E-distrito

Noticias

Alfonso Rueda adianta as eleccións galegas ao 18 de febreiro

Alfonso Rueda adianta as eleccións galegas ao 18 de febreiro

  O popular sométese ás urnas tras menos de dous anos de goberno cunha oposición con Ana Pontón candidata do BNG e Gómez Besteiro do PSdeG. 

  21 decembro 2023

  As próximas eleccións galegas serán o 18 de febreiro. Así o vén de comunicar o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, que xustifica o adianto en que xa están aprobados, desde este martes, os Orzamentos da Xunta para 2024. Con esa data, a campaña electoral celebrarase en pleno entroido.

   As eleccións tiñan de marxe para celebrarse ata o próximo mes de agosto pero chegan finalmente medio ano antes, tras menos de dous anos de goberno de Rueda, con sucesivos cambios tanto na Xunta como no PPdeG pola marcha de destacados nomes a Madrid con Feijóo ou derivados das eleccións municipais do pasado maio.

  Os comicios son convocados con Ana Pontón como candidata do BNG e José Ramón Gómez Besteiro do PSdeG, pero con incógnitas aínda no espazo Sumar-Podemos así como sobre os efectos electorais da participación anunciada de Democracia Ourensana e Vox.

  As últimas eleccións galegas celebráronse o 12 de xullo de 2020, en plena pandemia da COVID-19, cando Feijóo logrou a súa cuarta maioría absoluta, con 42 dos 75 escanos do Parlamento de Galicia, que quedou constituído o 7 de agosto daquel ano. Así que os seguintes comicios tiñan que celebrarse antes de setembro de 2024, en data cuxa fixación é competencia exclusiva do presidente da Xunta. E iso é o que vén de decidir agora Rueda, tras barallar, como admitiu, a posibilidade de facelas coincidir coas eleccións europeas do próximo 9 de xuño.

   Tras as últimas eleccións de 2020 Feijóo gobernou durante algo menos de dous anos, e o 29 de abril de 2022 convertíase no primeiro presidente da Xunta en dimitir e deixar o cargo voluntariamente durante o exercicio do mesmo. Rueda, ata daquela vicepresidente, substituíuno e tomou posesión como sexto presidente do Goberno galego o 14 de maio, nun proceso que implicou mudanzas no PPdeG e en altos cargos da Xunta pola marcha con Feijóo a Madrid do seu equipo de confianza.

  Pero as mudanzas seguiron e, mentres Rueda desenvolvía unha axenda pública encamiñada a darse a coñecer entre a cidadanía, os cambios na Xunta continuaron ata que Feijóo, o pasado xuño, levou con el de cara ás eleccións xerais do 23 de xullo ao vicepresidente económico de Rueda, a conselleira do Mar e mesmo o portavoz parlamentario do PPdeG. Unhas mudanzas ás que se engadiron outras derivadas das eleccións municipais de maio.

   Logo dun verán dominado polas consecuencias das eleccións xerais dede xullo, tras as que Feijóo non logrou ser investido presidente pola súa falta de apoios parlamentarios malia gañar os comicios, o curso político comezouno Rueda en Galicia en setembro tentando atraer os focos cara ao seu goberno, transmitindo a imaxe de que seguía a xestionar o país con normalidade. No debate de política xeral de outubro lanzou todo tipo de anuncios de axudas directas, e durante o outono desenvolveu unha intensa axenda para darse a coñecer no interior e o exterior. Uns últimos meses nos que o seu principal eixo discursivo vén sendo a confrontación co Goberno de Pedro Sánchez.

   Ana Pontón será a candidata do BNG por terceira vez e Besteiro será o cuarto candidato do PSdeG nas catro últimas convocatorias

   A chamada de Rueda ás urnas colle a oposición en momentos dispares. O BNG, segunda formación nas eleccións de 2020, foi o primeiro en contar con candidata clara para os próximos comicios, Ana Pontón, consolidada a nivel interno e coñecida entre a cidadanía tras ser xa a cabeza de lista nacionalista tanto en 2016 como en 2020.

   No PSdeG, logo de adiar a data inicialmente prevista para as primarias que elixirían candidato á presidencia da Xunta, finalmente o 18 de outubro confirmouse que o ex-secretario xeral José Ramón Gómez Besteiro é o elixido. Un Besteiro que vén contando cun manifesto apoio directo de Pedro Sánchez e a estrutura do partido tanto en Galicia como en Madrid.

   Arredor de Sumar e Podemos seguen no aire incógnitas mentres que Democracia Ourensana anunciou que concorrerá ás galegas

   Mentres, na denominada esquerda rupturista representada no pasado por Alternativa Galega de Esquerda ou En Marea e agora conformado arredor de Sumar Galicia ou Podemos segue habendo incógnitas. Nas eleccións de 2020 Galicia en Común non logrou ningún escano, pero os resultados das xerais do pasado xullo, con dous escanos por Galicia, na Coruña e Pontevedra, para o proxecto liderado a nivel estatal por Yolanda Díaz, fixo xurdir novas expectativas. En novembro Sumar Galicia anunciou o seu rexistro como partido coa ollada nas galegas e posteriormente asegurou que se presentaría en todas as provincias, incluídas Lugo e Ourense, pero a comezos de decembro a ruptura a nivel estatal de Podemos con Sumar engadiu incerteza sobre a capacidade de aglutinaren forzas.

   Ademais, estas eleccións terán unha variable significativa máis logo do anuncio do líder de Democracia Ourensana, Gonzalo Pérez Jácome, de que concorrerá a elas. Xa o fixera nas galegas de 2016 sen obter ningún escano e nas de 2020 non se presentou. Pero se agora repetise resultados electorais similares aos obtidos nas municipais do pasado maio si que obtería representación, complicando o panorama dos posibles pactos de goberno. 

   Igualmente, está por ver o efecto que puidera ter para o PP a posible perda de votos ante Vox, o que xa levou a varios dirixentes populares a amosar a súa preocupación.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados