E-distrito

Noticias

Subornos, conflito, chantaxe e medo: a "rede criminal" ligada ao sindicato maioritario na limpeza da Coruña

Subornos, conflito, chantaxe e medo: a "rede criminal" ligada ao sindicato maioritario na limpeza da Coruña

  Catro membros do STL foron detidos tras unha investigación que os acusa de crear unha "rede criminal".

  06 marzo 2023

  O pasado 22 de febreiro, a Policía detivo catro membros do Sindicato dos Traballadores da Limpeza (STL), maioritario nas concesionarias municipais de recollida do lixo e hixiene viaria da Coruña. Días despois quedaron en liberdade -coa obriga de comparecer nos xulgados cada quince días- acusados tres deles de corrupción, estafa e branqueo de capitais. Segundo as investigacións policiais, que comezaron hai un ano, a central sindical foi empregada como soporte por estas persoas para crear unha "rede criminal" que cobraba "mordidas" aos empregados. Esixían pagamentos duns 70 euros ao mes para traballar, conformando desde hai tempo a trama, segundo varios testemuños do persoal, das administracións e mesmo das compañías. Unha organización que, din, "poderiamos definir como mafiosa" e "perigosa" que intentou espallar -sen tanto éxito- os seus tentáculos a outras localidades como Ourense. 

  "Era algo que se sabía ou intuía desde hai tempo pero do que non había probas. Os que o sabían, en moitos casos, tampouco facían nada por interese ou por temor", relatan desde o anonimato fontes da corporación municipal ou vinculados ás empresas concesionarias. "O seu poder foi tal que lograron dobregar grandes compañías no seu momento e mesmo as administracións", relatan as mesmas fontes. 

  A Policía sinala as catro persoas detidas pero destaca o papel principal e fundamental na trama de Miguel Ángel Sánchez, secretario xeral do STL e fundador desta central en 2008. Inspector xefe de PreZero -empresa que agora se encarga da recollida do lixo-, acumula case 30 anos traballando no servizo de limpeza da Coruña e hai vinte anos exercía xa como voceiro do comité sendo Ferroser a concesionaria. Cunha ou con outra compañía, os conflitos -moitos deles graves- arredor do sector da limpeza foron constantes desde o xurdimento do STL, moi maioritario nos comités, tanto da UTE A Coruña Limpeza, que se encarga da hixiene viaria, como na devandita PreZero. 

  Sánchez foi acusado de estafa, branqueo e corrupción entre particulares, ao igual que a súa muller e Luís Varela, presidente por STL do comité de empresa de PreZero. Sobre a cuarta detida pesan cargos de tráfico de influencias. Nos rexistros do caso incautáronse seis vehículos de alta gama, dúas armas de fogueo, 45.000 euros en metálico ou unha placa que imitaba á da Policía. Ademais, os investigadores destacan o elevado nivel de vida dos membros dunha trama que, en só un ano, podía superar os 250.000 euros de beneficio polos ingresos irregulares. 

  "Non me sorprendeu e o estraño é que todo isto non saltase antes. Actuaban con total impunidade", conta a Praza.gal un ex-cargo público no Concello da Coruña. "Sempre houbo rumores e algún sinal de alarma de que ocorrían cousas graves e irregulares, pero non tiñamos probas", engade.A Policía aclara que as acusacións afectan as persoas e non ao propio sindicato como organización. "Valéronse do STL para montar unha rede que podiamos cualificar de mafiosa; cobraban a case todos os empregados, aos que prometían que ían vivir moi ben", relata un traballador vinculado a unha das empresas concesionarias que se encargou da limpeza na Coruña nos últimos anos. Todos piden manter o anonimato. "Hai xente aí perigosa, con moitos conflitos detrás... Non son unha broma", engade outra fonte. 

  As investigacións acusan a rede de cobrar uns 70 euros mensuais por traballar e fontes do persoal falan de miles de euros por conseguir choio a familiares

  Segundo relatan as investigacións, a trama logrou que as concesionarias delegasen nela a contratación e para facelo crearon unha empresa, Imprego, na que a presidenta e única traballadora era a parella de Miguel Ángel Sánchez. Aquel que quixese traballar no servizo de limpeza ou recollida tiña que afiliarse ao STL e ademais pagar un suborno duns 70 euros mensuais que o sindicato xustificaba -falsamente- como unha condición imposta polo Concello a través do prego de condicións da concesión. 

  Case todos os empregados eventuais accedían ao pago ata que pasaban a ser en empregados fixos e se limitaban a abonar a cota sindical. Segundo as pescudas, estes pagamentos non eran os únicos xa que a organización chegou a reclamar porcentaxes de liquidacións de contratos nun cadro de persoal que, entre as dúas empresas, rolda as 400 persoas. "Hai persoas que abonaron miles de euros por meter un familiar ou amigo ou por que lles amañasen os papeis para o retiro cando non había nada que amañar", engaden algúns traballadores. 

  "É o enchufismo e caciquismo que vemos noutros ámbitos pero organizado e sistematizado, cun evidente ánimo de lucro para a trama", explican outros testemuños do sector, que advirten de que se intentou instaurar o mesmo sistema en Ourense. Lográrono, segundo denunciou a CIG, pero o poder minoritario do STL nos comités de empresa atrancou os seus propósitos. 

  A trama chegou a Ourense

  A central nacionalista presentara en 2020 unha denuncia pola "repartición mafiosa" dos contratos e polo cobro de cartos para acceder a un posto de traballo no servizo de limpeza ourensán. Tamén a través de Imprego e coa mediación do STL. Estes cobros irregulares, segundo a CIG, remataron así que varias decenas de persoas pasaron a ter contratos fixos. Os pagamentos alí comezaron en 63,50 euros e acabaron en 70 euros (40 euros no caso de eventuais), tal e como certificaban os extractos bancarios achegados no seu día á Fiscalía, que pechou un caso que agora o sindicato pide que se reabra. 

  "A mesma trama que se persegue na Coruña é a que fixeron aquí", explica a Praza.gal o secretario comarcal da central, Anxo Pérez Carballo, que cre que o STL "non pode ser cualificado como sindicato nin moito menos limpo". A organización ten tamén representación sindical en Ponferrada ou Viveiro.

  Ademais, sempre segundo as investigacións, a trama abriu outra vía constituíndo Inusvalia, firma fundada en 2021 e dirixida pola cuarta acusada. Era un centro especial de emprego para persoas con discapacidade que traballaba para as dúas concesionarias da Coruña. Aínda que a Policía non foi quen aínda de constatar que se cobrasen esas cotas ás persoas discapacitadas que conseguían o emprego, fontes do persoal aseguran que así era. Mesmo aclaran que "esa foi a principal vía de financiamento" para esta organización. "Chegaron a pedir o 20% da nómina cada mes", contan. 

  "Sánchez ten a maioría do persoal controlado e a quen saía do rego ameazábao... Porque lles conviña ou por temor, a maioría pagaba"

  Na Coruña, segundo varios testemuños, a trama asentou e durou tempo: "Levan uns oito anos actuando así". "Sánchez ten a maioría do persoal controlado e a quen saía do rego ameazábao... Porque lles conviña ou por temor, a maioría pagaba", di con contundencia unha fonte coñecedora do conflito desde a parte dunha das multinacionais á que o Concello concedeu o servizo de limpeza. "Era unha mestura de pagamento de favores e de medo ás represalias... Outros sindicatos contaban o difícil que era presentar listas para as eleccións sindicais", engade outra fonte. E as empresas? "Moitas buscaron a paz social permitindo certas cousas... Ata que se foi das mans". 

  O poder que o STL tiña na representación laboral na Coruña faise evidente cos resultados das eleccións sindicais. Nas últimas celebradas na concesionaria de recollida de lixo en 2019 -daquela aínda Cespa-Ferrovial-, obtivo 395 dos 423 votos (o 93%) e doce dos trece delegados. Nas da UTE da limpeza viaria, en 2020, oito dos nove delegados e 181 votos fronte aos 28 da CIG, central que tamén ten un representante na actual PreZero. 

  É tal a situación, que fontes do persoal aseguran que no STL reclamouse aos seus membros axuda para sufragar os gastos da defensa no caso que investiga a trama: 150 euros por persoa. "Algúns xa deron 500 euros... Hai moitos que seguen apoiando a Miguel Ángel Sánchez". Nin desde as administracións foron quen de frear unhas prácticas sabidas. 

  "O sector da limpeza ten unha forza moi grande. Primeiro, porque conseguir un choio supón case converterse nun funcionario, con traballo asegurado pola subrogación constante e unhas condicións máis que aceptables. E segundo, porque a presión que podes exercer sobre as administracións e a clase política deixando de recoller o lixo é brutal: ningún alcalde atura a cidade chea de lixo durante días e esa é a súa forma de chantaxe e de presión", relatan ex-empregados dunha multinacional do sector con concesión na Coruña. 

  Esta mesma fonte, coñecedora dos conflitos na cidade, vai máis aló: "O modus operandi, apoiándose no sindicato, era sempre o mesmo: armar cada certo tempo un conflito, apertar as administracións e as empresas e conseguir importantes subas salariais ou un beneficio persoal. Mellor se era nas festas, no Entroido ou nalgunha data sinalada, cando o escándalo pola acumulación de lixo nas rúas era maior", explican as mesmas fontes. "Ao final, para moitos traballadores era insignificante ter que pagar a súa cota se cada pouco o seu soldo aumentaba", insiste.

  Todas as fontes sinalan o líder do STL, Miguel Ángel Sánchez, como a clave na trama, pero tamén no poder que o sindicato acadou nos continuos conflitos. "Todos os gobernos locais, de todas as cores, sufriron o mesmo e non o deron solucionado... Houbo quen mesmo quixo sacar beneficio político cando aquí a resposta debeu ser sempre unitaria contra certas prácticas", conta unha fonte municipal. 

  O último dos conflitos graves foi agora hai un ano, no Entroido pasado, cando a acumulación de lixo na cidade obrigou o Concello a declarar a emerxencia sanitaria e tirar de Tragsa para a recollida. Ao tempo, sabotaxes, máis de dúas decenas de camións queimados, colectores esnaquizados, rodas picadas... O STL desligouse destes ataques pero PreZero presentou unha denuncia contra Miguel Ángel Sánchez e outros membros do sindicato que, sorprendentemente, acabou por ser retirada.

  Foron moitas as folgas encubertas e as ameazas de paro, tamén tras denunciar o mal estado dos vehículos de recollida. "Poucas veces perdían cartos, a maioría dos paros non eran convocados e o persoal seguía cobrando", explican fontes municipais que convidan a facer un repaso dos graves conflitos nos últimos anos: "Tocoulles a todos". Como o de 2017, coa Marea Atlántica no poder, ou o de 2013, cando Carlos Negreira (PP) era o alcalde. Xa en 2009, con Javier Losada (PSdeG) na alcaldía, Cespa (Ferrovial) despediu a Miguel Ángel Sánchez, o que provocou protestas de moitos traballadores e ameazas de paro. Acabou por ser readmitido na empresa logo doutro conflito. 

  Conflitos paralelos

  "Algunha compañía concesionaria deixóullelo claro a varios responsables públicos: "Podemos intentar arranxar o problema, pero se asumides o enorme custo político e electoral", contan fontes sabedoras do debate que graves conflitos abriron entre empresas e Concello. 

  "Para Sánchez a cousa é clara: ou estás comigo ou estás contra min", relatan ex-compañeiros sobre un home cuxa última aparición pública foi este pasado Nadal ante os medios para asegurar que fora un dos afortunados co premio gordo da Lotería de Nadal, aínda que non amosou o boleto ante as cámaras.  

  Traballadores lembran outros conflitos paralelos tamén relacionados con el ou con membros do STL. En 2009, un detective acusou de ameazas ao suposto líder da trama e a outro sindicalista. Dixo que lle amosaran unha pistola cando os seguía. Hai agora un ano, dous membros do Sindicato de Traballadores da Limpeza foron condenados a nove meses de cadea e multas de 2.400 euros por asaltar a sede de UGT na Coruña en 2011. O tribunal condenounos por delitos de obstrución á xustiza e danos, así como por unha falta de malos tratos contra o que era secretario da Federación de Servizos Públicos de UGT. O pasado ano, o BNG denunciou ante o goberno local a "represión, persecución e ameazas graves dun grupo de encapuchados a traballadores das concesionarias da limpeza que non pertencían ao STL" e mesmo o despedimento dunha persoa "por non ser afecta a un determinado señor". 

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados