E-distrito

Noticias

O pai da batería de ión-litio: “Galicia ten un enorme potencial eólico, o reto é almacenalo”

O pai da batería de ión-litio: “Galicia ten un enorme potencial eólico, o reto é almacenalo”

  O nobel de Química de 2019 lamenta en Santiago como o seu descubremento cambiou os nosos costumes: “O bo e o malo son indisolubles, tamén na ciencia”

  27 novembro 2022

  Nos anos 70, Michael Stanley Whittingham (Reino Unido, 1941) deu un paso crucial á era dixital ao idear un innovador cátodo dunha batería de litio que a nivel molecular tiña espazos que podían albergar ións, a clave para recarga.  En realidade, investigaba para a petroleira Exxon sistemas de carga alternativos ao cru para alimentar os vehículos en plena crise do fuel. E mentres trataba de mellorar a condutividade dun material deu co xerme do que sería a batería ión-litio, a base de consumo tecnolóxico do mundo moderno que alimenta os nosos insaciables móbiles, portátiles e tablets. 

  Profesor da Universidade Estatal de Nova York, a última vez que tocou terra en Europa foi nun voo a Oslo para recoller o premio Nobel de Química en 2019 compartido con John B. Goodenough e Akira Yoshinoy, que terminaron de afinar e patentar a batería.

  Aterrou en Santiago para tomar parte no ciclo Conciencia da USC, onde impartirá unha conferencia sobre os fenómenos meteorolóxicos extremos globais. Afable e moi concienciado coa sustentabilidade, responde as preguntas de GCiencia nunha sala do Pazo de Fonseca cunha mensaxe moi concreta: o futuro pasa por reciclar e atopar a fórmula de almacenar e compartir a enerxía modulando o paradigma do consumo. 

  —Químico británico, extraballador da industria petroleira norteamericana, Premio Nobel e tremendamente concienciado do cambio climático e da sustentabilidade ambiental. É vostede unha rara avis?

  —(Risas) Estiven no sitio correcto no momento oportuno e tiven un pouco de sorte, pero son froito das miñas circunstancias. 

  —Moitos grandes descubrimentos ocorreron por casualidade. Que papel xoga o azar na ciencia? Ou, como dixo Picasso, a inspiración tenche que coller traballando.

  —O papel do azar (serendipia) é excepcionalmente importante. Eu traballaba en mellorar a condutividade dun material e descubrín unha reacción química e a posibilidade de almacenar e recargar.  Ás veces cando as cousas saen mal, atopas algo excepcional. Digamos que a semente caeu na persoa que podía facela brotar e levala adiante pola formación previa. Había un traballo previo en sólidos e na almacenaxe de ións en pequenos espazos, e na mobilidade dos mesmos. 

  —Nese momento foi consciente das posibilidades do que atopara? Da posibilidade da batería recargable e da súa multiplicidade de aplicacións?

  —Si. Sabía que achara algo diferente e algo que estivera buscando dalgún modo. Detiven a investigación en supercondutividade e centreime nisto outro. Non se se dixen Eureka ou algo parecido -chancea-, pero souben que había algo grande alí que había que estudar a fondo e cambiei o meu camiño de traballo.  

  —En retrospectiva, vendo como o seu descubrimento cambiou a forma na que nos relacionamos os humanos. Que opina? É unha sorte de escravitude dixital?

  —Estou de acordo: o somos. Precisamente é o que comentei no banquete do discurso ao recoller o premio Nobel. Revolucionou as vidas pero non sempre para ben. O bo e o malo son indisolubles. Veñen xuntos e non se poden illar o un do outro, tampouco na ciencia. 

  —Cal é o gran desafío enerxético do noso tempo? 

  —Poder almacenar a enerxía, interconectala e compartila.  É o verdadeiro reto. Cada país tentarao por separado pero necesitaríamos facelo ao unísono. Pequenas granxas de baterías en bloques de vivendas e localidades, autosuficientes enerxeticamente e ao mesmo tempo, interconectadas. Aposto porque os coches funcionen como pequenos nodos de enerxía, millóns deles conectados de forma que se poden recargar se necesitan pero tamén achegar ao sistema. Notei estes días que Galicia ten un potencial eólico enorme. Hai que poder almacenalo de forma segura para cando sexa necesario sen malgastalo e de forma que se poida exportar. Ese é o reto. 

  —Desde o seu punto de vista e coñecemento, chegará un día no que sexa posible eliminar os fósiles e o consumo enerxético se sostenga en renovables?

  —A maior parte de ela sí, pero os avións e grandes barcos necesitarán combustibles líquidos. 

  —A guerra de Ucraína tamén puxo de manifesto a fraxilidade dos equilibrios xeopolíticos e as súas consecuencias como a dependencia enerxética externa. Consumimos demasiado? 

  —Desde logo. Fixádevos que un norteamericano consome o dobre de enerxía que un europeo, que xa é bastante. Hai que facer pedagoxía contra o malgaste e o consumo irracional. 

  —Falaba de poñer coto ao desperdicio tecnolóxico. É habitual conservar vellos móbiles cos seus cargadores e baterías. Acumulamos demasiado lixo dixital? 

  —Totalmente. Hai que concienciarse de que todo iso pode e debe se reciclar.  Conteñen elementos aproveitables e que son causa de conflito en Congo como o cobalto. 

  —A súa conferencia en Santiago xira ao redor dos fenómenos meteorolóxicos extremos. Somos conscientes do risco severo de seca e calor extremo do que nos advertiu a comunidade científica?

  —Xa son unha realidade. Hai territorios que van desaparecer baixo o nivel do mar: Holanda, Nova York ou Bangladesh. 

  Derivado de Galicia Ciencia.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados