E-distrito

Noticias

Estes foron os dez fitos da ciencia galega en 2022

Estes foron os dez fitos da ciencia galega en 2022

  Repasamos un ano de investigacións e achados vertebrados polas tres universidades públicas galegas e os seus centros de investigación

  27 decembro 2022

  Un ano dá para moito. Especialmente, se se fala dos avances na ciencia galega. Coa pandemia de coronavirus botándose cada vez máis a un lado, o 2022 foi un ano significativo para case todas as disciplinas que abordan os centros de investigación de Galicia, vertebrados polas tres universidades públicas de Vigo, A Coruña e Santiago de Compostela. Saúde, bioloxía, física, química, intelixencia artificial, enxeñaría, oceanografía, arqueoloxía, astronomía, matemática… A lista de artigos académicos, teses, achados e proxectos con sotaque galego durante este ano é tan longa que resulta complexo escoller só dez. Mais velaquí vai unha aproximación:

  Tetraneutrón: novo estado exótico da materia

  Unha das procuras continuas dende hai seis décadas en física nuclear foi saber se existen sistemas case-ligados formados unicamente por neutróns. Para manter un núcleo ligado, a materia visible necesita de protóns e neutróns. Agás as estrelas de neutróns, que están compostas exclusivamente por neutróns, nunca fora posible identificar sistemas ligados multineutrónicos. Malia a complexidade, un traballo publicado en Nature este ano, no que participaron as investigadores do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) Dolores Cortina Gil e Beatriz Fernández Domínguez anunciou a primeira observación dun estado da materia exótica formado por só catro neutróns: o tetraneutrón.

  Este descubrimento é clave para entender como funciona a forza nuclear que permite aos nucleóns (os protóns e neutróns) manterse unidos no interior do núcleo atómico. Tamén é fundamental para entender a estrutura e composición das estrelas de neutróns. Nestes corpos os neutróns están ligados pola extrema forza gravitatoria do seu interior: concentran unha masa un pouco maior á do Sol nun radio de apenas 10 quilómetros. Son ultra compactos e densos.

  Predicir o cancro de mama cunha análise de sangue

  O estudo dos glóbulos vermellos de pacientes con cancro de mama pode predicir o avance da enfermidade. Ese é un dos grandes achados do ano que defende a investigadora do IDIS Clotide Costa nun estudo publicado na revista Molecular and Cellular proteomicsNeste traballo descríbese por primeira vez que os glóbulos vermellos de pacientes con cancro de mama son diferentes aos de persoas sen a enfermidade.

  O equipo da Dra. Costa, no laboratorio da unidade Mixta Roche-CHUS, identificou unha proteína cuxos niveis son máis elevados nos pacientes con cancro de mama avanzado ou metastásico. Isto pode sentar as bases para saber se a enfermidade está a avanzar, estudando os glóbulos vermellos que se obteñen nunha análise de sangue convencional. Recentemente coñeceuse que os glóbulos vermellos, aos que tradicionalmente se relacionou unicamente como transportadores de osíxeno, teñen outras funcións adicionais como células reguladoras na circulación. Con este estudo os investigadores demostran que poderían ser ademais marcadores útiles en oncoloxía.

  As bacterias bucais poden promover o cancro de colon

  A saúde bucodental está directamente relacionada co desenvolvemento dos tumores colorrectais. Esa é a hipótese que un grupo de investigadores e investigadoras do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), da Universidade da Coruña e do seu complexo hospitalario veñen demostrando estudo tras estudo. Este ano, mandaron a revisión o seu último traballo de investigación á prestixiosa revista Microbiome e no que demostran que unha bacteria que produce infeccións orais como a periodontite é quen de viaxar aos tumores de colon, colaborando en facer un microambiente adecuado para o desenvolvemento das células canceríxenas.

  Esta bacteria que veñen de analizar chámase Parvimonas micra e, na boca, atópase en rexións subxinxivais anaerobias (sen exposición ao osíxeno) e tamén nos tumores do intestino. Grazas ao apoio que lles brinda o Ministerio de Sanidade a través do Instituto de Saúde Carlos III e a Asociación Española Contra o Cancro, este equipo ten acceso a mostras de máis de 140 pacientes que padecen cancros de colon. Téñenas de gánglios, metástases, tumores e, por suposto, saliva.

  Ermeloíta, un mineral inédito no mundo descuberto por galegos

  Ermeloíta. Ese é o nome que recibe un novo mineral descuberto por investigadores da Universidade de Santiago de Compostela (USC). O equipo recolleu mostras no Monte Ermelo, en Moaña, e agora revélanse os primeiros resultados. Segundo as primeiras análises de difracción de raios X de policristal e monocristal, este mineral non se atopaba rexistrado en ningunha base de datos internacional. Trátase, así, dun achado a nivel mundial.

  Trátase do cuarto mineral descuberto en Galicia e xa é considerado unha nova especie. Tras o achado e baixo a sospeita de que se tratase dun novo mineral, o equipo completou as análises con técnicas calorimétricas, espectrometría de fluorescencia de raios X, espectroscopía Raman, ou análise Rietveld, entre outras; alén de realizar unha análise complementaria de elementos químicos (EPMA) en colaboración cos investigadores José González del Tánago e Ramón Jiménez Martínez da Universidade Complutense de Madrid e do Centro Nacional Instituto Geológico y Minero de España -CSIC, respectivamente.

  Destapada a industria de creación de artigos científicos falsos

  Un equipo coordinado pola USC, xunto con investigadores das universidades de Brown e Yale, publicou no British Medical Journal —considerada como unha das publicacións máis relevantes no eido da medicina— un estudo sobre como foron evolucionando, entre os anos 2004 e 2022, as razóns polas que se retiran artigos científicos logo da súa publicación. En concreto, o estudo céntrase naqueles artigos que son retirados tras ser publicados nas revistas científicas ao conter estudos que non son reais e con autores que tampouco teñen participado na súa realización. O traballo logrou identificar un total de 1.182 artigos retirados por este motivo, dos cales, 1.143 (o 96,8 %) proceden de institucións chinesas. Ademais, un total de 909 (o 76,9 %) mencionaban unha institución hospitalaria como filiación principal. As fábricas de artigos adoitan corresponderse con empresas que producen manuscritos científicos falsos por encargo, debido á intensa presión para publicar, combinada con longas horas de traballo, que sofre o persoal investigador.

  O traballo forma parte da tese de doutoramento da primeira asinante, Cristina Candal Pedreira, quen firma o traballo xunto con Joseph S Ross, Alberto Ruano Raviña, David S Egilman, Esteve Fernández e Mónica Pérez Ríos. O artigo titulado "Retracted papers originating from paper mills: cross sectional study" constata como en 2021, máis do 20% dos artigos retirados tras ser publicados atribuíronse a este tipo de mala praxe. Ademais, só 15 revistas científicas concentran a meirande parte destes artigos tramposos. A área de coñecemento coa meirande parte destas retiradas de artigos é a de Farmacoloxía e Farmacia cun 22%.

  Establecen un novo enfoque no tratamento de tumores

  Investigadores do grupo de Investigacións Oncolóxicas do Centro de Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago de Compostela (USC) caracterizaron as accións biolóxicas dunha nova molécula sintetizada polo grupo Nanomag do iMATUS da USC. O traballo, que conta con financiamento da Fundación “La Caixa”, foi publicado na revista científica Advanced Functional Materials e continúa a liña aberta orientada ao uso médico de moléculas de moi poucos átomos, que deu lugar a un grupo de novas moléculas con potencial farmacolóxico.

  “Neste caso, estudamos unha molécula de cinco átomos de prata, denominada Ag5, que causa a morte da célula dependendo do estado do metabolismo enerxético celular”, segundo explicaba a GCiencia unha das investigadoras, Vanesa Porto. A científica apuntaba, ademais, que para entender isto hai que explicar “a importancia da homeostasis redox. Isto é que, nas células normais do organismo, existe un equilibrio entre os oxidantes e antioxidantes celulares que é fundamental para manter as funcións e supervivencia, alteracións neste balance darían lugar á morte celular por apoptose”.

  Un supercomputador para predicir o tempo e analizar o xenoma

  O Finisterrae III é o novo supercomputador do Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga), que servirá para realizar predicións do tempo meteorolóxico, avaliacións xenómicas e para analizar e controlar a evolución epidemiolóxica do SARS-CoV-2. O novo supercomputador foi inaugurado este ano na sede do Cesga. O seu principal obxectivo é prestar servizos á comunidade científica e de innovación en Galicia e a outros grupos de investigación de España.

  Máis polo miúdo, Finisterrae III permite resolver 4.360 billóns de operacións matemáticas por segundo, o que supón multiplicar por unha ducia a capacidade de cómputo do anterior supercomputador Finisterrae II. Isto será, por tanto, clave para acurtar de modo significativo os tempos na obtención de resultados, abordar problemas máis complexos que hoxe se presentan en I+D+i e que fan uso de inxentes volumes de datos. Ademais, o supercomputador incorpora un simulador de computación cuántica de 30 qbits que é o primeiro da súa clase en España.

  Elena Vázquez Cendón, premio María Wonenburger

  A doutora de Ciencias Matemáticas e decana da Facultade de Matemáticas na Universidade de Santiago de Compostela, María Elena Vázquez Cendón, recibiu o premio María Josefa Wonenburguer deste 2022. O galardón, outorgado anualmente desde o ano 2007, foi creado polo Goberno autonómico para distinguir ás mulleres galegas con traxectorias nos ámbitos científicos e tecnolóxicos, “dando valor á súa carreira e converténdoas en referentes para as próximas xeracións”. Aquí podes ler unha entrevista tras o galardón.

  A Coruña, sede da Axencia Española de Intelixencia Artificial

  A decisión do Goberno de España sobre a localización da Aesia ten unha marcada compoñente territorial, tendo en conta o papel sumamente beneficioso que esta Axencia desempeñará na Coruña. No caso de Galicia, o reto demográfico é un dos eixos prioritarios do Plan Estratéxico 2022-2030 -recentemente aprobado- no que se prevé crear as condicións para eliminar tecnicamente o paro na rexión. A elección da Coruña como sede da Axencia Estatal de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA) foi posible grazas á implicación de toda a sociedade, as universidades, as administracións e os sectores de actividade, así como o traballo coordinado do Nodo GalicIA

  Para a valoración dos criterios xerais tivéronse en conta indicadores de cohesión social e territorial, como a poboación total ou a renda bruta media; indicadores de paro como taxas de paro e actividade, respectivamente; e indicadores de despoboamento como a densidade de poboación ou o índice de envellecemento, entre outros.

  Un satélite para viaxar ao espazo en 2024

  O nanosatélite BIXO (Bacteriological Intercommunication Experiment in Orbit), que están a desenvolver preto de 40 estudantes da Universidade de Vigo, será enviado ao espazo no ano 2024 nun lanzamento operado pola Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de Lanzamento. A confirmación producíase este setembro en París durante o International Astronautical Congress (IAC) 2022. Ao abeiro do evento facíase pública a resolución dun concurso organizado pola Federación Internacional de Astronáutica (IAF) en colaboración con outros centros de investigación, que tiña por obxectivo o lanzamento gratuíto dun cubesat. Finalmente, os expertos recoñeceron como mellor deseño de misión para a súa posta en órbita a BIXO, de UVigo SpaceLab.

  Os estudantes Manuel Diz, Guillermo Calvo e Martín Blanco, xunto ao docente e investigador Fernando Aguado foron os encargados de recoller e agradecer un premio que, ademais, outorga 3.000 euros aos gañadores. Durante o discurso de agradecemento, Diz recordou que BIXO será o portador da segunda misión biolóxica europea. Logo de sete misións biolóxicas en pequenos satélites, seis da NASA e unha da ESA, todas en satélites de maior tamaño, a misión da UVigo será de 2UDs (10x 10 x 20 cm). “Supón un gran reto, xa que ata agora non houbo ningún desenvolvemento completo dun pequeno laboratorio espacial nun satélite tan pequeno, por iso dicimos que é a misión máis compacta lanzada desde Europa e, que saibamos, a máis pequena do mundo”, explicaba Diz. 

  Un dispositivo predí crises epilépticas con antelación

  Uns 50 millóns de persoas no mundo, segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), e unhas 350.000 en España, teñen epilepsia, un trastorno do cerebro causado por un funcionamento anormal esporádico dun grupo de neuronas. Só en España, cada ano diagnostícanse máis de 20.000 novos casos, o que converte á epilepsia no segundo motivo de consulta ambulatoria neurolóxica despois das cefaleas. Existen moitas causas que poden provocala (lesións ou desenvolvemento cerebral anormal, enfermidades…) e a día de hoxe non existe ningunha forma de previr as crises, que no 70-80% dos pacientes trátanse con fármacos antiepilépticos.

  Aínda que a maioría das crises epilépticas non ocasionan accidentes graves ás persoas que as padecen, a posibilidade de detectalas antes de que se produzan contribuiría de xeito significativo a mellorar a súa calidade de vida. “A nosa proposta busca desenvolver un dispositivo que permita predicir crises epilépticas con varios minutos de antelación, para iso, o dispositivo rexistrará sinais de electroencefalograma (EEG) para analizalas con intelixencia artificial (IA) e buscará patróns que permitan a predición dunha crise”, explicaba a GCiencia Carlos Riveiro Cedeira, investigador do grupo CIMA da Universidade de Vigo (UVigo), que está a desenvolver o dispositivo ao abeiro do proxecto PredictEPI, financiado pola multinacional Indra e a Fundación Universia.

  Derivado de GCiencia

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados