E-distrito

Noticias

Galicia rexistrou o pasado ano un novo mínimo de nacementos e xa é o territorio do Estado con peor saldo vexetativo

Galicia rexistrou o pasado ano un novo mínimo de nacementos e xa é o territorio do Estado con peor saldo vexetativo

  O pasado ano naceron en Galicia 14.784 nenos e nenas, 500 menos que no ano anterior

  16 xuño 2022

  Galicia sofre dende hai décadas unha crise de natalidade que a leva a rexistrar cada ano moitas máis defuncións que nacementos e a experimentar un progresivo envellecemento da poboación, só compensado minimamente grazas á inmigración. Dende 1988 o saldo vexetativo (diferenza entre nacementos e mortes) é negativo no país e os datos de 2021, publicados este mércores polo INE, constatan que esta fenda continúa a aumentar.

  O pasado ano naceron en Galicia 14.784 nenos e nenas, 500 menos que no ano anterior. Ao tempo, producíronse 32.841 mortes, unha cifra moi semellante á do 2020 (32.845), un ano marcado polo inicio da pandemia de COVID-19. Dende o ano 2020 en Galicia rexístranse dúas mortes por cada nacemento, unha ratio que no 2021 se consolidou e ampliou.

  O número anual de nacementos en Galicia acumula 13 anos de descensos sen interrupción, dende os 23.175 de 2008. Hoxe son case nove mil menos, cunha diminución de 7.000 na última década. Semella que de pouco ou nada están a servir os incentivos e bonificacións aplicadas pola Xunta nos últimos anos. Galicia tivo o pasado ano cinco mil nacementos menos que antes da posta en marcha da tarxeta-benvida, posta en marcha no ano 2016

  Galicia é a comunidade autónoma que rexistra unha maior diferenza negativa entre nacementos e mortes (-18.057), superando a Castela e León (con menor poboación)

  En consecuencia, Galicia é a comunidade autónoma que rexistra unha maior diferenza negativa entre nacementos e mortes (-18.057), superando a Castela e León (con menor poboación) e á Comunidade Valenciana. Tan só Madrid, Murcia e Baleares tiveron no ano 2021 un saldo vexetativo positivo. No 2020 a comunidade autónoma con peor saldo foi Castela e León e Galicia era o segundo territorio con peores datos.

  No 2021 Galicia perdeu seis mil habitantes máis e rexistrou a cifra de poboación máis baixa no último medio século, situándose nos 2.687.418 habitantes.

  Ademais, Galicia é na actualidade a segunda comunidade autónonoma cunha menor taxa de natalidade (5,49 nacementos por cada mil habitantes), só por riba de Asturias (4,74), despois de que no 2021 Castela e León presentase datos superiores aos galegos (5.50). A taxa de natalidade en Galicia, en descenso dende o 2008 (8,40), sitúase por por debaixo da media española (7,10) e máis lonxe aínda de territorios coma Navarra, Andalucía, Baleares, Cataluña ou Madrid.

  Case o 14% dos nacementos corresponden a mulleres de 40 anos e máis, fronte ao 6% de hai unha década

  En paralelo, a idade media da maternidade leva anos incrementándose. Mentres que no ano 2010 case o 30% dos partos correspondían a mulleres de menos de 30 anos, nos últimos datos dispoñibles esa porcentaxe supera por pouco o 20%. En cambio, case o 14% dos nacementos corresponden a mulleres de 40 anos e máis, fronte ao 6% de hai unha década. O grupo de idade máis habitual para ser nai é xa o de 35 a 39 anos.

  Derivado de Praza.

Ver todas as noticias

Parking Mallos
Parking Mallos

Relacionados