E-distrito

Noticias

Fact Checks/ Feijóo nega datos clave dos seus gobernos en Galicia. Da vivenda ás Caixas.

Fact Checks/ Feijóo nega datos clave dos seus gobernos en Galicia. Da vivenda ás Caixas.

  Sánchez reprochou a Feijóo que Galicia só dispuxo de 10 novas vivendas protexidas en 2018 e 2019 e o ex-presidente afirmou que foran "máis de 2.500". O dato preciso é que foron 12.

  11 xuño 2023

   Alberto Núñez Feijóo actuou durante o debate electoral de Atresmedia en fondo e forma ao xeito en que el e o seu gabinete o fixeron na última década e media en Galicia. Un Pedro Sánchez á defensiva só logrou incomodar o aspirante popular ao afearlle as consecuencias concretas dos seus pactos coa extrema dereita no que atinxe á loita contra a violencia machista. Pola contra, o discurso do ex-presidente galego non sufriu sobresaltos cando o actual titular do Goberno de España e candidato do PSOE á reelección lle afeou cuestións concretas da súa xestión en Galicia, dando en negar datos clave dos seus gobernos, que descualificou como mentiras ditadas por asesores de Sánchez.

  Unha decena de vivendas que non son 2.500

  Un dos aspectos máis concretos dos resultados dos gobernos de Feijóo en Galicia foi o relativo á política de vivenda, na que Sánchez reprochou a escaseza de vivenda protexida durante os mandatos do PP na Xunta dende 2009. "Entre o ano 2018 e 2019, cantas vivendas foron cualificadas como protexidas en toda Galicia?", preguntou o socialista. "Máis de 2.500", respondeu o popular, ao que o líder do PSOE retrucou que foron "dez". 

  Os datos oficiais recompilados polo Instituto Galego de Estatística, dependente da Xunta, acreditan que as vivendas protexidas rematadas neses dous anos en Galicia foron 12 (8 en 2018, 4 en 2019). Atendendo ás cualificacións provisionais, segundo datos do Ministerio e Transportes -con competencias en materia de vivenda-, foron cualificadas como protexidas en 2018 unha vivenda en propiedade e outra en alugueiro e en 2019, 64 en propiedade, ningunha en alugueiro e unha en réxime de autopromoción. Todo, como amosan os gráficos que acompañan estas liñas, nun contexto no que a vivenda protexida se mantén en mínimos históricos da historia da autonomía.

  As responsabilidades na fusión das caixas

  Tamén no bloque económico, Sánchez respondeu ás críticas do candidato do PP polo incremento da débeda pública -o popular descualificouna como "pufo" e afirmou que medrou un 16% en termos absolutos dende que Pedro Sánchez é presidente, cando en realidade o total estatal aumentou 15 puntos sobre PIB- sinalando que a débeda da Xunta se "triplicou" durante os mandatos de Feijóo (de algo menos de 4.000 millóns a case 12.000 e dun peso do 6,8% do Produto Interior Bruto a arredor do 18%). Pero tamén indicando que uns "9.000 millóns" do incremento do endebedamento do Estado se deberon ao rescate de Novacaixagalicia, a entidade resultante da fusión de Caixa Galicia e Caixanova.

  Como sucedeu na última década, Feijóo adxudicou a responsabilidade do acontecido coas desaparecidas grandes caixas galegas, a súa quebra e rescate, en exclusiva ao Goberno do PSOE de José Luis Rodríguez Zapatero, gobernante cando foi rubricada a operación. Sendo certo que a fusión se produciu naquel tempo, baixo as regras ditadas polo Estado e co visto e prace do Banco de España, non o é menos que o groso do rescate se efectuou xa co PP de Rajoy no poder e, sobre todo, que a unión de Caixa Galicia con Caixanova foi impulsada de maneira determinante pola propia Xunta de Feijóo.

  Dende finais de 2009, o agora líder do PP escenificou o seu impulso á operación da man dos daquela máximos dirixentes das entidades, José Luis Méndez e Julio Fernández Gayoso. Nos últimos días daquel ano, a Xunta aprobou sen facelo público pagar 1 millón de euros á consultora KPMG para realizar un informe ao respecto que, a principios de 2010, o propio Goberno galego presentou como unha "auditoría" que "avalaba" a "viabilidade" da fusión, aínda que en realidade non era tal, como evidenciaría despois a propia empresa.

  O aval definitivo da Xunta á fusión -obrigatorio, en virtude das competencias que o Goberno galego tiña en materia de caixas de aforro- chegou o 18 de novembro de 2010. A autorización oficial para o nacemento da efémera Novacaixagalicia chegou coa aprobación en Consello da Xunta dun informe de cinco páxinas redactado pola daquela conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, cuxa sinatura fora inserida pola Xunta nove meses antes no documento no que Caixa Galicia e Caixanova anunciaban que se dispuñan a unirse.

  Ese informe non saíu á luz ata finais de 2020, despois de que o Tribunal Superior de Xustiza condenase a Xunta a entregalo ao Parlamento tras unha demanda do ex-deputado Antón Sánchez, que o viña reclamando por varias vías sen éxito dende sete anos antes. No documento, a Xunta limitábase a constatar os trámites que as caixas foran completando cara á fusión, a citar as vantaxes da operación que as propias entidades esgrimían ou a referirse ao visto e prace do Banco de España. A entidade rescatada e xa convertida en Novagalicia Banco acabou sendo adxudicada polo Estado por 1.000 millóns ao grupo venezolano Banesco, que a converteu na actual Abanca.

  As camas hospitalarias

   Non só no bloque económico existiron mencións a Galicia. Tamén cando o tirapuxa transcorreu polo eido da política sanitaria, cando Feijóo se gabou do seu currículo na materia -foi xerente do Sergas con Fraga e máximo responsable do antigo Insalud con Aznar- e Sánchez retrucou que o fixo con "pouco éxito en Galicia", afeándolle un balance de "763 camas hospitalarias menos" e unha "conxelación do número de médicos" durante 10 anos.

    Atendendo aos últimos datos dispoñibles no Ministerio de Sanidade e no Instituto Galego de Estatística, correspondentes a 2021, nese ano Galicia dispuña de 9.723 camas hospitalarias instaladas, 7.755 delas de titularidade pública. Isto supuña 711 menos , en total, a respecto do ano 2009 e 758 menos con relación ao 2008, o derradeiro ano completo do Goberno de PSdeG e BNG.

  O total de camas hospitalarias dispoñibles en Galicia son, segundo os datos oficiais, unhas 700 menos que en 2009

  Se nos cinguimos unicamente ás camas hospitalarias de titularidade pública, as instaladas en 2021 eran apenas 7 menos que en 2009, se ben a diferenza chegou a superar as 300 durante os anos de maiores recortes da crise da pasada década. Pero ao atendermos ás camas en funcionamento, o balance é diferente: sempre segundo as devanditas fontes oficiais públicas, en 2021 o noso país dispuña de 471 camas hospitalarias menos en funcionamento que no ano 2009.

  Neste aspecto, o ex-presidente Feijóo evitou rebater a acusación de Sánchez. Pola contra, optou por recomendar ao presidente do Goberno de España e candidato á reelección polo PSOE que non lese "as tarxetas" que lle prepararan os seus asesores para o encontro televisivo.

  No que atinxe ao persoal sanitario, no inicio de 2021 -último ano completo con Feijóo na presidencia- o persoal ao servizo de institucións sanitarias públicas en Galicia alcanzaba as 37.840 persoas. Eran arredor de 2.800 profesionais máis que na mesma data de 2009, pero con maior proporción de persoal temporal e tras unha década na que os incrementos só se produciron, segundo datos oficiais, tras o estourido da pandemia da COVID.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados