E-distrito

Noticias

A inflación da Eurozona bate un novo récord e escala até 9,9%: do 6,2% de Francia ao 24,1% de Estonia

A inflación da Eurozona bate un novo récord e escala até 9,9%: do 6,2% de Francia ao 24,1% de Estonia

  No mes de setembro, once dos dezanove países da zona euro rexistraron taxas de inflación de dobre díxito; no caso de España caeu ao 9%.

  19 outubro 2022

  A taxa de inflación interanual da Eurozona situouse o pasado mes de setembro en 9,9%, o que supón un novo récord histórico e unha aceleración de oito décimas a respecto da rexistrada en agosto, malia ficar unha décima por baixo da primeira estimación de 10% publicada por Eurostat, segundo se desprende da segunda lectura do dato realizada pola oficina comunitaria de estatística. No caso do conxunto da Unión Europea, a taxa de inflación interanual de setembro acelerouse a 10,9% desde o 10,1% correspondente ao mes de agosto.

  En setembro observouse unha suba xeneralizada dos prezos na Eurozona, polo que o incremento non é atribuíbel a unha soa figura. Os prezos da enerxía, aínda os principais impulsores da taxa, medraron 40,7% no noveno mes do ano, fronte á alza de 38,6% observada en agosto.

  Pola súa parte, os alimentos frescos elevaron os seus prezos 12,7%, o que representa unha aceleración de 1,7 puntos fronte ao encarecemento de 11% do mes anterior. Os servizos rexistraron unha inflación de 4,3%, cinco décimas máis, mentres que os bens industriais non enerxéticos aceleráronse catro décimas, até 5,6%.

  Ao excluír do cálculo o impacto da enerxía, a taxa de inflación interanual da zona euro situouse en setembro en 6,4%, fronte ao 5,8% do mes anterior, mentres que ao deixar fóra tamén o efecto dos prezos dos alimentos frescos, o alcol e o tabaco, a taxa de inflación subxacente alcanzou un récord de 4,8%, cinco décimas máis que en agosto.

  No mes de setembro, once dos dezanove países da zona euro rexistraron taxas de inflación de dobre díxito, mentres que entre os Vinte e sete foron un total de dezaoito os que rexistraron alzas do custo da vida de, cando menos, 10%.

  Entre os países integrados na UE, as maiores subas de prezos observáronse en Estonia (24,1%), Lituania (22,5%) e Letonia (22%), mentres que os incrementos de menos intensidade observáronse en Francia (6,2%), Malta (7,4%) e Finlandia (8,4%). No caso do Estado español, a taxa de inflación harmonizada alcanzou en setembro 9%, fronte ao 10,5% de agosto, polo que logrou un diferencial de prezos favorábel a respecto da eurozona de nove décimas.

  En comparanza coa eurozona e a UE, a taxa de inflación dos EUA situouse o pasado mes de setembro en 8,2%, unha décima por baixo da suba dos prezos no mes de agosto, mentres que no Reino Unido repuntou a 10,1%, fronte ao 9,9% de agosto, volvendo así ao nivel máximo desde 1982 que xa se observara tamén en xullo.

  O Consello de Goberno do Banco Central Europeo (BCE) subiu os tipos de interese en 50 puntos básicos en xullo e en 75 puntos na súa reunión de setembro. O órgano reitor do banco central da zona euro volverá reunirse para examinar a súa política monetaria o próximo 27 de outubro.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados