E-distrito

Noticias

O estudo galego sobre os cancros trasmisibles en berberechos, portada de "Nature Cancer"

O estudo galego sobre os cancros trasmisibles en berberechos, portada de "Nature Cancer"

A prestixiosa revista do grupo Nature destaca o traballo do xenestista José Tubío e publícao cunha imaxe da ilustradora galega Isa Loureiro

  24 novembro 2023

  A revista Nature Cancer non adoita publicar estudos que non sexan en humanos ou, no seu defecto, en organismos modelo. Mais a relevancia dun estudo galego fixo que unha investigación realizada en especies invertebradas teña cabida sen precedentes nas súas páxinas. Non só iso, senón que o traballo e os fitos achados polo equipo liderado polo xenetista José Tubío son portada do mes de novembro da revista. A prestixiosa publicación científica pon en primeira plana o estudo no que se secuencian por vez primeira cancros transmisibles nos berberechos que poden propagarse a través da auga, que aporta novos coñecementos sobre como estes cancros se estenderon entre as poboacións animais durante centos e posiblemente miles de anos.

   Nature Cancer é unha publicación mensual do grupo Nature que goza dun gran prestixio no eido científico. Para os integrantes do equipo supón un gran orgullo e un moi bo recoñecemento do seu traballo. Fóra da ciencia, o recoñecemento o é tamén para outra galega, a deseñadora Isa Loureiro, quen fixo a encadernación do seu estudo e, en consecuencia, a ilustración que se tomou como imaxe para a portada da revista. Así o publicou Tubío na rede social X (antes Twitter), onde fai fincapé no labor de sete anos que por fin ten resultados sólidos.

   O equipo está integrado por investigadores do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela e colaboradores de varios países, baixo a dirección de José Tubío. O estudo investiga os cancros transmisibles, como liñaxes celurares malignas que se propagan clonalmente entre individuos. O relevante do estudo é que varios deses cancros, denominados neoplasia transmisible dos bivalvos, inducen unha enfermidade similar á leucemia nos bivalvos mariños. É o caso particular do berberecho común (Cerastoderma edule), que habita as costas atlánticas de Europa e o noroeste de África.

   Inestabilidade cromosómica e propagación pola auga

  O estudo achega todas as claves do cancro transmisible detectado en berberechos: desde a súa inestabilidade cromosómica, ate a súa propagación pola auga ou a súa antigüidade. As conclusións deste estudo non só permitiron descubrir que estes cancros teñen un xenoma moi desestruturado —un achado moi relevante—, senón que tamén lles permitiu describir o tecido en que se orixinaron estes cancros contaxiosos e algúns mecanismos que usan as células tumorais para evitar a súa extinción. Ademais o equipo conseguiu crear o primeiro xenoma de referencia de alta calidade do berberecho que achandará o camiño para futuras investigacións.

  Esta investigación foi xerada no marco do proxecto europeo Scuba Cancers, financiado polo Consello Europeo de Investigación (ERC) coa finalidade de investigar as causas xenéticas que fan que unha célula de cancro se contaxie dun individuo a outro. Este tipo de traballos comezan no ano 2016 co estudo que demostraba a propagación de certos tipos de cancro polo medio acuático e que xa puña de manifesto a importancia de detectar as mutacións responsables destas transmisións celulares do cancro.

  Derivado de GCiencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados