E-distrito

Noticias

A Xunta eleva o nivel de alerta, culpabiliza ao goberno central e solicita a súa intervención na crise dos pellets

A Xunta eleva o nivel de alerta, culpabiliza ao goberno central e solicita a súa intervención na crise dos pellets

  Solicita ao Estado once barcos, dous helicópteros e un avión para apañar sacos de pellets no mar pese a recoñecer que non se poden recoller no mar.

  O goberno central advirte que é o triple do que se pideu durante a catástrofe do Prestige e pide unha actitud "razonable" ao goberno galego.

  10 xaneiro 2024

  A Xunta renega de axuda importante en terra e reclama agora ao Goberno central "medios por aire" e os "barcos necesarios" para interceptar posibles "sacos á deriva", para o que reclamou ao Estado once embarcacións, un avión e dous helicópteros co obxectivo de lograr recoller estes sacos de pellets "antes de que rompan", xa que é inviable recoller os granulados se están esparexidos nas augas. 

  Así o advertía o conselleiro do Mar, Alfonso Villares, na carta que o pasado 4 de xaneiro enviou a varios concellos afectados polo vertido e que reenviou a outros municipios nos últimos días. Nela, advertía ás administracións locais que "debido ás súas características" e ao "non atoparse na superficie", os granulados de plástico non poden ser retirados directamente do mar. Agora, e a pesar de que tardou días en elevar o nivel de emerxencia que permite recibir axuda estatal como reclamaba o Goberno central, reclama medios aéreos, mariños e ata submariños. 

  Xa na mañá deste mércores, nunha entrevista na Cadena SER, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, insistía en que é responsabilidade do Goberno central o que sucede no mar e que alí é onde debe actuar para "frear a sangría da chegada dos pellets á costa". 

  A Xunta segue sen especificar a axuda que precisa ao Estado mentres en Asturias xa traballan efectivos do Estado

  Logo, e tras a reunión do Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal), insistiu en reprochar ao Estado porque fai xa "un mes e dous días" que tivo coñecemento do incidente a través das autoridades portuguesas. "Durante todo este tempo o seu traballo foi nulo", dixo Vázquez.  “Agardamos que a partir de agora si se poñan a actuar onde teñen que actuar, que é alí onde teñen competencias exclusivas: no mar e sobre aqueles residuos que veñan do mar cara á terra”, engadiu.

  A Xunta teima en rexeitar axuda en terra, malia as recomendacións que advirten da imposibilidade de atallar os pellets no mar, e reclama agora "medios por aire" para avisar os posibles "sacos á deriva" e "os barcos necesarios" para interceptalos antes de que rompan. Se rachan, é inviable.

  "Cousa que o mesmo conselleiro do Mar, Alfonso Villares, recoñecía na carta que enviou aos concello: é imposible polo tamaño dos pellets, salvo que houbese bolsas de gran tamaño que se puidesen identificar", aclarou a ministra nunha entrevista en RNE, na que asegurou tamén que xa se fixeran voos de recoñecemento e que non se atopara material ningún. 

  "Retirar microplásticos en alta mar é buscar unha agulla nun nun palleiro", advirte a ministra Ribera

  "A Xunta censura que o Goberno central non atallase no mar os pellets antes de chegar á costa galega pese a coñecer o suceso en Portugal desde hai un mes", chegou a titular o Goberno galego un comunicado de prensa para resumir a comparecencia, precisamente, do conselleiro do Mar desde a confraría de pescadores de Muxía. 

  "Retirar microplásticos en alta mar é buscar unha agulla nun nun palleiro. Ese tipo de bóliñas, dese tamaño, en alta mar, é practicamente imposible recollelas, é imposible filtrar", asegurou despois en TVE, tras asegurar que "este episodio marca claramente as razóns polas cales debemos reducir a presenza de plástico na nosa vida cotiá e acordar un tratado internacional de protección en alta mar fronte ao plástico". 

  A ministra Ribera lembrou que Salvamento Marítimo fixo xa "uns cantos voos de recoñecemento" e que "segue as imaxes por satélite". "E non son visibles", aclarou, tras advertir que "moi dificilmente" se van a poder recoller no mar. "É practicamente imposible", remachou, para despois engadir que "hai xa semanas que as correntes mariñas pódenas levar dun sitio a outro. Por iso, precisamente, a alerta non salta ata que non tocan terra. É o momento en que se fai visible a aparición deses pellets".

  Malia esta declaración, o subdirector xeral do servizo de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, informou que a Xunta xa solicitou ao Goberno central os medios para rastrexo e recollida de sacos. Concretamente, once barcos, un avión e dous helicópteros, ademais dun retén en terra, axuda na formación do voluntariado e o uso dun robot para selar o colector do que saen microplásticos. 

  Así o demandou a Xunta nunha carta á Delegación do Goberno, na que "exixe a actuación dos medios estatais, que xa se debería ter producido desde o 8 de decembro, cando o Estado tivo constancia do sinistro". Na misiva pide a participación no operativo dos buques de salvamento Don Inda, María Pita 2, Sar Gavia e Guardamar Urania, ademais de lanchas de salvamento, o avión CN 235-500 Rosalía de Castro e dous helicópteros Helimer.

  O comisario Sinkevičius ofrece axuda

  Por outra banda, o comisario europeo de Medio Ambiente, Virginijus Sinkevičius, advertiu de que as 25 toneladas de pellets que afectan Galicia "ameazan o medio mariño e actividades económicas como a pesca". "Estamos ansiosos por discutir como podemos axudar", dixo, en referencia á dispoñibilidade a ofrecer axuda comunitaria, que dependen tamén de que as autoridades activen axiña as alertas. 

  Nunha contestación ao chío do comisario, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, insistiu en que "é imprescindible deter os sacos de pellets no mar para que non chegan a terra" e "imperativo que o Goberno de España se implique agora". 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados