E-distrito

Noticias

O galego estrea o plurilingüismo no Congreso entre apelacións a Castelao e o abandono da ultradereita.

O galego estrea o plurilingüismo no Congreso entre apelacións a Castelao e o abandono da ultradereita.

  O socialista Gómez Besteiro estrea en galego o sistema de traducción instantánea para as linguas cooficiais alabando a diversidade cultural.

  Os deputados de Vox interromperon a Besteiro nada máis iniciarse a sesión e abandonaron o hemiciclo ciscando os auriculares no escano de Pedro Sánchez

  19 setembro 2023

   O galego foi protagonista na estrea do uso de todas as linguas oficiais do Estado no Congreso dos Deputados. Foi a lingua galega a que estreou o plurilingüismo, a primeira que se escoitou no Congreso no debate da reforma do regulamento para permitir a súa utilización e mais a do catalán e a do éuscaro na Cámara Baixa. Entre lembranzas a palabras de Castelao ou Cunqueiro e a perrencha da extrema dereita. 

  "É unha dobre honra que se me permita estrear o sistema de tradución simultánea na miña lingua materna, o galego, que simboliza a riqueza e a diversidade cultural do noso país", dixo para comezar José Ramón Gómez Besteiro, deputado socialista encargado de defender polo seu partido a proposta conxunta de PSOE, Sumar, BNG, ERC, EH Bildu e PNV. Non tardou en ser interrompido. 

  A deputada de Vox, María José Rodríguez de Millán, pediu a palabra, que lle foi negada, e foi advertida pola presidenta do Congreso, Francina Armengol, tras intentar cortar o deputado do PSdeG. "Prégolle que sente e deixemos falar; este é o templo da palabra e o uso da palabra teno o señor Besteiro", dixo. Deseguido, os seus compañeiros do grupo da ultradereita abandonaban o hemiciclo ciscando os auriculares para a tradución e a interpretación no escano de Pedro Sánchez, ausente por motivos de axenda, ao carón da vicepresidenta do Goberno de España en funcións, a galega Yolanda Díaz. 

  Antes, o PP intentou deter o uso das linguas oficiais pedindo a reconsideración dos acordos da Mesa, pero Armengol lembroulle á portavoz popular, Cuca Gamarra, que a reconsideración veríase a próxima semana. Sexa como for, o Congreso acabou aprobando finalmente a reforma con 176 votos a favor, 169 en contra e dúas abstencións, logo dalgún erro nas votacións e de que os promotores da iniciativa unisen o apoio de Junts e Coalición Canaria. Os grupos terán de prazo ata as 18 horas deste mércores para presentar emenda, que serán debatidas nun novo pleno esta semana.

   "É unha dobre honra que se me permita estrear o sistema de tradución simultánea na miña lingua materna, o galego", dixo Besteiro

  Antes, Besteiro inaugurou a sesión cunha intervención na que mesturou galego e castelán e apelou a Castelao, de quen lembrou que dicía que a lingua era "a grande obra de arte dun pobo", para pedir que o Congreso faga que os diferentes idiomas oficiais sexan tamén "patrimonio vivo" dun Estado plural. Só uns minutos despois, parte do discurso que o histórico dirixente galeguista pronunciara na mesma Cámara hai case un século, en 1931, foi repetido por Marta Lois, voceira de Sumar e encargada de defender a proposta. 

  Tamén foi recordada aquela primeira intervención de Castelao nas Cortes da República polo deputado do BNG, Néstor Rego, que na súa intervención —a primeira na historia integramente en galego na Cámara Baixa— mostrouse orgulloso da "persistencia do pobo galego no mantemento e defensa da nosa lingua, a lingua que nos une como pobo". 

  "A lingua común tamén dos falantes do Bierzo, do Eo-Navia, das Portelas ou dos tres concellos do val do Xálima", dixo, logo de apelar á lusofonía e ao galego como "lingua común" do Rio de Janeiro, do Timor Leste, de Portugal ou de Luanda. "Temos unha lingua extensa e útil", insistiu parafraseando de novo a Castelao.

  "Non somos separatistas porque se separatismo vén de separar, separatista será o que non queira que o galego sexa un idioma español", replicou Lois, tamén usando unha frase do histórico persoeiro, logo de que Besteiro advertise que permitir o uso do galego, o catalán e o éuscaro no Congreso non é mais que reflectir "a realidade" que se vive no conxunto do Estado e na vida diaria da cidadanía. 

  O deputado lucense asegurou que non hai motivos "tecnolóxicos ou orzamentarios" para oporse á reforma e que "paga a pena" adaptar a Cámara ao uso das linguas. Aos que se opoñen lembroulles que "a uniformidade non garante a cohesión". 

  Os deputados galegos de PSOE, Sumar e BNG criticaron con dureza que o PP, Rueda e Feijóo "voten contra o galego": "É indigno e indecente"

  Ademais, Besteiro criticou a postura do PP, en especial a do PPdeG. "Como galego, como alguén que leva toda a vida falando as dúas linguas, dóeme que o partido que goberna Galicia queira impedir que o galego se fale no Parlamento de España", dixo, logo de lembrar que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e o resto de deputados populares na Cámara autonómica "votaron en contra" de que o idioma se puidese falar na Cámara Baixa. 

  Tamén o fixo Néstor Rego, que lamentou que os deputados galegos do PP voten en contra de aumentar a presenza da súa lingua. "Xa o fixeron no Parlamento de Galicia", dixo o deputado nacionalista, que considera "indigno" que o presidente da Xunta, "que ten a obriga legal de defender o galego, renegue da lingua do seu pobo". 

  "É indecente que hoxe aquí, quen exerceu trece anos de presidente da Xunta, vote en contra do galego", continuou Rego en referencia a Feijóo, de quen dixo saberlle "de vello" as súas "políticas lingüísticas". "Ten a dubidosa honra de lexislar contra o galego", engadiu, facendo referencia ao decreto do plurilingüismo "que prohibe impartir aulas de física ou química" no idioma propio mentres "este segue a perder falantes entre os máis novos". 

  Así, pediu ao PP, sen esperanza ningunha, que mudase a súa posición e lembrou ante a Cámara Baixa que "a maioría de votantes do PP na Galiza son galegofalantes" e que a "inmensa maioría dos galegos, úsena ou non, senten a lingua galega como propia porque o é"-

  "Álvaro Cunqueiro pedía mil primaveras máis para o galego e estaría encantado de pedir mil primaveras máis para todas as linguas do país", defendeu tamén Marta Lois, coincidindo na apelación ao lendario desexo do escritor mariñao con Rego, logo de que Besteiro renegase dos que se "pechan en banda" ante a oficialidade plena de todas as linguas do Estado no Congreso. "Chegou o momento porque se reúnen todas as condicións", resumiu. 

  "O que fai este Parlamento é que se parecerá máis ao país que representa", insistiu Besteiro, que pediu á dereita que "non caia no erro de sempre e non volvan ás andadas". Desde Sumar, Lois lembrou que Feijóo "emprega o galego no Parlamento de Galicia" e recriminou o PP que "minta" unha realidade na que o uso do galego "está normalizado" noutros ámbitos e institucións. 

  "O galego é a lingua do traballador, do obreiro, do artesán, do labrego, do mariñeiro... Revivir a nosa lingua é revivir a nosa democracia”, insistiu Marta Lois, que advertiu á bancada do PP e de Vox que "a posibilidade de falar nunha lingua non nega as outras". 

  Por último Néstor Rego, lembrou que a xornada deste martes é "un bo día para as linguas e a democracia" e que permitir o uso normalizado de todos os idiomas "tamén é unha cuestión de dereitos". "É o recoñecemento de que neste Estado convivimos nacións e pobos con lingua propia", dixo, tras advertir que é "un paso máis" pero que "deberán vir outros" para lograr a plena "normalización" do idioma. "Sempre en Galiza, sempre en galego", rematou. 

  Logo, o deputado do PP, Borja Sémper, realizou parte do seu discurso en eúscaro tan só un día despois de dicir que o seu partido non utilizaría o conxunto das linguas oficiais para "non facer o canelo".

  Ademais, EH Bildu celebrou o uso do éuscaro no Congreso logo de ter sido un idioma "atacado e perseguido", mentres que Rufián asegurou que na xornada non había "perdedores, como moito, ignorantes". 

  Desde Galicia, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reiterou o seu "respecto" ao galego pero dixo que o impulso desta lingua e mais do catalán e do vasco no Congreso "é unha actuación que e fai porque o está pedindo Puigdemont". "É unha cesión a unha petición dun partido independentista catalán para apoiar unha investidura", asegurou.  

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados