E-distrito

Noticias

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

Un equipo galego demostra que o estómago é capaz de regular o apetito e o peso corporal

  O estudo do IDIS revela cambios substanciais na produción da proteína GDF15 a nivel gástrico vinculados coa obesidade, a idade e o xénero

  15 xaneiro 2024

  O grupo de Fisiopatoloxía Endócrina do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS) identificou o estómago como un órgano esencial para a produción do Factor de Diferenciación de Crecemento 15 (GDF15), a mesma proteína que se relacionou coas náuseas durante o embarazo. O estudo recentemente publicado por investigadores galegos permitiría comprender os mecanismos asociados á obesidade e abriría novas portas a tratamentos.

  O traballo pon de manifesto a relevancia da comunicación entre estómago e cerebro como vía fundamental de regulación do peso corporal, centrado no papel do estómago como un órgano endócrino capaz de regular o apetito e o peso corporal. Trátase dun novo paso dentro dunha liña de investigación seguida polo grupo de Fisiopatoloxía Endócrina do IDIS, coordinado pola investigadora Luisa María Seoane, tamén colíder da área de Endocrinoloxía, Metabolismo e Nutrición do IDIS.

  O persoal investigador do IDIS identificou que o estómago é un importante órgano de produción de GDF15, unha molécula previamente asociada coa regulación do peso e a resposta ao estrés. “GDF15 é unha proteína liberada naturalmente polo organismo en resposta a diversas condicións e parece desempeñar un papel na regulación do apetito e o peso corporal”, sinala a coordinadora do estudo.

   Produción de GDF15 no estómago, un vínculo crítico coa saúde metabólica

  Este descubrimento amplía a comprensión sobre a contribución específica do estómago na produción de GDF15 e o seu papel na regulación metabólica. Os resultados súmanse aos obtidos anteriormente polo mesmo grupo que reflicten a comunicación entre estómago e cerebro como vía fundamental de regulación do peso corporal.

   O traballo publicado na revista Journal of Endocrinological Investigation, revela que a produción de GDF15 polo estómago increméntase en resposta á inxestión dunha dieta alta en graxa en animais de experimentación. Ademais, no estudo móstrase que en humanos “a produción desta proteína polo estómago é elevada naqueles pacientes que presentan obesidade”, indican os investigadores do IDIS.

   Segundo o artigo publicado, o xénero tamén afecta á produción de GDF15 polo estómago, “cunha produción superior en mulleres que en homes, algo que se comprobou tamén en animais de experimentación”, sinala Seoane, “ademais, os niveis de produción de GDF15 polo estómago varían ao longo do ciclo vital, atopándose afectados pola idade tanto en humanos como en modelos preclínicos”.

   Estes achados abren novas vías de investigación para determinar como distintos factores poden modular a resposta metabólica á inxestión. “Este descubrimento proporciona unha visión única de como o estómago contribúe activamente á regulación metabólica, con implicacións potenciais para abordar a obesidade e comprender mellor os cambios relacionados coa idade e o xénero”, indica Seoane.

   De feito, en paralelo á publicación por parte do grupo dirixido por Seoane destes datos, un artigo recente publicado en Nature, puxo de manifesto unha conexión entre GDF15 e as náuseas durante o embarazo. O estudo suxire que GDF15 podería desempeñar un papel na xénese das náuseas durante a xestación, un fenómeno común pero pouco comprendido. Este vínculo entre GDF15 e as náuseas, combinado cos achados do grupo do IDIS sobre a súa presenza no estómago, expón a posibilidade dunha rede de regulación metabólica e de sinalización que vai máis aló do que se imaxinou inicialmente.  

   Tratamentos personalizados e prevención

   Os investigadores galegos están a considerar colaboracións interdisciplinarias para traducir estes descubrimentos en aplicacións clínicas prácticas e avanzar cara a tratamentos metabólicos máis personalizados. “Este descubrimento recalca a importancia de considerar o papel do estómago na produción de GDF15 e como estas variacións poderían influír na obesidade, a idade e as diferenzas de xénero. Estamos esperanzados pola posibilidade de aplicar estes coñecementos para avanzar en estratexias terapéuticas máis precisas e efectivas”, sinala Seoane, coordinadora do grupo Fisiopatoloxía Endócrina.

   Este descubrimento non só proporciona unha base sólida para a investigación futura, senón que tamén suxire a posibilidade de desenvolver tratamentos personalizados baseados nos niveis de GDF15. Estas intervencións poderían dirixirse non só á obesidade senón tamén a outras condicións metabólicas asociadas. Os seguintes pasos na investigación poderían tratar de resolver se existe unha conexión molecular entre a regulación metabólica e as náuseas durante o embarazo que involucre a produción de GDF15 por parte do estómago e se isto podería ter algún efecto metabólico na descendencia.  


   Referencia: Gastric GDF15 levels are regulated by age, sex, and nutritional status in rodents and humans (Publicado en Journal of Endocrinological Investigation)

  Derivado de GCiencia

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados