E-distrito

Noticias

O uso de audiófonos reduce considerablemente o risco de sufrir demencia

O uso de audiófonos reduce considerablemente o risco de sufrir demencia

  A perda de audición é o principal factor evitable para desenvolver deterioración cognitiva a partir da mediana idade

  25 abril 2023

  Segundo a Comisión Internacional The Lancet sobre Prevención, Intervención e Coidados da Demencia, a perda de audición é o principal factor de risco para desenvolver demencia a partir da mediana idade, cando traspasamos a barreira dos 40 anos. Esta comisión estima que representa ata o 20,5% das causas evitables.

  Actualmente, uns 1.500 millóns de persoas experimentan unha deterioración do sentido do oído, e calcúlase que afectará a 2.500 millóns en 2050, o que dá unha idea da dimensión do problema. Por exemplo, nos Estados Unidos, case a metade dos individuos maiores de 65 anos padeceno.

  Á parte do envellecemento, debido ao dano celular acumulado ao longo da vida, os ruídos fortes —como os que se producen nas grandes cidades—, a herdanza xenética, o uso dalgúns medicamentos e doenzas como a meninxite poden desencadear a diminución auditiva.

  Nas persoas maiores, tanto a demencia como a perda de audición asócianse a maior discapacidade, illamento social, depresión e, ao cabo, mortalidade. Por eso, coñecer, determinar e caracterizar adecuadamente os factores que poden protexernos de ambos os trastornos é un desafío para a comunidade científica internacional.

  Primeiro estudo exhaustivo

  Nesta liña, científicos chineses, xaponeses, indios e doutros países acaban de publicar na revista científica The Lancet Public Health as conclusións dun estudo exhaustivo que analizou a asociación entre o uso de audífonos e o risco de desenvolver demencia. Para iso, utilizaron información de máis de 400.000 participantes rexistrada na base de datos UK Biobank.

  Os seus resultados indicaron que a utilización deses dispositivos asóciase, efectivamente, con menores probabilidades de desenvolver demencia nas persoas afectadas por unha deterioración do sentido do oído.

  De feito, e este é un dato moi significativo, o risco equipararíase ao que ten unha persoa coas capacidades auditivas intactas. Os resultados observáronse tanto para os diagnósticos de demencia por calquera causa como en casos específicos como a enfermidade de alzhéimer e a demencia vascular.

  Trátase dun estudo importante, xa que se realizou nun gran número de individuos a partir da mediana idade (homes e mulleres de entre 40 e 69 anos) e cun período de seguimento de máis de 12 anos. Ademais, os autores obtiveron a información de varias fontes, como os rexistros hospitalarios e as causas de falecemento, o que outorga maior solidez aos resultados.

  O poder dos audiófonos

  Ata a data, poucos traballos analizaran esta asociación. E os que o facían contaban cun número limitado de participantes ou períodos de seguimento moi curtos.

  Como recalcan os autores, esta nova investigación abre novas vías na prevención da demencia: ao atenuar a perda de audición, os audiófonos diminúen a carga cognitiva (fan que o noso cerebro se esforce menos en decodificar os sons, o que deixa máis recursos para outras tarefas como a atención ou a memoria) e alivian a privación sensorial. Ambos factores explican en parte o desenvolvemento das demencias.

  Se consideramos os resultados deste estudo, sumado á baixada de prezo dos audiófonos e o feito de que algúns países como Estados Unidos permitisen a súa venda libre para as persoas xordas, a implantación deste tipo de aparellos podería constituír un gran avance na loita contra demencia. Noutros lugares teñen que ser obrigatoriamente prescritos por médicos ou audiólogos.

  Esperamos que no futuro se continúen replicando estudos con gran número de participantes e períodos de seguimento longos para poder reafirmar os resultados observados nesta prometedora investigación.


*Humberto Yévenes Briones é investigador posdoutoral de Epidemioloxía e Saúde Pública na Universidade Autónoma de Madrid.

Cláusula de divulgación: Humberto Yévenes Briones non recibe salario, nin exerce labores de consultoría, nin posúe accións, nin recibe financiamento de ningunha compañía ou organización que poida obter beneficio deste artigo, e declarou carecer de vínculos relevantes máis alá do cargo académico citado.

  Derivado de GCiencia

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados