E-distrito

Noticias

Rueda anuncia unha cota cero para todos os autónomos que inicien a súa actividade en 2024

Rueda anuncia unha cota cero para todos os autónomos que inicien a súa actividade en 2024

Destaca que, xunto coas achegas de 20 M€ en axudas para sufragar os gastos de primeira actividade, cada autónomo poderá percibir ata case 8600 euros de axuda

  24 outubro 2023

   O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou onte que o Goberno galego lanzará en 2024 a "Cota cero" para todas as persoas que inicien a súa actividade como autónomos. Deste xeito, subvencionarase o 100 % das cotizacións dos primeiros 12 meses para as persoas que se dean de alta o vindeiro ano. 

   “Galicia é unha terra de emprendemento e ten unha rede sólida que hai que manter e apoiar desde a Xunta”, defendeu Rueda sobre a necesidade desta medida de "estímulo e apoio" que se recollerá nos Orzamentos de 2024. Deuna a coñecer tras a súa participación na Mesa do Autónomo, celebrada no espazo coworking Dálle que dálle en Vilagarcía de Arousa, onde estivo acompañado da conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo. 

   O Goberno galego investirá nesta medida 9,6 millóns de euros, coa que se prevé chegar a unhas 10.000 persoas e será compatible coas axudas que a Xunta xa ten en marcha para o inicio da actividade autónoma. Precisamente, o mandatario galego destacou o feito de que a esta partida se engade a outras de apoio recollidas nos Orzamentos de 2024. Así, tamén adiantou que “se duplicarán” ata acadar os 20 millóns de euros as axudas a este sector para cubrir os gastos da primeira actividade. En total, sumando outras iniciativas de apoio, mantemento e fomento, precisou que se destinará o ano que vén a “cantidade importante” de 45 millóns de euros ao emprego autónomo. 

   Segundo especificou, sumando a "Cota cero" e estas axudas, cada nova persoa autónomo en Galicia poderá percibir ata case 8600 euros en achegas.. O mandatario galego puxo en valor esta aportación, xa que considerou que se trata dunha contía significativa para pór en marcha primeiros proxectos e ideas, á vez que para garantir o revelo xeracional neste sector, xa que advertiu que este eido é dun dos “grandes retos” que ten por diante o tecido autónomo en Galicia.  

  Derivado de Xunta.gal

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados