O PP continúa sen aceptar o resultado electoral do pasado 23 de xullo, que impediu unha maioría da dereita e da ultradereita e que conducirá esta semana, previsiblemente, á investidura de Pedro Sánchez cos votos de todos os grupos do Congreso, agás PP, VOX e UPN. Este domingo o PP convocou manifestacións en todas as capitais de provincia, co apoio de VOX, sendo a máis numerosa a que tivo lugar en Madrid, que reuniu a máis de 80.000 persoas (medio millón segundo os organizadores).
En Galicia as mobilizacións tiveron lugar na Coruña (10.000 asistentes segundo o PP, 6.500 segundo a Delegación do Goberno), Pontevedra (entre 4.000 e 10.000 mil persoas), Lugo (entre 2.500 e 4.000) e Ourense (entre 300 e 4.000), todas elas encabezadas polos lemas "Pola igualdade dos españois", "Non á amnistía" e "España non se rende".