E-distrito

Noticias

Pedro Sánchez opta a seguir gobernando con pactos coa esquerda e o soberanismo malia ao primeiro posto do PP

Pedro Sánchez opta a seguir gobernando con pactos coa esquerda e o soberanismo malia ao primeiro posto do PP

  As expectativas de crecemento do BNG desínflanse ao manter únicamente o deputado que xa tiña. 

  A suma das dereitas queda cando menos cinco escanos por baixo da absoluta e sen posibilidades de tender pontes con outras forzas por mor da dependencia de Vox

  A correlación de forzas dun eventual duelo de investiduras entre Feijóo e Sánchez estaría nun apertadísimo 172 fronte a 171 que dependería dunha, a priori, complexa abstención de Junts

  24 xullo 2023

  Contra case todos os prognósticos (agás o do Centro de Investigacións Sociolóxicas), malia a fortísimo medre dun PP que acada a primeira posición e nun escenario axustadísimo, Pedro Sánchez volveuno facer. Os resultados das eleccións xerais deste 23 de xullo sitúan o PSOE en condicións de volver tentar a investidura do seu secretario xeral como presidente do Goberno de España, aínda que nun contexto aínda máis complexo que o de hai catro anos.

  Enfronte do dende este 24 de xullo presidente en funcións está un PP que debutaba co ex-presidente galego Alberto Núñez Feijóo e que, en ausencia de Ciudadanos, dispárase en case medio cento de escanos. Son, en total, 136 os conseguidos populares, que sumados aos 33 de Vox -que perde 19- e, potencialmente, aos conseguidos por UPN e Coalición Canaria (cadanseus representante) quedan en 171. Isto é, cinco por baixo do limiar da maioría absoluta e sen posibilidades de tender pontes con outras forzas por mor da dependencia da extrema dereita. Feijóo, non obstante e tal, aférrase ao previsible argumento de que debe formar goberno quen "gaña", en referencia á primeira posición en votos e escanos.

  Máis lonxe de atravesaren en solitario ese limiar están os socios do actual Goberno de España, pero teñen máis alianzas potenciais. Tras un resultado que, afastado dun devalo, supón para o PSOE dous escanos e case catro puntos máis que hai catro anos, os 122 votos socialistas do novo Congreso poderían dar soporte a un Executivo que tamén tería da súa banda 31 escanos de Sumar, a formación que lidera Yolanda Díaz. En total, 153 que fan imprescindibles os acordos coas forzas soberanistas vascas e catalás e mesmo co BNG malia lograr un único escano, o de Néstor Rego pola Coruña.

  O total de votos da esquerda e do soberanismo que apoiou a Sánchez nalgún punto do anterior mandato suman 172 escanos no novo Congreso. Iso inclúe aos considerados socios habituais do Goberno do PSOE e UP na lexislatura que vén de rematar, ERC (7), PNV (5) e Bildu (6) e tamén o escano do BNG. 

  Deste xeito, a correlación de forzas dun eventual duelo de investiduras entre Feijóo e Sánchez estaría nun apertadísimo 172 fronte a 171 a prol do socialista, que dependería dunha eventual -e a priori, complexa- abstención da dereita soberanista catalá de Junts per Catalunya e os seus 7 escanos.

  Este escrutinio provisional dá lugar a un panorama que, en termos de porcentaxe de votos válidos, é de práctico empate técnico na primeira posición entre PP e PSOE, con apenas un punto de diferenza entre ambos á espera do reconto do voto exterior -estas xerais son as primeiras dende a eliminación do sufraxio rogado-. Ese escenario de práctico empate técnico rexístrase tamén entre a terceira e cuarta forza a nivel estatal, Vox e Sumar, ambos na contorna do 12% dos votos.

  Absoluta do PP no Senado.

  Se, finalmente, Pedro Sánchez logra a investidura e fiar un novo Goberno da esquerda mediante alianzas co soberanismo, eses novo Executivo terá máis complicada a aritmética parlamentaria do Congreso e, asemade, o Senado en contra. A Cámara Alta, en cuxa composición rexe o sistema maioritario, estará controlada polo PP con maioría absoluta. Os 116 escanos logrados este 23X permitiranlles -máis aínda cos senadores e senadoras por designación autonómica- demorar a aprobación de leis e lanzar iniciativas como comisións de investigacións contra o Goberno.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados