E-distrito

Noticias

Parabéns de Rueda, Pontón e Formoso á Coruña por lograr a sede da AESIA para Galicia

Parabéns de Rueda, Pontón e Formoso á Coruña por lograr a sede da AESIA para Galicia

  Formoso defende que o Executivo de Pedro Sánchez "recoñece a traxectoria da cidade e a súa visión de futuro" na "aposta clara pola tecnoloxía".

  05 decembro 2022

  A designación da Coruña como sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (AESIA), aprobada polo Consello de Ministros este 5 de decembro, suscitou parabéns unánimes entre as principais forzas políticas. En contraste coa tensión que acompañou a elección da candidatura galega e as fortes críticas posteriores tras ficar Ourense e Santiago fóra da carreira, as felicitacións foron desta volta a tónica dominante.

  Segundo o presidente da Xunta e agora líder do PPdeG, a elección do Goberno de España é a mostra de que "cando as administracións colaboramos", "é posible ter éxito" para librar "un obxectivo que beneficia a toda Galicia". A candidatura, reafirma Alfonso Rueda, era "potente" e agora convértese nunha realidade con "moitísimo futuro". Os parabéns, di o xefe do Goberno galego, son "para a cidade da Coruña", pero tamén para "toda Galicia" e para o sector tecnolóxico.

  Tamén a portavoz nacional do BNG e líder da primeira forza da oposición, Ana Pontón, coida que a elección beneficia "a todo o país". A designación da Coruña é "xusta e acertadísima", defende Pontón, ademais dun empurrón "definitivo para consolidar" a urbe coruña como "gran cidade das tecnoloxías da información e da comunicación" e tamén "un paso decisivo para que Galiza desenvolva unha estratexia de país en I+D+i". Agora, conclúe Pontón, é o momento de traballar "para que a sede teña un efecto expansivo" cara ao resto do territorio.

  A Xunta e as principais forzas políticas coinciden en sinalar que a elección da Coruña para albergar a Axencia Española de Intelixencia Artificial beneficia o conxunto de Galicia

  Pola banda do PSdeG o seu secretario xeral e tamén presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, cre que a consecución da AESIA é unha "magnífica noticia, primeiro para a cidade da Coruña", o goberno local e a veciñanza, pero tamén a interpreta como "unha aposta clara do Goberno de España por Galicia". O Executivo de Pedro Sánchez, defende Formoso, "recoñece a traxectoria da cidade e a súa visión de futuro" na "aposta clara pola tecnoloxía". Agora, augura, a sede pode traer consigo un efecto "arrastre" nun sector "estratéxico na economía do futuro". "Estamos francamente contentos", sinala.

No eido local, alén da ledicia da alcaldesa socialista, Inés Rey, e do seu convencemento de que  "hoxe gaña A Coruña e con ela toda Galicia", a celebración chegou tamén dende o resto da corporación municipal. PP e BNG reiteraron, a través de Miguel Lorenzo e Francisco Jorquera, os parabéns de ambas forzas e o mesmo fixo a Marea Atlántica, que ve a elección como unha "moi boa nova" ante a que o Concello debe "tecer alianzas" con diversos sectores económicos e concellos da comarca para que "o seu impacto sexa o máis beneficioso posible".

Unha das escasas discordancias non chegou dende Galicia, senón dende Madrid. Nomeadamente, por parte do PP desa comunidade autónoma, que considerou a designación da Coruña e mais a de Sevilla -no caso da capital andaluza, para albergar a Axencia Espacial- como unha "traizón a Madrid" por parte de Pedro Sánchez. "É un paso máis para descapitalizar Madrid sen o máis mínimo respecto", e unha "falta de respecto" aos habitantes de Madrid, consideran.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados