E-distrito

Noticias

Sánchez é investido presidente co apoio de todos os partidos agás PP, Vox e UPN.

Sánchez é investido presidente co apoio de todos os partidos agás PP, Vox e UPN.

  Convértese no Presidente do goberno de España que contou con maior respaldo do resto de forzas parlamentares en democracia. 

  16 novembro 2023

  Pedro Sánchez foi investido presidente do Goberno de España. A piques de que se fagan catro meses das eleccións do pasado 23 de xullo, PSOE e Sumar conformarán de novo un executivo progresista nunha lexislatura na que o seu futuro e gobernabilidade depende desta vez dun amplo abano de partidos nacionalistas e independentistas: ERC, Junts, EH Bildu, BNG ou Coalición Canaria. 

  A investidura de Pedro Sánchez contou este xoves no Congreso cun total de 179 votos a favor, sete máis que os logrados por Alberto Núñez Feijóo a finais de setembro, doce máis que hai catro anos e tres máis que a maioría absoluta, o que permitiu ao socialista ser elixido presidente xa nunha primeira votación.

  "Isto é unha equivocación" e "vostede será o responsable", di Feijóo que lle dixo a Sánchez no momento de felicitalo ao consumarse a votación que confirmou tamén o fracaso do ex-presidente da Xunta no seu intento de chegar á Moncloa, obxectivo que se marcou cando abandonou o Goberno galego hai máis de ano e medio. 

  Será o segundo goberno de coalición en España dende a Segunda República logo dunha segunda sesión de investidura na que non houbo sorpresas de última hora, nin sustos, nin tamayazos, malia o descontento do que deixou constancia Junts o pasado mércores co discurso de Sánchez e as difíciles negociacións que supuxeron a proposta dunha lei de amnistía que será aprobada nos próximos meses. 

  Todos os grupos que apoiaron a investidura de Sánchez deixaron clara no Congreso a "complexidade" que supón a lexislatura que chega, pero todos os apoios do presidente do Goberno de España tamén advertiron da necesidade de seguir avanzando e parar a alternativa: a unión da dereita coa extrema dereita e o retroceso que, din, suporía para o avance da axenda social e plurinacional vixente. Iso si, marcando cada un o seu terreo e reivindicando a súa importancia.

  "Somos os independentistas e soberanistas os que impedimos hoxe que o bloque reaccionario chegue ao poder", advertiu Mertxe Aizpurua, voceira de EH Bildu, en liña co que manifestaron os independentistas cataláns. 

  Na súa última intervención, ademais, Pedro Sánchez reivindicou que o goberno que sae da investidura, agora si completada, é "lexítimo, democrático e constitucional" e agradeceu o seu voto a favor aos 179 deputados en todas as linguas oficiais estatais. Todo entre graves acusacións da dereita, que van desde a "fraude" que denuncia o PP ata o "golpe de Estado" do que advirte a ultradereita de Vox. 

  Desde o PSOE, e logo das intervencións de EH Bildu, PNV, BNG, Coalición Canaria e UPN, o seu portavoz parlamentario Patxi López, insistiu en que as protestas da dereita "non son pola amnistía, senón porque as urnas non lles deron a posibilidade de gobernar". "Son protestas lexítimas, o que non é tan lexítimo é as mentiras coas que as convocan", dixo para a continuación cargar contra os acordos do PP con Vox. 

  "Non sigan alimentando a besta porque acabará devorándoos", pediu López a Feijóo, a quen recriminou "todos os retrocesos" que se producen nas comunidades e concellos gobernados por PP e Vox. Tamén defendeu a amnistía na busca do "reencontro e convivencia" para "superar o pasado de confrontación e abrir un futuro de diálogo e entendemento".

  No debate, Miguel Tellado, vicesecretario xeral de Organización do PP, pediu a palabra polas alusións que a el fixera Patxi López. Queixouse de que o portavoz do PSOE acusase aos populares de "alentar a violencia" e acabou acusando os socialistas de "alentala no momento que a perdoan e a amnistían". "Non van conseguir que España cale", dixo, entre o ruído e o balbordo da Cámara Baixa e logo de que deputados socialistas foran insultados e algún deles alcanzado por ovos nas inmediacións do Congreso. 

  Así, e logo de que fracasase definitivamente a investidura de Feijóo o 29 de setembro e recibir Sánchez o 3 de outubro o encargo do xefe do Estado para tentar formar goberno, o 13 de outubro EH-Bildu garantía o seu apoio ao socialista, que o 24 de outubro asinaba con Sumar un acordo para reeditar un executivo de coalición.

  O seguinte pacto chegaría o 2 de novembro, con ERC, mentres que co BNG sería asinado o luns día 6. 

  Finalmente, as negociacións aceleráronse nos últimos días acadándose o pasado xoves un acordo con Junts que inclúe unha amnistía ás persoas implicadas no procés catalán e o venres seguinte co PNV para avanzar no autogoberno vasco. A última hora mesmo se sumou aos acordos de investidura Coalición Canaria, que en setembro apoiou a investidura de Feijóo e que agora fará o mesmo con Sánchez, aínda que distanciándose da lei de amnistía, que si apoian o resto de grupos que deron o voto ao líder socialista.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados