E-distrito

Noticias

O persoal pide auxilio á Xunta e ao Parlamento ante o "delirio partidista" e a "manipulación" na CRTVG

O persoal pide auxilio á Xunta e ao Parlamento ante o "delirio partidista" e a "manipulación" na CRTVG

  O comité intercentros pide a "intervención urxente" da Xunta e do Parlamento ante o "gravísimo delirio informativo partidista" a prol do PP

  PP e Vox únense na Eurocámara para botar abaixo unha petición dos traballadores da CRTVG para tratar a manipulación do ente público.

  04 decembro 2023

  "Dan ganas de chorar: polo control férreo que hai sobre a información, pola impunidade e pola impotencia de sentir que, en realidade, non estás a facer o teu traballo". Quen fala é unha xornalista da CRTVG, desesperada pola situación que di vivirse dentro da TVG e da Radio Galega e que este xoves volveu denunciar o comité intercentros. Un día antes do 289º venres negro, da 289ª semana consecutiva de mobilización de persoal dos medios públicos galegos, que suma máis de cinco anos denunciando a "manipulación informativa". 

  Agora, a representación do persoal da Corporación pide xa a "intervención urxente da Xunta e do Parlamento galego" para "parar" o que considera "un gravísimo delirio informativo partidista" a prol do Partido Popular e das institucións que goberna.  "Delirio, si, porque o de manipulación xa queda curto", insiste a mesma traballadora.  

  Na súa denuncia —se cadra a máis desesperada e grave pero nin moito menos a primeira— chega no mesmo día no que o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, encadrou as 75 demandas recibidas pola empresa este ano na "cultura de reclamacións á que está acostumada a Corporación". Na mesma xornada na que o BNG denunciou a "escandalosa alianza" de PP e Vox que impediu que o Parlamentou Europeo debatese, precisamente, sobre a "manipulación" nos medios públicos galegos. E ao tempo que TVG e Radio Galega sacaban peito polos datos de audiencia. 

  Nun comunicado, o comité intercentros pide auxilio e amparo, desta vez á Xunta, á Cámara galega pero tamén á oposición, ante o que considera o "abandono de todo respecto polas mínimas normas deontolóxicas do xornalismo" nos medios públicos. E reclamou xa reunións co presidente Alfonso Rueda e mais cos líderes de BNG e PSdeG, Ana Pontón e José Ramón Gómez Besteiro. 

  Ergue de novo a voz o comité cando a CRTVG está á espera de varias sentenzas que dirimirán se represaliou e vulnerou os dereitos fundamentais de diferentes xornalistas, como así ditaminou a Xustiza no caso de Carlos Jiménez, traballador represaliado pola súa posición crítica contra a dirección.

  Mentres, os venres negros seguen. Desta vez, no 289º, Defende A Galega tamén censura a "deriva" dos medios públicos galegos, que di que están "lonxe de cumprir a función para a que se crearon" e que "afondan no desmantelamento e na desinformación". "A Dirección teima en usar a CRTVG como instrumento de propaganda partidista", di o colectivo que agrupa desde hai un lustro o persoal mobilizado contra a manipulación e polo cumprimento da lei de Medios.

  Os informativos reproducen sen pudor o ideario; son o máis eficaz órgano de propaganda do PP"

  Nada muda, no entanto, na Corporación, segundo o relato de persoal e a denuncia pública dun comité que pide a Xunta e Parlamento que "actúen para poñerlle fin a unhas prácticas incompatibles coa prestación do servizo público que o ente ten ditado por lei", nomeadamente unha "manipulación informativa" que definen como un "delirio partidista" que superou xa todos os límites. 

  "Reproducen sen pudor en cada informativo un ideario calcado de arriba a abaixo, sen fisuras e cunha tendencia partidista evidente, de xeito que a CRTVG, traizoando as súas encomendas de servizo público, funciona só como o máis eficaz órgano de propaganda do partido que goberna", din. 

  Desde a información máis local, ata a internacional e pasando por outro tipo de programas, denuncia o comité, a información sempre "segue a liña que marca o PP desde Madrid". Como exemplo, só nos últimos días, o dos menores e mulleres intercambiados por Israel no conflito de Oriente Medio que son denominados "terroristas de Hamás" na Radio Galega. "Bildu non é Bildu, son sempre os herdeiros de Batasuna", explica unha traballadora. Ou o acto de precampaña de Alfonso Rueda e do PPdeG a bordo do autobús Galicia non para! en Cangas, que foi camuflado "como un acto institucional do presidente da Xunta", sen aludir en ningún momento a que era un acto de partido. 

  Pero hai moitos máis: a información sobre a repetición electoral en Castro Caldelas que desapareceu así que se soubo da vitoria do PSdeG, vídeos nas redes sociais "con músicas e comentarios informais que repiten falacias partidistas e frivolizan coa violencia machista", a invisibilización de importantes mobilizacións sanitarias ou do ensino e bromas sobre a "falta de noticias con perspectiva galega". "Sorprendente afirmación feita nun medio cuxa razón de ser é este país, gran verdade cando a cabeza está en Madrid", denuncia o comité. 

  Este mesmo xoves, Alfonso Rueda foi entrevistado e horario de prime time, no Telexornal Serán, nunha conversa centrada en críticas ao Goberno central e en medidas preelectorais, poucos días despois de ser protagonista do programa Land Rober ou de saír en bicicleta nun programa para maiores. "Fáltame probar nos deportes", dixera cando fora preguntado pola súa masiva presenza na CRTVG. Onte, a información deportiva tivo que esperar ao remate das preguntas ao presidente da Xunta.

  O comité denuncia o "ostracismo" co que son "castigados" os profesionais "que non se pregan a escribir ao ditado do PP"

  Todo xorde, segundo o comité, dunha constante "manipulación" informativa que, segundo denuncia, "agravouse especialmente" na Radio Galega desde que o pasado 23 de outubro se produciron unha serie de cambios organizativos e de contidos que, segundo denuncia, tiveron o obxectivo de "incrementar o control político e apartar dos micrófonos as profesionais que se negan a escribir ao ditado dos intereses da dirección". 

  Isto provocou, tanto na radio como na TVG, que fosen "castigados co ostracismo a meirande parte dos profesionais que non se pregan a escribir noticias ao ditado dos intereses do PP", unha medida que cualifican de "modalidade de acoso" que ten provocado "graves danos psicosociais entre o persoal". Por casos como os denunciados, varios traballadores denunciaron a CRTVG ante a xustiza, pendente agora de ditaminar se a dirección exerceu represalias contra eles por non pregarse a esa "manipulación". 

  "É desesperante e desolador que haxa excelentes profesionais que practicamente non fan nada durante o seu horario laboral ou que se limitan a pequenos labores que pouco teñen de xornalismo", denuncia unha traballadora da Radio Galega.

  "Nos espazos informativos, moitas redactoras e redactores perderon carga de traballo, concentrada nunhas poucas persoas da confianza da dirección", engade o comité, que denuncia como TVG e Radio Galega "reproducen sen pudor en cada informativo un ideario calcado de arriba a abaixo, sen fisuras e cunha tendencia partidista evidente". A CRTVG é, insisten, "o máis eficaz órgano de propaganda do partido que goberna.

  E sinalan a liña editorial de espazos como Crónica das Dúas ou Crónica da Fin de Semana, na Radio Galega, que din que se "asemella máis á dunha emisora de ultradereita que aos criterios de imparcialidade, veracidade e pluralidade que ten a obriga por lei de respectar a CRTVG pola súa consideración de servizo público esencial". 

  Ademais, o comité intercentros asegura que isto só é o principio dunha "maquinaria manipuladora que se intensificará aínda máis de cara á inminentes eleccións autonómicas". Por iso, piden o "cesamento inmediato de todas as persoas responsables desta anomalía democrática", nomeadamente de María Concepción Pombo Romero e Alejandro López Carballeira, directora e subdirector da Área de Información da CRTVG, pero "tamén de toda a estrutura directiva que ampara co silencio e a conivencia a utilización partidista e o secuestro dos medios públicos de comunicación de todos os galegos e galegas". 

  PP e Vox únense para evitar tratar a "manipulación" na Eurocámara

  Precisamente, persoal da CRTVG denunciara ante a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo o pasado setembro a manipulación, unha demanda que fora declarada admisible. Este pasado mércores, na reunión de coordinadores de grupos políticos que decidía se a petición era incluída na axenda de xaneiro, PP, Vox e Ciudadanos uníronse para sacala fóra.

  Así o denuncia a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, que lembra que eurodeputados que non forman parte da comisión parlamentaria sobre o tema apareceron "para votar en contra do traslado da demanda", ao igual que fixo Vox. 

  "É escandalosa, tamén no Parlamento Europeo, a alianza entre a dereita e a extrema dereita", asegura Miranda, que denuncia tamén a actitude da presidenta da Comisión de Peticións, a popular Dolors Montserrat, por "non manter a neutralidade que se lle presupón e que debería rexer as súas actuacións". 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados