E-distrito

Noticias

A superficie ocupada polo eucalipto na Galiza representa 31,7% de toda Europa

A superficie ocupada polo eucalipto na Galiza representa 31,7% de toda Europa

  A ocupación polo eucalipto na Galiza achégase ás 500.000 hectáreas. Calcúlase que a especie atinxe xa o 30% da superficie forestal galega.

  19 decembro 2022

  As plantacións de eucalipto non deixaron de medrar nos últimos 50 anos. Mentres en 1973 representaban tan só 131.000 hectáreas, en 2012 xa se aproximaban a 500.000 hectáreas, superando a superficie ocupada polo bosque autóctono, que naquela altura o Inventario Forestal de Especies Produtivas, do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, cifraba en 400.000 hectáreas.

  O conxunto do movemento ecoloxista e especialistas nesta materia sinalan que os datos oficiais están superados polo paso do tempo. A este respecto, o catedrático de Bioloxía Ramón Varela avanza que "se atendemos ao plantado desde o último Inventario Forestal", que data de 2012, "podemos estar falando de 600.000 hectáreas de eucaliptos na actualidade na Galiza".

  O eucalipto ocupa máis de 30% da superficie forestal galega. Neste sentido, o terreo plantado con esta especie equivale a 498.279 campos de fútbol, supera en máis de 100.000 hectáreas o que sería a provincia de Pontevedra e é 195.000 hectáreas inferior á de Ourense. A expansión desta árbore é moito máis elevada na Galiza que no ámbito estatal, onde suma 13,8% da masa forestal.

  Unha parte importante das plantacións de eucaliptos realizadas neste período foron ilegais. Neste sentido, o Plan forestal galego do ano 1992 permitía un máximo de 245.000 hectáreas de eucalipto para 2032, cifra claramente superada á vista do certificado polos rexistros públicos. 

  Plantacións ilegais

  A Xunta da Galiza é coñecedora desta realidade. Segundo se recolle no último Anuario de Estatística Forestal da Galiza, elaborado en 2020 pola Consellaría de Medio Rural, entre 2016 e 2019, a Administración galega abriu 506 expedientes sancionadores por plantacións ilegais desta especie. 
Ao tempo, instruíu 1.229 procedementos “por cambio de actividade agrícola a forestal ilegal”, na súa práctica totalidade no norte da Galiza, zona onde é maior a presión do eucalipto.

  A excepción ibérica

  As plantacións de eucaliptos suman en toda Europa arredor de 1.500.000 hectáreas. Segundo os datos do colectivo ecoloxista Greenpeace, 1.406.000 hectáreas concéntranse na Península Ibérica, situándose 760.000 hectáreas no Estado español e 646.000 en Portugal. Ao tempo, Italia ten ocupado por esta especia arredor de 70.000 hectáreas e Francia perto de 10.000. Ningún outro Estado europeo conta con plantacións desta especie, representando a Galiza o 31,7% do total do continente.

  As plantacións de eucaliptos na Galiza superan en extensión a doutros Estados considerados como grandes produtores desta especie. Neste sentido, Greenpeace afirma que a superficie ocupada por esta especie en Chile é de 232.000 hectáreas, en Uruguai de 217.000 hectáreas, en Nova Zelandia de 150.000 hectáreas, en Sudáfrica de 100.000 hectáreas, en Etiopía de 100.000 hectáreas, en Italia de 70.000 hectáreas e na China de 48.000.

  O catedrático de Botánica da Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago de Compostela (USC) Santiago Ortiz pon de manifesto en declaracións a Nós Diario que “a alta densidade de eucaliptos existente na Península Ibérica é toda unha anomalía no espazo europeo, xa que esta especie é absolutamente residual no continente”.

  Ortiz subliña que “a concentración de eucaliptos nesta área xeográfica non se poden explicar por razóns climáticas”. A este respecto, apunta que “hai zonas en Europa cun clima practicamente idéntico ao galego, como o sueste de Francia, onde esta especie non está presente”. Ademais, lembra que “unha parte importantísima de Inglaterra tamén pode producir este tipo de madeira e non apostan por ela”.

  Impacto no mesoclima

  O catedrático de Botánica da USC non agocha a súa preocupación polo impacto ambiental dos eucaliptos. Nesa dirección, sinala que “non e descartábel a influencia no mesoclima, que é o clima que domina nunha zona ou rexión. O deserto verde que xera esta especie dificulta que as frontes chegadas a Galiza non descarguen auga como antes”. 

  Derivado de Nós Diario

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados