E-distrito

Noticias

Pedro Sánchez anuncia unha rebaixa do IVE da luz: pasará de 10% a 5%

Pedro Sánchez anuncia unha rebaixa do IVE da luz: pasará de 10% a 5%

  A medida enmárcase dentro da loita contra a inflación que afecta moi negativamente ás economías de toda Europa e EEUU entre outros países.

  22 xuño 2022

  O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, acaba de anunciar no Congreso que o Executivo ten pensado aprobar unha rebaixa no Imposto do Valor Engadido (IVE) da luz, que pasará de 10% actual a 5%.

  O anuncio tivo lugar na sesión de control ao Goberno do Estado que decorre esta cuarta feira na Cámara baixa española, como resposta a unha pregunta de Esquerra Republicana (ERC).

  O portavoz no Congreso de ERC, Gabriel Rufián, preguntou a Sánchez polas medidas que ten pensado adoptar o Executivo estatal para paliar a situación económica do Estado español, xa que "a xente non pode chegar a comprar froita en verán". 

  Rufián asegurou que, de non atacar a inflación, "pódelles arrasar a vostedes e a nós no verán", en alusión a unha posíbel convocatoria anticipada de eleccións pasado o período estival. "Basta de parches, de cheques. Impostos ás grandes fortunas deste país, ás grandes empresas eléctricas e petroleiras. Fagan o que prometeron", sentenciou o deputado de Esquerra Republicana.

  Pola súa parte, o presidente español volveu sinalar a guerra en Ucraína como causante do encarecemento da vida tanto en España e Europa como noutros países como EEUU -coa inflación máis alta dos últimos 40 anos-, e mantivo que o seu Goberno está a tomar medidas para axudar a familias e empresas.

  Tamén lembrou que o pasado ano o Executivo estatal xa aprobara unha rebaixa do IVE da luz, que naquel momento estaba en 21%, a 10% actual.

  Consello de Ministras e Ministros extraordinario

  Segundo explicou o presidente, esta rebaixa do IVE da luz será aprobada polo Consello de Ministras e Ministros extraordinario convocado para este sábado.

  Esta xuntanza de carácter urxente dos integrantes do Executivo de Sánchez servirá tamén para aprobar outras medidas contra a inflación, recollidas no novo decreto para facer fronte ás consecuencias da alza dos prezos.

  Derivado de Nós Diario.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados