E-distrito

Noticias

O 78% das vivendas ocupadas son propiedade de bancos e o resto, sobre todo, inmobles baleiros herdados

O 78% das vivendas ocupadas son propiedade de bancos e o resto, sobre todo, inmobles baleiros herdados

  FEGEIN calcula que no 2022 houbo 660 ocupacións ilegais en Galicia; A Coruña é a cidade na que se producen máis situacións deste tipo, seguida de Vigo e Lugo

  30 xaneiro 2023

  Dende hai uns anos vense falando nos medios de comunicación da "problemática" das ocupacións ilegais de vivenda nas cidades e vilas galegas e do resto do Estado. Os datos oficiais que existen sobre esta materia adoitan minimizar a dimensión desta realidade e, por exemplo, as estatísticas oficiais do Consello Xeral do Poder Xudicial revelan que en Galicia se denuncian entre 20 e 30 ocupacións de vivenda por trimestre, fronte aos máis de 300 desafiuzamentos trimestrais.

  Tampouco o Goberno galego é quen de achegar argumentos que xustifiquen o protagonismo que este tema adquire nos seus discursos e nos medios de comunicación e, por exemplo, o teléfono de asesoramento "antiocupacións" que puxo en marcha a Xunta recibiu apenas 30 consultas no seu primeiro ano de existencia.

  Agora, a Federación Galega de Empresas Inmobiliarias (FEGEIN) vén de publicar un informe sobre as ocupacións ilegais de vivenda en Galicia, que realiza unha estimación do número total de inmobles usurpados no país no ano 2022, que calcula en 660. Como avanzara Faro de Vigo, FEGEIN sinala que A Coruña é a cidade na que se producen máis situacións deste tipo, seguida de Vigo e Lugo.

  Con todo, a entidade explica que a gran maioría destas ocupacións (un 78%) se producen en inmobles baleiros propiedade de bancos, fondos de investimento e da propia SAREB (o coñecido como banco malo, creado para xestionar as vivendas que posuían as entidades financeiras que foron nacionalizadas hai uns anos debido á súa quebra no contexto da burbulla inmobiliaria). O restante 22%, sinala FEGEIN, está constituído por "propiedades baleiras de administracións públicas" e por inmobles de particulares, tamén baleiros, que na súa maioría están "desocupados ao proceder de herdanzas".

  FEGEIN, con todo, alerta dos efectos prexudiciais que estas ocupacións teñen pois producen unha "perda de valor da vivenda que pode chegar ao 50% do total". A asociación comenta que "unha boa parte das ocupacións prodúcense unicamente para a presunta obtención dun lucro económico ilegal presionando aos lexítimos propietarios para tal fin". Ademais, sinala que "moitas das ocupacións xa nin sequera se denuncian ante a inseguridade xurídica e a tardanza xudicial para solucionar o problema"

  A inmensa maioría das "ocupacións" refírense a un delito de usurpación (cando se leva a cabo unha ocupación dunha vivenda baleira). Moito menos frecuentes son as violacións de domicilio, que teñen lugar cando se ocupa unha vivenda que constitúe a morada habitual ou a segunda residencia dun particular

  Cómpre lembrar, así mesmo, que a inmensa maioría do que publicamente se dan en chamar "ocupacións" (palabra que moitas veces aparece escrita con polo motivo que sexa) se refiren a un delito de usurpación (que ten lugar cando se leva a cabo unha ocupación pacífica dunha vivenda baleira propiedade dun banco, dun fondo voitre ou dunha persoa particular). 

  Estas usurpacións son moito máis frecuentes que outro tipo de ocupacións, as que constitúen un delito de violación de domicilio, que ten lugar cando se ocupa unha vivenda que constitúe a morada habitual ou a segunda residencia dunha persoa. Estas violacións de domicilio -moi pouco frecuentes- están máis penadas pola lei e que, ademais, adoitan ter unha resolución moito máis rápida, en apenas unhas horas.

  Derivado de Praza

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados