E-distrito

Noticias

O prezo do aluguer segue disparado en Galicia, un 8,4% máis caro en 2023

O prezo do aluguer segue disparado en Galicia, un 8,4% máis caro en 2023

   É a suba máis alta desde 2019.

  22 xaneiro 2024

   O prezo da vivenda en aluguer en Galicia pechou 2023 cun incremento anual do 8,4%, situándose nunha media de 8,63 euros por metro cadrado, segundo datos do portal inmobiliario Fotocasa.

   Así, este incremento supón a subida máis alta en Galicia desde 2019, e o décimo primeiro incremento detectado nos 17 anos de historia desta estatística. A pesar diso, e aínda que o dato galego creceu máis que a media estatal (+5,7%), o prezo segue por baixo. De feito, no total de España en decembro o metro cadrado alugado custaba 11,66 euros.

   "O mercado do aluguer atravesa un dos seus momentos máis complicados. Aínda que a subida anual está por baixo do 6% e xa non crece a dous díxitos como vimos durante o primeiro semestre de 2023, o aumento segue sendo moi significativo", sinalou a directora de Estudos de Fotocasa, María Matogueiras.

   Este incremento explícase, na súa opinión, polo "considerable desequilibrio" entre oferta e demanda, pois "nunca" a oferta en aluguer fora tan reducida como na actualidade. "O stock en aluguer atópase baixo mínimos, o que supón un gran obstáculo para case o 40% de inquilinos. O ano pecha cun forte tensionamiento nos prezos, que chegaron a superar incluso a marca rexistrada durante a burbulla de 2007, e deixando un novo máximo", engade Matogueiras.

   De acordo coas súas previsións, o prezo continuará á alza no próximo exercicio, "xa que as medidas recollidas na Lei de Vivenda non están a conseguir equilibrar o prezo dos alugueres, senón que ocasionaron incerteza, descontento e a contraposición do sector inmobiliario".

   PROVINCIAS

   Por provincias, en Pontevedra o prezo do aluguer disparouse un 10,7% en 2023, ata 9,94 euros o metro cadrado, sendo a rexión galega máis cara. No lado oposto situouse Lugo, con 6,86 euros o metro, un 5,4% máis.

   En Ourense, o custo do metro cadrado subiu un 8,8% o ano pasado, ata 6,91 euros, mentres que na Coruña fixo o propio un 7,1%, ata 8,41 euros.

   En todas as capitais de provincia galegas tamén subiu o prezo do aluguer, comezando por Lugo cidade, cun 18,3% máis, ata 7,37 euros o metro. En Ourense o incremento foi do 11,1%, con 7,19 euros.

   O custo en Pontevedra ascendeu un 9,7%, ata 8,60 euros, do mesmo xeito que na Coruña, con 10,13 euros, un 5,7% máis. Noutras cidades, como en Vigo, o prezo subiu un 8,3%, ata 10,04 euros e en Santiago un 12,1%, con 9,54 euros.

   Derivado de GConfidencial.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados