E-distrito

Noticias

Rueda acorda rebaixas no IRPF e defende a "senda propia" da Galiza en materia fiscal

Rueda acorda rebaixas no IRPF e defende a "senda propia" da Galiza en materia fiscal

  O presidente da Xunta anunciou que o IRPF, alén de baixar de 9,4 a 9% no treito autonómico, sufrirá unha nova rebaixa en rendas inferiores a 35.000 euros para "paliar a inflación".

  27 setembro 2022

  O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu esta terza feira que a Galiza continuará coa súa "senda propia" en política fiscal e anunciou que o IRPF, alén de baixar de 9,4 a 9% no treito autonómico como avanzara no seu discurso de investidura, sufrirá unha nova rebaixa en rendas inferiores a 35.000 euros para "paliar a inflación".

  Isto servirá, segundo estimou durante a súa comparecencia no Parlamento galego para avanzar as liñas mestras dos Orzamentos de 2023, que cada galego e galega aforrará unha media de 450 euros, o que se traduce nun total de 46 millóns de euros.

  "A inflación non pode supor para os galegos pagar máis polo IRPF", aseverou Rueda, para avanzar que esta rebaixa de 4,1 terá efectos retroactivos, é dicir, desde o 1 de xaneiro de 2022.

  En Galiza, as fortunas pagan menos que no Estado; as rendas baixas, máis

  O Executivo galego tense gabado en reiteradas ocasións das rebaixas aplicadas sobre o IRPF, mais a afectación non é equivalente sobre os niveis de renda.

  Así, os tramos de ingresos entre 20.000 e 26.999 euros tributaron na Galiza cun tipo de 14%, reducíndose en 2022 a 11,65%, o que significou unha baixada de 2,35% no IRPF. Mais nese mesmo período a rebaixa para as rendas de 60.000 a 99.000 euros foi de 3,1%, dándose un incremento de 0,9% no tramo de renda de 27.700 a 35.199 euros.

  A contribución media por IRPF dunha cidadá ou cidadán do Estado cunha renda de 45.000 euros é de 9.500 euros. Porén, na Galiza sitúase en 9.680 euros. No caso oposto, as persoas con rendas superiores a 600.000 euros tributan no Estado a razón de 270.000 euros; no caso galego, 258.000 euros.

  Máximo histórico nas contas de 2023

  Por outra parte, o presidente da Xunta detallou que os departamentos de Economía, Industria, Promoción do Emprego e Política Social serán os que máis medren nas contas para 2023, que ascenden até o máximo histórico de 12.800 millóns de euros, o que supón 8,2% máis que as de 2022.

  Da contía que sobe, Rueda calculou que 40% estará asignado a subas salariais do emprego público, así como para afrontar uns "maiores custos enerxéticos e financeiros" da Administración galega.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados