E-distrito

Noticias

Rueda anuncia que o goberno galego reducirá o Imposto de Patrimonio ao 50% para os orzamentos de 2023

Rueda anuncia que o goberno galego reducirá o Imposto de Patrimonio ao 50% para os orzamentos de 2023

  A medida reducirá a cantidade a pagar neste concepto por parte dos 0´02 máis ricos da comunidade e significará unha perda de ingresos para a Xunta de 37 millóns de euros.

  23 setembro 2022

  O presidente galego, Alfonso Rueda, anunciou que a Xunta ampliará a bonificación ao imposto de patrimonio, que pasará de 25% a 50% nos orzamentos de 2023. "Tomaremos decisións en materia fiscal", dixo, sobre unhas contas centradas, avanzou, en "protexer a actividade empresarial e as persoas".

  "Estamos a estudar outras medidas, pero adianto que non subiremos impostos". "É moito mellor baixar impostos que subilos, non ten ningún sentido subilos", recalcou esta sexta feira, nun foro organizado por La Voz de Galicia no que participou nun relatorio sobre "Competitividade e innovación para unha Galiza con máis certezas".

  "Estamos acabando de rematar un orzamento serio ao que lle faltan variábeis importantes para acabar de fechalo", afirmou tamén en resposta ás demandas de información sobre o mesmo da oposición.

  Esta mesma quinta feira Rueda afirmara, preguntado polos anuncios de Andalucía e Murcia de seguir o ronsel de Madrid na eliminación deste imposto, que Alberto Núñez Feixoo "non guía" a política fiscal da Galiza, se ben apostaba nas rebaixas de impostos.

  "Temos a nosa propia senda marcada e tomamos as nosas decisións conforme ao que lles conveña aos galegos", asegurou. 

  Descentralizar os fondos europeos

  Na súa intervención desta sexta feira, o presidente volveu criticar a execución dos fondos europeos por parte do Executivo estatal. "A día de hoxe está a espertar máis incertezas que seguridades", manifestou, após rexeitar a xestión "centralizada" dos mesmos que, ao seu xuízo, está a supor, entre outras cuestións, "a incapacidade recoñecida para facer chegar os fondos ás pemes".

  Por iso, reclamou un "cambio de sistema absoluto" antes de falar da segunda fase destes fondos. "Que espabile o que ten que espabilar", engadiu sobre o Goberno. "Outra solución para xa é que se descentralicen os pertes", indicou, sobre os proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica.

   Reacción da oposición

  O anuncio non agradou as forzas da oposición no Parlamento, contrarias a esta medida.

  "É unha burla que Rueda decida baixarlle os impostos ás 7.000 millonarios mentres as familias, a clase traballadora, as persoas autónomas non chegan a fin de mes, pero ven como o presidente da Xunta traballa para unha minoría, quitando recursos á maioría social, porque este pelotozo fiscal do PP significa menos recursos para sanidade, para educación, para dependencia ou para loitar contra o cambio climático, en definitiva supón quitarlle recursos á maioría xusto na maior crise de prezos en corenta anos", lamentou a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón.

  Esta reforma fiscal suporía, a ollos da líder nacionalista, "agasallar 37 millóns de euros aos máis ricos" mentres o mesmo goberno "acaba de suprimir a tarxeta básica de axuda á compra de alimentos e medicinas ás familias con máis dificultades".

  O anuncio de Rueda chega nun momento, subliñou Pontón, no que "temos unha atención primaria colapsada, hai recortes en sanidade e educación, ou temos un sistema de residencias de maiores totalmente privatizado, falta de medios para atender a dependencia e moitas pequenas e medianas empresas están afogadas sen recibir axudas".

  Na mesma liña pronuniciouse o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, que cualificou a proposta de "decepción" e acusou Rueda de mostrar "escasa sensibilidade co pobo galego".

  A rebaixa, que "só afectará 0,02% dos máis ricos", dixo Formoso, "prexudica claramente a cada galego e galega", polo que urxiu unha política fiscal "xusta", "que permita manter os servizos públicos e a Galiza e non só beneficiar os máis ricos, que son os que menos problemas teñen que sufrir en plena crise económica".

  "En calquera caso non deixa de sorprendernos que o presidente adopte unha política fiscal que prexudica á sociedade galega e beneficia a unha minoría, que son os que menos problemas teñen, que son os que teñen máis de 1 millón de euros nas súas contas", engadiu.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados