E-distrito

Noticias

194 concellos galegos carecen de pediatra: máis de 7.600 crianzas non teñen médico de referencia asignado

194 concellos galegos carecen de pediatra: máis de 7.600 crianzas non teñen médico de referencia asignado

  A asistencia pediátrica en Galicia non deixa de deteriorarse. Só nas dúas últimas décadas perdéronse 87 profesionais

  24 xaneiro 2023

  Un total de 194 concellos galegos non contan con pediatras. Segundo os datos achegados polo Instituto Galego de Estatística (IGE) para 2021, último ano con cifras, o 61,9% dos municipios de Galicia non dispoñen de pediatría, prestando este servizo noutros 43 municipios persoal médico sen titulación nin formación axeitada. Ademais, unha porcentaxe significativa das prazas dotadas polo Goberno galego permanecen vacantes durante unha parte do ano.

  A situación empeora

  Os servizos de Pediatría na Atención Primaria teñen empeorado de maneira moi importante ao longo do século XXI. Se á volta de 2004 Galiza contaba con 405 pediatras, en 2021 a súa cifra situábase en 318, perdéndose nese período 87 especialistas, o que significa unha redución da porcentaxe de profesionais de 22,1%. 

  Ao tempo, incrementouse de maneira considerábel o índice de idade dos cadros de persoal dos centros de saúde, xerándose un importante envellecemento dos mesmos.

  Os peores datos rexístranse nas área sanitarias de Lugo e Ourense. Así, por exemplo, na primeira delas só contan con pediatría 18 concellos, véndose obrigada a desprazarse para recibir atención pediátrica a veciñanza de 49 municipios.

  Existen casos como o da comarca de Meira que non dispoñen de ningún profesional na materia. Na mesma liña, os Ancares só conta cun especialista en Becerreá para atender seis concellos, presentando unhas cifras análogas Lemos.

  O caso de Ourense

  A situación non é mellor na área sanitaria de Ourense. Así, carecen de servizo de pediatría 81 concellos e as comarcas da Baixa Limia, Caldelas, Trives e Viana. Así, por exemplo, os menores de 14 de anos de Viana do Bolo están obrigados a percorrer 51 quilómetros para acudir ao pediatra en Verín ou a transitar 46 quilómetros para recibir asistencia no Barco de Valdeorras. Ademais, confírmase a tendencia á centralización dos servizos, pois prestan atención pediátrica na cidade de Ourense o 52,9% dos profesionais da área.

  As áreas sanitarias da Galicia atlántica rexistran, tamén, unha situación complicada. Así, a comarca de Fisterra, na área sanitaria da Coruña-Cee, carece de prazas de pediatra. As comarcas de Arzúa e Melide, na área sanitaria de Compostela, contan con tres especialistas para oito concellos. Ortegal, na área sanitaria de Ferrol, dispón dun profesional para cinco concellos. A situación repítese cunhas cifras semellantes para as áreas sanitarias de Pontevedra-O Salnés e Vigo.

  As prazas vacantes

  Unha parte destes 194 concellos con prazas de pediatría carecen do servizo durante diversos períodos do ano. As vacantes provocadas polas baixas dos especialistas ou pola xubilación dos profesionais deixan sen asistencia os municipios, ao non cubrilas, na práctica totalidade dos casos, a Consellaría de Sanidade. Así, por exemplo, a Xunta declara catro prazas para a Mariña Central pero só dúas delas están cubertas, acontecendo casos semellantes en todo o país.

  As prazas de pediatría están cubertas en 14% dos concellos galegos por médicos de familia sen a titulación e a formación axeitada. A este respecto, os datos recollidos pola Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria (AEPap) sinalan que o número de prazas cubertas por médicos de familia téñense incrementado en catros puntos entre 2018 e 2022, situándose esta cifras na área sanitaria de Lugo en 22% e na da Coruña-Cee en 14%. 

  Na mesma dirección, a entidade apunta que “en Galicia hai 7.674 nenos e nenas que non teñen asignado pediatra ou médico de referencia”. 

  Envellecemento

  Segundo os datos do cadro de persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) para 2022, 80 pediatras en activo superan os 63 anos. Tres deles contan con 70 anos de idade, 45 sitúanse entre 65 e 69 anos e 31 entre 63 e 64 anos. Así as cousas, 25,1% dos facultativos especializados en Pediatría rexistran unha idade superior a 63 anos, non sendo suficiente a oferta de MIR para cubrir as baixas producidas cada ano nos cadros de persoal polas xubilacións.

  As cifras do Sergas confirman a tendencia de traballos anteriores. Neste sentido, a Asociación Española de Pediatría de Atención Primaria sinalou en 2020 que perto de 85% dos pediatras galegos en activo tiñan máis de 50 anos, 40% deles máis de 55 anos e 33% superaban os 60 anos.

  Na mesma liña, a Administración galega recoñeceu a prórroga da xubilación a ducias de profesionais pola ausencia de persoal para cubrir as súas prazas.

  Un problema de carácter estrutural

  As causas da falta de pediatras son de carácter estrutural. A especialista do hospital da Barbanza Marián Rodríguez Blanco culpa do acontecido á "falla de planificación" e lembra que as necesidades de atención son hoxe máis elevadas  porque antes só se cubrían pacientes até sete anos.

  Derivado de Nós Diario

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados