E-distrito

Noticias

Os hospitais galegos Povisa, Polusa e Juan Cardona pasarán a ser propiedade dun grupo privado francés

Os hospitais galegos Povisa, Polusa e Juan Cardona pasarán a ser propiedade dun grupo privado francés

  Vivalto Santé, terceiro grupo privado sanitario de Francia, vén de mercarlle o grupo valenciano Ribera á aseguradora multinacional americana Centene Corporation.

  26 xullo 2022

  Vivalto Santé, terceiro grupo privado sanitario de Francia, vén de mercarlle o grupo valenciano Ribera á aseguradora multinacional americana Centene Corporation, que xestiona nove hospitais no Estado español, ademais de brindar outros servizos sanitarios.

  Entre os hospitais que pasan a mans deste grupo de investimento privado están o vigués de Povisa; Polusa, situado na cidade de Lugo; e o Hospital Juan Cardona, en Ferrol.

  Centene Corporation confirmou nun comunicado que a transacción formalizarase cando obteña as autorizacións regulatorias dos organismos administrativos competentes, polo que podería formalizarse a finais de ano.

  Neste sentido, o grupo Ribera salientou "os oito anos de exitosa colaboración coa aseguradora americana líder en programas sanitarios públicos, que facilitou a innovación tecnolóxica e a presenza en proxectos en Reino Unido e Centro Europa".

Vivalto Santé

Pola súa parte, a directora xeral de Centene Corporation, Sarah London, sinalou nun comunicado que esta operación forma parte da revisión da súa estratexia para as súas divisións internacionais. Así, destacou que esta transacción representa "outro fito importante" no "plan de creación de valor e revisión continua da carteira".

  London destacou Vivalto Santé como "un socio líder no coidado da saúde en Europa, quen creo que está mellor posicionado para impulsar o crecemento e realizar investimentos adicionais en Ribera Saúde para que poida continuar brindando atención de alta calidade aos pacientes en todo o mundo".

  Vivalto Santé é a terceira empresa hospitalaria privada máis grande de Francia, opera máis de 50 hospitais privados e está controlada por Vivalto Partners, unha firma europea de capital privado dedicada á industria da saúde. Máis de 1.000 médicos tamén son accionistas do grupo.

  Centene ten a intención de utilizar a maioría dos ingresos netos da venda para recomprar accións e o resto para reducir a súa débeda.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados