A Sociedad de Gestión de Activos Procedentes de la Reestructuración Bancaria (Sareb) é o banco malo creado polo Estado xunto á banca en 2012 para absorber o ladrillo tóxico das entidades financeiras rescatadas, entre elas Novacaixagalicia. Dende o pasado 2022 ten o Estado como accionista maioritario (50,14%) a través do Fondo de Reestruturación Ordenada Bancaria (FROB), despois de que o actual Goberno de España mudase a normativa para poder tomar o seu control.
Dende o seu nacemento, a Sareb vénse caracterizando pola opacidade sobre o parque inmobiliario que absorbeu das entidades financeiras rescatadas, que incluíu os 5.000 millóns de ladrillo tóxico de Novacaixagalicia
Este domingo, no marco da Conferencia Municipal do PSOE, Pedro Sánchez anunciou un inminente plan para "a mobilización de 50.000 vivendas da Sareb para alugueiro a prezo accesible para mocidade e familias". Tendo en conta que, segundo os últimos datos da propia entidade, o banco malo dispón de 46.542 inmobles, o plan que segundo Sánchez será aprobado no Consello de Ministros deste mesmo martes suporía orientar practicamente todo o parque inmobiliario da Sareb para este fin. Isto implica un total de 1.830 vivendas en Galicia, se todas son incluídas no plan.