A Xunta vén de anunciar a declaración dunha emerxencia cinexética temporal en 37 das 53 comarcas galegas, un total de 248 concellos que abranguen máis do 80% do territorio, co obxectivo de "controlar" a poboación de xabarín. O Goberno galego xustifica a medida "pola presenza e os danos ocasionados" por esta especie, que nos últimos tempos se ven achegando cada vez con máis frecuencia a grandes núcleos de poboación ante a diminución do alimento dispoñible nas zonas rurais.
A medida, que entrará en vigor este sábado 16 e se estenderá ata o vindeiro 25 de febreiro, permitirá "abater ou capturar sen límite de exemplares xabarís de ambos sexos, prioritariamente femias adultas e subadultas de calquera idade" en todos estes concellos. A caza poderá levarse a cabo todos os días e sen autorización previa.