie. “É posible que existise nalgún outro manuscrito algún símbolo parecido, sobre todo na zona exterior dos Pirineos. O que non era lóxico era que un lugar con tanta trascendencia, tan importante a nivel político e relixioso non tivese símbolo, sendo recoñecido como un dos territorios máis antigos de Europa e coa existencia dun reino dende o ano 411”, sostén Picallo.
A heráldica que non triunfou
O Concilio de Constanza celebrouse en outubro de 1414, foi convocado polo emperador xermánico Segismundo de Luxemburgo e tiña como obxectivo rematar co Gran Cisma de Occidente e reformar a Igrexa. A esta convocatoria acuden distintos representantes das dioceses dos países. O cronista que recolleu todo o que alí acontecía recompilou tamén os distintos brasóns dos territorios. Curiosamente, asínalle a Galicia unha combinación de paus azuis e de ouro. Nalgunhas copias aparecen en branco e azul, e a día de hoxe consérvanse sobre 80 manuscritos con esta versión. Esta heráldica difundiuse en Países Baixos, Alemaña, Austria e República Checa. O propio Héitor Picallo, ten localizado un almanaque alemán do século XVI onde Galicia é representado desta maneira. “Non triunfou, como se ve a partir do século XVII consolidándose a do cáliz”, explica. É a partir de aquí cando ao cáliz se lle engaden máis elementos: a finais do século XV aparecen os trevos, que mutarán a comezos da centuria seguinte en cruces, logo virá a hostia como símbolo do sacramento eurístico… Entón, cando se pon freo á evolución da heráldica galega?
En palabras de Héitor Picallo, todos estes símbolos que evolucionaron ao longo da historia, tiveron unha gran trascendencia e proceden dunha época ben antiga polo que resulta moi complicado poñer un freo á evolución. A versión actual da heráldica pretende agrupar os motivos tradicionais, pero o que é a última representación medieval galega no brasón, que foron os trevos, foron substituídos polas cruces. Ben certo é que ata non hai moito non se sabía da presenza deses vexetais na heráldica galega baixo medieval alén dos Pireneos.
Derivado de GCiencia.