E-distrito

Noticias

Galiza, a última do Estado en espazos naturais protexidos

Galiza, a última do Estado en espazos naturais protexidos

  Galiza é a zona do Estado español con menos territorio incorporado á Rede Natura 2002. 

  Actualmente só conta con 320.000 hectáreas, que representan 11,9% da súa  superficie, sometidas a este tipo de protección. Moitas destas áreas de alto valor ambiental están afectadas por proxectos non permitidos nestes espazos.

  06 febreiro 2023

  A Rede Natura 2000 é unha malla coherente de espazos naturais protexidos creada coa finalidade de conservar ou restaurar un estado de conservación favorábel á fauna, á flora e aos seus hábitats. Mediante esta ferramenta de conservación común a todos os Estados da Unión Europea preténdese conservar o patrimonio natural da UE e garantir a sustentabilidade, atendendo ás necesidades económicas, sociais e culturais.

  A Galiza atópase á cola do Estado en superficie incorporada a Rede Natura 2000. Segundo os datos achegados polo Ministerio de Transición Ecolóxica (MITECO), só 11,9% do territorio galego se atopa baixo esta figura de protección ambiental.

  Neste sentido, a diferenza coa media do Estado español é de 15,4 puntos, sendo as Illas Canarias con 46,4%, Madrid con 39,8% e o País Valencia con 37,4% as comunidades do conxunto estatal con máis espazos integrados na Rede Natura 2000.

  A Comisión Europea leva practicamente dúas décadas premendo o Executivo galego para que aumente o ámbito da Rede Natura. Así, á volta de 2008, o Goberno do PSdeG e do BNG na Xunta presentou unha proposta de ampliación de espazos protexidos, derrogada polo Goberno de Alberto Núñez Feixoo un ano máis tarde tras gañar o PP as eleccións.

  Á altura de 2012, atendendo a novos requirimentos das autoridades comunitarias, o Executivo de Feixoo someteu a exposición pública unha nova delimitación da Rede Natura, que incorporou novas áreas de valor ambiental conforme aos criterios marcados pola lexislación europea.

  O Goberno do Estado tense feito eco destas críticas. Así, por exemplo, o Marco de Acción Prioritaria (MAP) para Natura 2000 na Galiza, elaborado polo Executivo do Estado, sinala que “a actual lista de lugares de importancia comunitaria (LIC) na Galiza foi considerada como insuficiente por parte da Comisión Europea, polo que é preciso completar a aplicación na Galiza da Directiva 92/43/CEE”. Precisamente, esta disposición comunitaria é a que regula a Rede Natura 2000. A Xunta renunciou, finalmente, vai xa para 10 anos, a ampliar as áreas da Rede Natura.

  O movemento ecoloxista vinculou esa decisión a que a proposta contraviña os intereses das compañías eléctricas e mineiras. Neste sentido, as decisións adoptadas polo Goberno galego en todo este período semellan confirmar as preocupacións das entidades ambientalistas e, tamén, das forzas da oposición parlamentaria.

  Eólicos e minas

  As cifras así o amosan: segundo os datos recollidos nun informe do Consello da Cultura da Galiza sobre o sector eólico presentado a finais de 2021, 54 parques eólicos e 1.254 megawatts aséntanse na Galiza nos espazos da Rede Natura. Na mesma liña, proxectos mineiros como o promovido pola empresa madrileña Uras en Muras sitúanse na área de expansión proposta pola Xunta da Galiza en 2012

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados