E-distrito

Noticias

O rural é a base do poder do PP, que aspira a medrar nas zonas urbanas que domina a esquerda dende 2015

O rural é a base do poder do PP, que aspira a medrar nas zonas urbanas que domina a esquerda dende 2015

  Hai catro anos os populares superaron a suma de PSdeG e BNG nas localidades de menos de 5.000 habitantes mentres o PSdeG gañou amplamente nas cidades.

  24 maio 2023

  Dende 1983 o PP vén sendo a forza máis votada nas eleccións municipais en Galicia. Porén, este innegable dominio está asentado sobre a vantaxe que acada nas zonas rurais e nos concellos menos poboados. Hai catro anos, por exemplo, os populares superaron por só oito mil votos ao PSdeG, ao obter o 33,71% dos apoios, fronte ao 33,17% dos socialistas. Porén, nas sete cidades a vitoria do PSdeG foi esmagadora (39,85% dos votos fronte ao 25,58% do PP), asentada sobre todo no resultado de Vigo. 

  O PP conquistou o triunfo final grazas ao 49,5% obtido nos concellos de menos de dous mil habitantes e ao 45,9% nos concellos entre dous mil e cinco mil habitantes, moi por riba do 32,5% e do 28,3% do PSdeG.

  O resultado do 2019 non foi unha excepción. Aínda que o PP empeorou notablemente os seus resultados nas cidades e grandes vilas nas dúas últimas convocatorias de eleccións locais, os populares sempre obtiveron uns rexistros moi superiores nos pequenos concellos, fronte a unha Galicia urbana que representa o núcleo de poder das forzas progresistas.

  Nas eleccións do 28M o PP aspira a gañar apoios especialmente na Galicia urbana, que lle vén dando as costas dende o ano 2011. Ao tempo, os populares buscan manter o seu dominio nos concellos de menos de cinco mil habitantes, único espazo no que superan a suma de PSdeG e BNG.

  A dinámica predominante é que o PP obteña un resultado moito mellor nestes últimos concellos de menos de dous mil habitantes, maioritariamente rurais, onde nos anos 90 chegaba a superar o 60% dos votos. Porén, mesmo neste espazo os populares veñen sufrindo unha competencia maior

  O seguinte gráfico amosa a evolución dos resultados de PP, PSdeG e BNG nas eleccións municipais celebradas en Galicia dende o ano 1995, agrupados segundo o número de habitantes dos concellos: 7 grandes cidades (que suman ao redor dun millón de residentes), 16 vilas de máis de 20 mil habitantes (cun total de 456 mil), 33 concellos entre 10 e 20 mil habitantes (465 mil), 56 localidades entre 5 mil e 10 mil habitantes (379 mil), 84 entre 2 mil e 5 mil (265 mil habitantes) e 118 concellos de menos de 2 mil habitantes, que suman 142 mil persoas.

  A dinámica predominante é que o PP obteña un resultado moito mellor nestes últimos concellos de menos de dous mil habitantes, maioritariamente rurais, onde nos anos 90 chegaba a superar o 60% dos votos. Porén, mesmo neste espazo os populares veñen sufrindo unha competencia maior, baixando do 50% no ano 2007 por primeira vez, un nivel que repetiron no ano 2019 (49,4%). O mesmo se pode dicir das localidades entre 2 e 5 mil habitantes, onde adoitaba superar o 50% dos votos, pero nas que agora se move ao redor do 45%.

  No outro extremo están as cidades, con resultados máis cambiantes. En 1995 e 1999 o PP foi a forza máis votada, con ao redor do 40% dos apoios. Porén, xa en 2003 o PSdeG obtivo a vitoria co 33,6% e aínda que en 2007 e sobre todo en 2011 os populares recuperaron a primeira posición, a cousa cambiou en 2015, onde o PP foi superado polos socialistas e tamén polo conxunto de outros, no que se inclúen as mareas pero tamén outras forzas, como Ciudadanos ou Democracia Ourensana. No 2019 o PSdeG obtivo unha clara vitoria, rozando o 40% dos votos.

  As vilas, entre 10 mil e 50 mil habitantes, son o outro espazo no que as forzas progresistas tomaron nas últimas convocatorias a dianteira. No ano 2019 o PP estivo entre o 32% e o 33% nestas localidades, moi por debaixo da suma de PSdeG e BNG nas vilas de máis de 20 mil habitantes (38%) e sobre todo nas que se sitúan entre 10 e 20 mil habitantes (48%). 

  Nos anos 90 o PP roldaba o 45% dos votos na Galicia vilega, pero dende entón perdeu moito apoio nestas zonas, de xeito que na actualidade só goberna 7 das 35 localidades máis poboadas fóra das cidades. No ano 2003 os populares xa se moveron ao redor do 40% e no 2007 a súa porcentaxe caeu ata o 35%. A pesar da recuperación experimentada no ano 2011 (44%), en 2015 de novo os populares caeron ata o 35%, nivel que mesmo empeoraron catro anos despois.

  O PSdeG obtivo no ano 2019 o seu mellor resultado histórico nas eleccións municipais en Galicia, semellante ao obtido no ano 1991. O seu éxito baseouse na vitoria acadada nas cidades, pero tamén na súa boa participación nos concellos de menor tamaño. Por exemplo, nas localidades de menos de dous mil habitantes os socialistas acadaron o 32,5% dos votos e nos de 2 a 5 mil habitantes superaron o 28%, datos que melloran o 25% que roldaban nos anos 90.

  O BNG leva en descenso dende o ano 2003, cando obtivo o 20% dos votos. Este descenso debeuse principalmente ás perdas nas cidades, onde en 2015 e 2019 roldaron o 10% dos apoios

  Pola súa banda, o BNG foi mellorando ata o ano 2003 os seus resultados nas eleccións locais. Nesa convocatoria, os nacionalistas superaron os 325.000 votos e roldaron o 20% do total. Dende entón, o Bloque empeorou os seus rexistros en todas as citas municipais ata o 13% de 2019. Este descenso debeuse principalmente ás perdas nas cidades, onde en 2015 e 2019 roldaron o 10% dos votos, fronte ao 23,7% que chegou a acadar no ano 2003.

  No resto do país, en cambio, os seus resultados veñen sendo máis estables, destacando hai catro anos a súa fortaleza nas vilas entre 10 e 20 mil habitantes (16% dos votos en 2019), pero tamén nas localidades entre 2 e 10 mil habtiantes, onde rolda o 14%. Nestes espazos os seus resultados só son lixeiramente inferiores aos que chegaron a acadar no ano 2003, o ano do seu mellor rexistro nas municipais.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados