E-distrito

Noticias

Temporalidade ou baixa remuneración afastan Galicia das comunidades con mellor índice de calidade de emprego

Temporalidade ou baixa remuneración afastan Galicia das comunidades con mellor índice de calidade de emprego

  Euskadi, Madrid, Catalunya e Navarra son as CCAA con mellores condicións laborais. 

  30 novembro 2023

  A cualificación, a remuneración, a temporalidade ou as xornadas longas son algúns dos indicadores que afastan Galicia das comunidades con mellor calidade de emprego, nun ránking no que o país sitúase por baixo da media estatal, na oitava posición, e no que todas as autonomías rexistraron unha mellora nos últimos quince anos, agás Extremadura. 

  Estas son algunhas das conclusións que se tiran do estudo sobre a calidade de emprego en España e as súas autonomías realizado por investigadores do Instituto Valenciano de Investigaciones Económicas (IVIE) e a Fundación Ramón Areces. 

  Nel indícase que a diferenza en canto á calidade do emprego entre Galicia e Euskadi —a comunidade con mellores datos— supera os cinco puntos (-5,1), mentres que é de case un punto (-0,9) coa media estatal. Todo en base a un índice, o Índice de Calidade de Emprego (ICE), elaborado a partir da avaliación de numerosos indicadores e da análise de máis de 40 variables en cada comunidade, como a temporalidade, os salarios, a fenda de xénero ou a conciliación. 

  Unha clasificación onde Euskadi, Madrid e Catalunya, por esta orde sitúanse como os territorios con mellor índice de calidade de emprego grazas, fundamentalmente, á cualificación e á remuneración dos traballos. 

  O informe analiza diferentes variables e son varias delas nas que Galicia non sae ben parada. Por exemplo, o país é unha das comunidades autónomas onde a escasa duración dos contratos ten maior incidencia no emprego precario. Os contratos de duración inferior aos tres meses roldan o 18% do total, unha cifra só superada por La Rioja, co 19%. 

  O estudo conclúe tamén que no caso daqueles contratos aínda máis breves —inferiores ao mes— Galicia tamén acada unha porcentaxe elevada (6,2%) en comparación con, por exemplo, Balears, Catalunya ou Aragón, todos eles por baixo do 3%.

  Ademais, e no que ten que ver coa porcentaxe de asalariados temporais con contratos dunha duración inferior ao ano, Galicia tamén se sitúa no podio, roldando o 40% e só por baixo de Castilla-La Mancha. De feito, o estudo destaca que desde 2007 os contratos de menos dun ano perderon peso dentro do total dos temporais, agás en Galicia, Extremadura, Andalucía, Madrid e Cantabria, con ascensos moderados. 

  Porque o informe La calidad del empleo en España y sus comunidades autónomas pon o foco tamén na evolución que a calidade do emprego tivo desde ese 2007, ano previo á caída de Lehman Brothers e ao inicio da última gran crise económica. Así, destaca que o peso do emprego a tempo parcial oscila entre o 10,4% das Illes Balears e o 15,8% do País Vasco pero que todas as comunidades amosan aumentos na importancia deste tipo de contratación respecto a ese ano 2007, "sendo de especial magnitude en Galicia, Asturias e Castilla y León".

  No caso galego, o peso do traballo parcial pasou nestes últimos 15 anos —ata 2022 que é o ano que se emprega como referencia— de menos do 10%, sendo daquela unha das comunidades onde tiña menos relevancia, a alcanzar o 14% e situarse por riba da media estatal. "O emprego a tempo parcial creceu en todas as comunidades e o emprego a tempo completo segue sendo inferior ao de 2007 en todas agás nas Illes Balears, Canarias e Murcia", aclara o informe. 

   Ademais, os datos recompilados indican que a porcentaxe de persoal ocupado que ten xornada parcial por non ter podido atopar un traballo a xornada completa é tamén superior á media estatal en Galicia, con perto do 7%. En canto á remuneración das persoas asalariadas (por hora asalariada), Galicia sitúase tamén por baixo da media do Estado e moito máis lonxe de Madrid ou País Vasco. 

  Galicia é o territorio onde máis peso teñen as xornadas de traballo moi longas; a porcentaxe de persoas que traballan sábado ou domingo tamén é superior á media

  Noutro dos ámbitos analizados, o da porcentaxe de xornadas moi longas (as de 49 ou máis horas semanais), os datos tampouco sitúan Galicia nunha boa situación, xa que a cifra oscila entre o 4,9% de Euskadi e o 9,1% da comunidade autónoma galega, a peor parada, aínda que en todos os territorios se rexistran importantes diminucións respecto a 2007. 

  Por outra banda, o estudo tamén se fixa na cantidade de persoas que traballan sábados ou domingos dous ou máis días do mes, unha porcentaxe que en Galicia roza o 30% e que tamén é superior á media estatal, aínda que menor ao 40% que acadan, por exemplo, as Canarias.

  En canto ás dificultades para a conciliación, e tendo en conta os últimos datos dispoñibles de 2018, o 54% das persoas asalariadas en Galicia aseguran que nunca ou case nunca lles é posible modificar o inicio ou o final da xornada laboral para poder coidar fillos ou persoas dependentes, un dato máis de catro puntos por riba da media estatal e só superado polo de Cantabria, Andalucía e as Illas Canarias. 

  Tamén alude o informe á porcentaxe de asalariados e asalariadas que realizaron horas extras non pagadas, que en Galicia supera o 3% e está por riba da media estatal, ou á taxa de sobrecualificación: aquela que se define como a porcentaxe de ocupados con estudos universitarios en traballos non altamente cualificados. En Galicia esta cifra chega a case un cuarto dos traballadores, destacando un incremento desde 2007 de arredor do 5%, sendo un dos maiores aumentos no Estado xunto a Extremadura, País Vasco e Cantabria. 

  Como forma de analizar conxuntamente todas as variables, o estudo elabora un Índice de Calidade do Emprego (ICE) para as comunidades autónomas, a partir de 18 indicadores e máis de 40 aspectos analizados, e calculado para o período 2007-2022. Téñense en conta a temporalidade, as ocupacións de alta cualificación, a conciliación, a fenda de xénero, os salarios ou a sinistralidade. 

  No pasado ano 2022, o valor do ICE roldou os máximos do período analizado e sitúase en 103,1 para o conxunto do Estado, cun aumento acumulado de 3,1 puntos respecto a 2007.

  O dato de Galicia sitúase un chisco por baixo —102,2 e polo tanto inferior á media estatal—, sendo superior ao de Cantabria, Balears, Castilla y León, Castilla-La Mancha, Comunitat Valenciana, Murcia, Andalucía, Canarias e Extremadura, e sendo inferior ao doutras sete comunidades. 

  En canto á variación nos últimos quince anos, a mellora no país foi escasa, de bastante menos de tres puntos, tamén inferior á media de España e só por riba das Canarias, Cantabria, Aragón e Extremadura, esta última a única que empeorou a calidade do emprego desde 2007. 

  Así, e tendo en conta os índices por bloques, Galicia sitúase por baixo da media estatal en canto á seguridade e ética no emprego, a nivel salarial e de beneficios, en duración do traballo e conciliación e en motivación e só por riba en protección. 

  En detalle, as maiores diferenzas de Galicia coa comunidade autónoma con mellor calidade de emprego no ránking, o País Vasco, danse na cualificación, na remuneración ou nos salarios. Ademais, mantén un ICE semellante ao do conxunto do Estado en case todos os aspectos analizados. 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados