A nova lei do litoral de Galicia coa que a Xunta está a confrontar co Goberno de España na súa aposta por manter a ocupación privada da costa vén de entrar no Parlamento para o seu debate e votación. Á espera das mudanzas que poida facer a Cámara, o texto finalmente aprobado polo Goberno galego incorporou diversas alegacións formuladas fundamentalmente por organizacións empresariais asentadas no litoral para facilitar a súa continuidade nesa zona, mentres que desbotou outras presentadas por colectivos ecoloxistas co argumento de que a nova norma xa é suficientemente garantista co medio ambiente.
O resultado dese proceso de alegacións previo ao debate do texto no Parlamento permite constatar que unha das medidas máis publicitadas da norma, a creación dunha “rede de establecementos turísticos no litoral” que aproveite vellas edificacións en desuso, basearase en instalacións de titularidade privada que serán apoiadas pola Xunta a través da Axencia de Turismo de Galicia con cargo a fondos europeos. O Goberno galego tamén corrixiu o seu texto inicial para facilitar que eses establecementos poidan asentarse en edificios aínda máis preto do mar do que prevía inicialmente.