E-distrito

Noticias

O alugueiro segue á alza na Galiza sen visos de contención

O alugueiro segue á alza na Galiza sen visos de contención

  A Coruña é a cidade galega máis cara para alugar unha vivenda, cun prezo medio de 9,25 euros o metro cadrado.

  12 decembro 2022

  O prezo medio do alugueiro na Galiza situouse nos 5,59 euros por metro cadrado en novembro, o que supón 1,64% máis que no mesmo mes de 2021, segundo o informe mensual de pisos.com, difundido esta segunda feira. Esta cifra supón unha caída de 0,53% se se compara con outubro e, deste modo, sitúa o país como o quinto territorio do Estado español máis barato para as persoas inquilinas, por detrás de Castela e León (4,70 euros/m2), Estremadura (5,22 euros), Castela-A Mancha (5,27 euros) e A Rioxa (5,58 euros).

  Por provincias, Ourense foi a undécima a nivel estatal que máis subiu, con 2,43% máis que un mes antes, mentres que A Coruña rexistrou a cuarta baixada máis intensa do país, con -2,86%. De forma interanual, Pontevedra (+10%) contabilizou a duodécima suba máis salientábel do Estado, e situouse como o territorio máis caro da Galiza, con 7,69 euros o metro cadrado, mentres que A Coruña (-3,6%) foi o duodécimo que máis caeu no mercado estatal.

  Por cidades, Ourense situouse como a cuarta capital de provincia do Estado español co prezo máis económico de media, con 6,29 euros por metro cadrado. Pola súa parte, A Coruña presentou a renda de alugueiro máis elevada do país, con 9,25 euros o metro, o que representa 2,5% máis que en outubro.

  No conxunto do Estado, o prezo medio do alugueiro en novembro foi de 10,38 euros o metro cadrado, isto é, 1,27% máis que en outubro e 4,74% máis que hai un ano. "As subas son xeneralizadas e vai ser complicado que esta evolución cambie de signo porque este mercado está sometido a unha gran presión", indicou o director de Estudos de pisos.com, Ferrán Font.

  Neste senso, o experto sinalou que o principal problema é a falta de oferta, xa que "propietarios que levaban tempo alugando retiran os seus inmóbeis do circuíto porque non están dispostos a someterse a un tope nas rendas, dado que eles tamén sofren a inflación".

  Aliás, engadiu que "aqueles que acaban de chegar marcan mensualidades altas que expulsan do mercado moitos inquilinos, pero estes inmóbeis non teñen problema para alugarse rapidamente a pesar do seu prezo". Polo lado da demanda, tampouco é previsíbel que os prezos camiñen cara á contención porque "agora os tipos de interese das hipotecas non favorecen a compra, así que moitos alongarán a súa etapa dentro do arrendamento", segundo este experto.

  As vivendas dispoñíbeis, dixo, son incapaces de responder á cada vez máis avultada demanda, sobre todo, nas grandes cidades, por mor do endurecemento dos requisitos previos para poder alugar. "A ocupación e o vandalismo son temores que levan os arrendadores a impor filtros importantes á hora de seleccionar os arrendatarios, tales como depósitos, avais, seguros ou varios meses de fianza por adiantado", asegurou Font.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados