"2018? Non, agora!". Este foi, durante anos, o lema que presidiu as mobilizacións da Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR), colectivo historicamente oposto á permanencia de Ence nos terreos públicos á beira da ría pontevedresa. O ano 2018 era o prazo no que expiraba a concesión que a noutrora Empresa Nacional de Celulosas obtivera en 1958 como compañía estatal e esta asociación, xunto con outros movementos ambientalistas ou veciñais e organizacións políticas reclamaban a súa marcha antes de expirar o prazo. Dende 1999 a esa reclamación sumouse tamén o goberno local do Concello, presidido por Miguel Anxo Fernández Lores (BNG).
Durante anos o 2018 foi o horizonte para a saída de Ence da ría por ser o límite dos 60 anos da concesión franquista, pero comezou a esvaecer grazas á reforma da Lei de Costas do Goberno de Rajoy
O horizonte de 2018 comezou a esvaecer algo máis de media década antes. En xullo de 2012, cando levaba apenas medio ano no poder, o Goberno do PP de Mariano Rajoy lanzaba a súa "profunda" reforma da lei de costas. Entre as novidades incluía a posibilidade de que as concesións para a ocupación de terreos públicos no litoral, como a de Ence, puidesen ser prorrogadas ata 75 anos se a empresa o solicitaba. A comunidade autónoma á que atinxise só tiña que emitir un informe ambiental obrigatorio, pero non vinculante.