E-distrito

Noticias

A Xunta recorre ante o Constitucional o Imposto ás Grandes Fortunas do Goberno de España

A Xunta recorre ante o Constitucional o Imposto ás Grandes Fortunas do Goberno de España

  Este imposto afecta á poboación con máis de 3 millóns de euros. Rueda defende a capacidade da Xunta para facer descontos a este grupo.

  24 marzo 2023

  Dende finais do pasado ano está en vigor o imposto temporal ás grandes fortunas aprobado polo Goberno de España no marco das súas medidas pola crise de prezos. O tributo atinxe a poboación que dispoña de máis de 3 millóns de euros e grava eses patrimonios ao 1,7% ata 5 millóns; ao 2,1% de 5 a 10 millóns e ao 3,5% o que exceda de 10 millóns de euros. O Estado prevé ingresar uns 1.500 millóns de euros por esta vía.

  Alén de para incrementar a recadación para o erario público pola vía das rendas máis altas, o Ministerio de Facenda deixou tamén claro que a súa intención política era converter este tributo nunha medida "complementaria" ao imposto de patrimonio, que só afecta a quen teña máis de 700.000 euros sen contar a vivenda habitual ata 300.000. Deste xeito, pretendíase que o Estado cobre o que as grandes fortunas deixan de pagar nas comunidades autónomas que, como Galicia, aplican descontos ao imposto sobre o patrimonio.

  Este é o contexto no que o Goberno galego, na liña doutros Executivos do PP, vén de aprobar interpoñer un recurso de inconstitucionalidade contra o imposto ás grandes fortunas. Despois de que, nos seus primeiros Orzamentos Xerais como presidente, Alfonso Rueda decidise duplicar a rebaixa do imposto de patrimonio que aprobara Alberto Núñez Feijóo un ano antes  (do 25% ao 50% de desconto), a Xunta litiga para preservar esta rebaixa e as que poidan vir fronte á normativa estatal.

  Na reunión do Consello celebrada este xoves, a Xunta acordou presentar o recurso porque, defende, pretende preservar a súa "autonomía financeira" en materia de tributos cedidos para poder "lexislar sobre bonificacións ao imposto de patrimonio", isto é, sobre as rebaixas a ese tributo ás rendas máis altas. O imposto estatal ás grandes fortunas, censura, "anula, desactiva e modifica" a cesión do imposto de patrimonio e "baleira de contido" a posibilidade autonómica de aplicarlle rebaixas.

  Alén da cuestión competencial, a Xunta alega tamén ante o Constitucional que o Goberno de España vulnera a "seguridade xurídica" xa que a norma do novo imposto entrou en vigor o 29 de decembro do pasado 2022, polo que "a entrada en vigor e o pagamento se producen practicamente no mesmo momento". Segundo o Goberno galego do PP, isto "priva os contribuíntes" que contan con esas grandes fortunas do "tempo mínimo neceario para prever a súa tributación".

  Rueda esgrime que a Xunta recorre na defensa da súa capacidade de aplicar descontos ao imposto de patrimonio, que neste 2023 implican unha diminución de 16 millóns de euros nos ingresos da Administración galega

  Estas e outras cuestións de tipo formal -como que o tributo sobre as grandes fortunas fose incorporado vía emendas ao proxecto polo que se crearon os novos impostos estatais ás eléctricas e á banca- son os argumentos esgrimidos pola Xunta nun contexto no que, di o presidente Rueda, "temos plenas competencias para lexislar sobre bonificacións do imposto de patrimonio" pero quedan "desactivadas" co novo tributo. Neste 2023 a Xunta prevé ingresar 54,67 millóns de euros polo imposto de patrimonio, 16 menos que en 2022 por mor da aplicación da rebaixa.

  Como amosan os datos da Axencia Tributaria, o imposto sobre o patrimonio afecta unha minoría da poboación, que no caso galego son unhas 8.000 persoas. Esta información tributaria tamén permite saber que se trata de poboación que, por exemplo, no primeiro ano afectado pola pandemia, o 2020 (información máis recente dispoñible ata o momento) disparou un 55% os seus investimentos en "bens suntuarios" como coches, barcos, xoias e peles.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados