Feijóo dimitirá como quinto presidente da Xunta de Galicia e tras 13 anos e uns días no cargo “esta semana”, dous meses e medio despois de que estourase a crise do PP estatal que o levou á súa presidencia. Así o anunciou este mércores no Parlamento, nunha sesión de control ao seu goberno que a oposición aproveitou para facer balance xeral dos seus mandatos concluíndo que a Galicia de hoxe está “peor da que encontrou”.
“Seguirei servindo á terra nai”, asegurou Feijóo na súa despedida da Cámara, na que é deputado desde 2005, hai case 18 anos. Un hemiciclo que o despediu coas bancadas do PP aplaudindo en pé, e co saúdo persoal e o recoñecemento "institucional" dos portavoces da oposición, Ana Pontón e Luis Álvarez. Os dous coincidiron en lamentar a situación na que deixa Galicia, que segundo Álvarez pasará “dun presidente interino a un presidente en prácticas”, mentres que Pontón amosoulle o seu “respecto institucional como presidente da Xunta” e sorte no persoal pero matizando que “ten que entender que non podo desexarlle éxitos no político”.