E-distrito

Noticias

O uso do bus interurbano aumentou un 20% en Galicia no inicio das viaxes a metade de prezo

O uso do bus interurbano aumentou un 20% en Galicia no inicio das viaxes a metade de prezo

  Dende principios de setembro están en vigor as medidas do Goberno de España fronte á crise de prezos en materia de transporte

  14 outubro 2022

  Dende principios de setembro están en vigor as medidas do Goberno de España fronte á crise de prezos en materia de transporte, entre as que destacan os abonos gratuítos para viaxes en trens de proximidade e media distancia da Renfe e os plans de descontos nos autobuses. No caso dos autobuses interurbanos de competencia da Xunta, o plan traduciuse nunha achega pública do 50% (30% Estado, 20% Xunta) para as viaxes abonadas coa tarxeta do transporte público, desconto que nalgúns traxectos chega a ser do 95% por decisión da principal empresa concesionaria, Monbús, para competir co tren.

  Nos primeiros días de setembro, o BNG rexistrou no Parlamento unha pregunta escrita á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para cuestionala sobre a implantación destas medidas e por aspectos como o desequilibrio provocado polo feito de que os prezos súper reducidos non cheguen alén do eixo atlántico e deixen fóra especialmente á cidade e á provincia de Lugo, que seguen tendo as peores conexións ferroviarias. O departamento que dirixe Ethel Vázquez rexistrou a súa resposta o pasado 11 de outubro, achegando algún dato significativo como un incremento do 20% no uso do bus interurbano dende a entrada en vigor dos descontos e tamén asumindo como propias as queixas lanzadas por Monbús contra o paquete de medidas do Estado.

  "No conxunto" de Galicia, di Infraestruturas nesa resposta, "o desconto temporal do 50% incrementou nun 20% os usuarios do autobús interurbano". Os datos máis recentes publicados dos autobuses interurbanos competencia do Goberno galego, publicados pola propia Xunta en maio e correspondentes ao primeiro trimestre do ano, cifraban en 7,74 millóns as persoas que utilizaran o servizo, o que supuña unha media duns 2,6 millóns ao mes. Cuns niveis de uso semellantes, o primeiro mes do desconto situaría o uso do bus interurbano galego por riba dos 3,1 millóns de persoas.

  O Goberno galego di que "a gratuidade do tren provocou unha caída das viaxes en autobús" no eixo atlántico "un 12% a respecto do agardado" e por iso Monbús elevou o desconto ata o 95%

  Alén do dato, a resposta da Consellería esténdese en reproches ao Goberno de España, tanto os propios como os de Monbús, asumidos como propios. Así, tal e como se laiara o pasado setembro a compañía que preside Raúl López, a Xunta defende que "no eixo atlántico, a gratuidade dos bonos do tren provocou unha situación discriminatoria que desequilibrou a convivencia entre os modos de transporte" e "deixou o autobús nunha situación de pouca competitividade" nun "momento de crise dos prezos dos carburantes que incrementa os custos de explotación".

  A Xunta di "estimar" que "a gratuidade do tren provocou unha caída das viaxes en autobús na concesión do eixo atlántico dun 12% a respecto do agardado", un "transvasamento de pasaxeiros ao tren" que "freou a progresiva recuperación da demanda perdida" nos autobuses "como consecuencia da pandemia". Trátase, defende a Consellería, dun "desequilibrio na competencia co tren" que "levou á concesionaria", Monbús, a "aplicar unha rebaixa adicional propia, como unha medida promocional dentro dunha estratexia comercial para gañar usuarios". 

  Pero a Xunta "non pode esixir a aplicación dun desconto semellante noutros traxectos nin ao resto de empresas", conclúe sen especificar se observa discriminación para as persoas usuarias das liñas das súas concesións que non poden acceder aos prezos súper reducidos ao 95%. Infraestruturas tampouco fai mención ás eivas no servizo nalgunhas comarcas, caso de Ferrol, nin ás saturacións nalgúns traxectos que si admitiu a propia Monbús.

  A Xunta non pode esixir a aplicación dun desconto semellante noutros traxectos", responde a Consellería ao BNG tras ficar Lugo como única cidade sen ningunha conexión con outras urbes bonificada ao 95%

  Na pregunta do BNG, asinada por Olalla Rodil e Paulo Ríos, a formación lamentara o "agravio comparativo" que para a cidadanía de Lugo supón non pode acceder a ningún dos traxectos co maior desconto. "Valoramos positivamente as medidas anunciadas para reducir o custo do billete de bus e de tren", pero "debe procurarse a equidade para o conxunto do territorio e non agraviar a veciñanza e localidades que xa padecemos un déficit de infraestruturas que lastras as nosas oportunidades económicas e sociais", sinalaran.

  Alén de todos estes aspectos, a Consellería reitera as críticas ao Goberno de España que vén realizando nas últimas semanas. O Real Decreto e a posterior Orde do Ministerio de Transportes, acusa, non permite "coñecer con anticipación cal será o importe que corresponderá" á Xunta para sufragar a parte do desconto que pon o Estado (30%) nin "se será abonado para facer fronte ás compensacións que a Xunta abonará aos concesionarios polo abaratamento das tarifas". O Real Decreto está dotado con 200 millóns ampliables e situou o "último trimestre do ano" como horizonte para o pagamento ás comunidades autónomas, "agás circunstancias excepcionais".

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados